O Narón Balompé Piñeiros foi un club de fútbol galego do concello de Narón, na provincia da Coruña. Foi fundado no ano 1996 pola fusión da U.D. Piñeiros co club de fútbol sala Narón Balompé. Na temporada 2007/08, a mellor da súa historia, chegou a disputar a Fase de Ascenso á 2ª División B grazas ao 3º posto acadado na liga regular, sendo eliminado polo Antequera C.F. O club azulado desapareceu en 2015 afogado polos problemas económicos. Uns meses despois fundouse o CD Narón.[1]
O Narón Balompé Piñeiros xogou no Estadio Municipal de Río Seco, situado a escasos metros do límite municipal coa cidade de Ferrol e a carón do polígono industrial de As Lagoas, na localidade de Narón. Ten unha capacidade de 522 localidades de asento e foi inaugurado en 1999. O Narón Balompé Piñeiros xogou tamén no campo do Cadaval, no barrio de Piñeiros, entre 1996 e 1999 e nos seus últimos anos de existencia.