Moucho de orellas

ave de rapina nocturna

O moucho de orellas (Otus scops) é unha ave de rapina nocturna da familia das estrixiformes, moi pequena, de escasamente o tamaño dun merlo. A especie está dividida en seis subespecies moi pouco diferenciadas.

Moucho de orellas
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Strigiformes
Familia: Strigidae
Xénero: Otus
Especie: O. scops
Nome binomial
Otus scops
(Linnaeus, 1758)
     Verán      Residente      Inverno
     Verán      Residente      Inverno

     Verán      Residente      Inverno

Descrición

editar

Teñen dous penachos de plumas na cabeza que recordan cando están dereitos unhas orellas. A plumaxe é da cor da casca das árbores, con coloracións que van do gris o acastañado, coa cara, a parte inferior, que amosa listas lonxitudinais negras, e unha liña nos ombreiros máis claras. Os ollos teñen o iris laranxa amarelado. Cando voan distínguense do moucho común (Athene noctua) pola cola máis curta e as ás máis estreitas.

Miden entre 19 e 21 cm de lonxitude e teñen unha envergadura de ás de entre 47 e 54 cm, o que os converte na segunda rapaz nocturna máis pequena de Europa, por ben que a impresión visual de tamaño varía segundo a postura das "orellas": cando as teñen recollidas vense pequenos, gordos e cabezudos, cando as estiran semellan máis delgados, de cabeza máis pequena e meirandes do que son en realidade.

A súa voz é moi característica e non é doada de confundir coa doutras aves, aínda que pode recordar a chamada dos sapos do xénero Alytes. É un berro case sempre monosilábico, algo nasal e non moi alto, que repiten, ás veces durante horas, con intervalos de entre 2 a 3,5 segundos. En ocasións o ton principal e precedido dun anterior que o pode facer parecer bisílabo. O feito de xiraren a cabeza mentres emiten a súa voz fai que non sexa doado localizar a súa posición acusticamente. Comezan a actividade sonora pouco despois de pórse o sol e acábana ó amencer e, contra a media noite redúcena durante unha ou dúas horas. Machos e femias cantan a miúdo en dúo, sendo o berro das femias ´de ton algo máis alto e menos regular. Cando están excitados deixan oir un repique producido co bico.

Exemplos de voz

editar

O seguinte enlace amosa un exemplo do canto dun sapo do xénero Alytes, semellante ó do moucho de orellas:

Hábitat

editar

Os mouchos de orellas son aves de zonas temperadas que habitan áreas abertas, en ocasións mesmo en zonas áridas. Entre os seus hábitats máis habituais están as plantacións de oliveiras, bosques de pinos e carballeiras aclaradas, pero tamén cemiterios e en ocasións parques. No norte da súa área de distribución vive sobre todo nas ladeiras de outeiros e montañas orientadas cara ó sur. Foxen dos bosques pechados. En África son aves de sabana.

 
laranxa: Migratorio, en xeral de longa distancia
verde: Sedentario ou migrador parcial
azul: Zonas de invernada

Distribución e subespecies

editar

Ademais da forma nominativa O. s. scops, distínguense cinco razas máis:

  • O. s. cycladum, das illas Cícladas e Creta).
  • O. s. cyprius , de Chipre, e a área preto da costa asiática do Mediterráneo.
  • O. s. mallorcae das illas Baleares).
  • O. s. pulchellus, que vive ó leste da forma nominativa chegando as súas poboacións ata ó lago Baikal.
  • O. s. turanicus, a variedade máis clara e máis meridional, que cría sobre todo en estepas e oasis do medio leste asiático ata Paquistán.

Os puntos de máis concentración en Europa da especie como ave reprodutora están situados ó longo do mar Mediterráneo, especialmente en España, Croacia e Turquía. As poboacións teñen unha distribución máis irregular en Francia e Italia. A súa presenza en África do norte e tamén irregular, faltando completamente en Libia e Exipto . En Centroeuropa as súas poboacións son máis escasas canto máis ó norte..

Conduta e reprodución

editar

Son aves estritamente nocturnas, que comezan a fase activa coa posta do sol ou pouco despois e acábana ó amencer, cando regresan ó seu lugar de descanso, no que pasan o día practicamente inmóbiles, con pequenas pausas que aproveitan para limpa-las plumas. O seu punto de máxima actividade está situado antes da media noite, momento no que fan unha pausa dunhas dúas horas. Machos e femias non adoitan compartir, mesmo durante a cría dos polos, o mesmo lugar de repouso diúrno. Durante a época reprodutora os machos pasan o día en xeral en sitios onde teñan o niño á vista. Os polos que acaban de deixar o niño e non poden aínda voar, repousan nunha pola, preto do tronco da árbore na que naceron e moi apertados os uns contra os outros. Cando se senten ameazados, os mouchos de orellas adoptan unha posición de camuflaxe erguéndose moito. Nesta postura poden pasar moito tempo inmóbiles e só a presenza moi próxima do intruso lles fai abandonala pola na que están para marcharen cara a outra, onde volven adoptar a mesma posición. Se non poden fuxir, adoptan diversas técnicas de agresión que van de xiros asíncronos dos ollos e repiques do bico a ataques coas unllas e o bico. Malia que limpan frecuentemente as plumas, raras veces se observan tomando baños de sol ou de area.

O seu voo é case totalmente silencioso, con fases de planeo. Cando voan, as ás semellan moi longas.

Reprodución

editar
 
Otus scops

Forman parellas monógamas e estacionais, aínda que se coñecen casos de polixinia. Mesmo en casos de que un dos membros da parella morre prematuramente non adoitan formarse novas parellas. Maduran sexualmente cando teñen uns 10 meses de idade. Durante a época de cría son territoriais e as femias defenden o territorio con máis intensidade cós machos, que no reaccionan agresivamente á presenza de femias alleas.

Fan os niños principalmente en buratos nas árbores e ocasionalmente en fornelas en rochas ou edificios. En raras ocasións aproveitan niños de pegas e outros córvidos e niños artificiais. Coma é habitual nas estrixiformes o lugar do niño non é apenas mellorado, limitándose os mouchos de orellas a escalaren un pouco para faceren unha pequena depresión. Non aportan ningún material se hai restos dun niño anterior non os eliminan.

Poñen en xeral 3 ou 4 ovos brancos e con forma de óvalo curto e duns 31 x 27 mm. De tamaño medios. Chocan exclusivamente as femias. Os polos, que saen do ovo despois de 22 días de incubación, son alimentados polos dous pais e están en condicións de voaren cando teñen uns corenta día, aínda que son coidados polos pais uns 20 días máis,. Despois abandonan o territorio destes para dispersárense.

Alimentación e técnicas de caza

editar

A súa fonte de alimentación principal son os insectos, sobre todo os de máis tamaño coma saltónss e escaravellos. Comen tamén miñocas e, máis raramente e nunha cantidade pouco significativa no total da súa dieta, paxariños, mamíferos pequenos coma ratos ou musarañas, anfibios e réptiles, As presas son localizadas desde un punto de espreita situado a pouca altura e capturadas no chan. Moi raras veces cazan en voo ou camiñando polo. As súas técnicas para cazar aves son descoñecidas.

Migracións

editar

Son aves maioritariamente migratorias, cos cuarteis de inverno nas sabanas con árbores ou mato ó sur do Sáhara. As aves novas comezan a viaxe migratoria a mediados de agosto e a finais de setembro xa non quedan mouchos de orellas nos territorios de cría, por ben que pequenos grupos de poboación do sur de España, sur de Italia e a Grecia meridional non emigran e a variedade O. s. cyprius parece non ser migratoria. Volven a aparecer nos territorios de reprodución a partir de finais de marzo, aínda que en xeral fano na segunda metade de abril. As variedades non europeas pasan o inverno no leste de África.

Ameazas

editar

Coma no caso doutras aves amigas da calor e que se alimentan de insectos os cambios agrícolas, o uso masivo de insecticidas e en certa parte os cambios climáticos, provocaron unha redución drástica das súas poboacións a partir dos anos 1960. A caza directa e os accidentes producidos polo tráfico son tamén causas importantes da caída das poboacións da especie, como tamén os cambios nos territorios de invernada.

Nomes vulgares noutras linguas

editar
  • Alemán: Zwergohreule.
  • Español: Autillo.
  • Danés: Dværghornugle.
  • Finés: Kyläpöllönen.
  • Francés: Petit-duc scops.
  • Inglés: European Scops Owl.
  • Neerlandés: Dwergooruil.
  • Portugués: Mocho-d’orelhas.
  • Ruso: Spliuxka obyknovennaia (Сплюшка обыкновенная).
  • Sueco: Dvärguv.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Hans Günther Bauer/Peter Berthold: Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung. Aula-Verlag, Wiesbaden 1997. S. 247f. ISBN 3-89104-613-8
  • John A. Burton (Hrsg); Eulen der Welt – Entwicklung – Körperbau – Lebensweise, Neumann-Neudamm Verlag Melsungen, 1986, ISBN 3-7888-0495-5
  • Urs N. Glutz von Blotzheim (Hrsg.): Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Bearbeitet u. a. von Kurt M. Bauer und Urs N. Glutz von Blotzheim. Aula-Verlag, Wiesbaden 1987–1998. Band 9 ColumbiformesPiciformes. 2., durchgesehene Auflage 1994. S 278–302. ISBN 3-89104-562-X
  • Theodor Mebs/Wolfgang Scherzinger: Die Eulen Europas. Franckh-Stuttgart 2000. ISBN 3-440-07069-7

Ligazóns externas

editar
  • Fotos do moucho de orellas aquí e aquí.
  • Canto da especie en Kalerne.
  • Xustificación da clasificación da especie entre as de "Preocupación Baixa" na lista vermella de especies ameazadas da IUCN[1] Arquivado 26 de marzo de 2007 en Wayback Machine.