Mikel Antza

Membro de ETA

Mikel Albisu Iriarte, máis coñecido polo seu alcume Mikel Antza, nado en Donostia en 1961, foi un dos máximos dirixentes da banda terrorista ETA. Foi o dirixente do grupo que máis tempo estivo á fronte da organización, dende que en 1993 se fixo cargo da súa dirección política ata que foi detido en 2004 en Francia xunto a outros membros de ETA, entre eles a súa parella, María Soledad Iparraguirre 'Anboto', na casa que ocupaban dende xuño de 1999 en Salies de Béarn.[1][2][3] Antes da súa detención, Antza fora condenado en Francia en tres ocasións en rebeldía (ausente), cada unha delas a cinco anos de cárcere.[2]

Modelo:BiografíaMikel Antza

(2019) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(eu) Mikel Albisu Iriarte Editar o valor en Wikidata
7 de xuño de 1961 Editar o valor en Wikidata (63 anos)
Donostia, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor Editar o valor en Wikidata
Pseudónimo literarioMikel Antza Editar o valor en Wikidata
Familia
ParellaMaría Soledad Iparraguirre Editar o valor en Wikidata
PaiRafa Albisu Editar o valor en Wikidata

Inguma: mikel-antza Literaturaren Zubitegia: 7 BNE: XX911014

Biografía

editar

Antza é fillo de Rafael Albisu Ezenarro, un dos fundadores de Ekin, organización histórica antecedente de ETA. Adquiriu prestixio no seo de ETA ó ser o organizador da fuga do cárcere de Martutene (Donostia) de Joseba Sarrionandia e de Iñaki Pikabea o 7 de xullo de 1985 polo que tivo que fuxir a Francia. Entrou directamente no aparello político da organización, ás ordes primeiro de Josu Urrutikoetxea, e de Txelis despois. Tras a detención dos máximos dirixentes de ETA en Bidart en 1992, converteuse no novo xefe político, e ocupábase das publicacións, estratexia, compra de armas e relacións internacionais de ETA, así como de controlar a actividade da esquerda abertzale.[3][4] Como estratego de ETA, cambiou as tácticas da mesma, tratando de desbordar ó Estado rompendo a unidade dos partidos democráticos no País Vasco combinando accións terroristas —o asasinato do concelleiro Miguel Ángel Blanco considérase a primeira mostra da nova estratexia— co chamado proxecto de "construción nacional" ou "alternativa democrática" que levou á firma do Pacto de Lizarra en 1998.[3] Un dos seus momentos de máxima importancia en ETA foi durante a tregua declarada durante o goberno de José María Aznar, momento no que se reuniu en 1999 en Zúric co tres representantes do Goberno: Javier Zarzalejos, Ricardo Martí Fluxá e Pedro Arriola. A ruptura da tregua supuxo un punto de inflexión e o seu declive paulatino en ETA.[3]

Tras a detención en 2004, o xuízo en Francia contra Antza e outro oito procesados iniciouse no Tribunal do Criminal de París, en novembro de 2010, acusado de ser o xefe do aparello político de ETA no intre da súa detención, polo que o fiscal solicitou 30 anos de prisión.[2][5] Foi condenado o 17 de decembro de 2010 a 20 anos de prisión como responsable político de ETA, a mesma pena que á súa compañeira, María Soledad Iparraguirre, Anboto.[4]

Actividade literaria

editar

Mikel Albisu tamén é coñecido pola súa actividade como escritor dende hai máis de 30 anos. Publicou o seu primeiro conto co pseudónimo de Mikel Antza no primeiro número da revista literaria Susa en 1979. Posteriormente traballou e foi colaborador habitual do semanario Argia como responsable da área de teatro e outros labores. Esta actividade intelectual levouno a estar moi ligado a Joseba Sarrionandia, ó que visitou en numerosas ocasións en prisión.

En 1983 gañou o premio literario Cidade de Irún con Suzko gezi bat bezala (Como unha frecha de lume). En 1984 publicou xunto con Iñaki Uria a obra de teatro Beteluko balnearioko mirakulua (O milagre do balneario de Betelu), representada posteriormente pola compañía Branka. A súa segunda obra teatral, Hiru damatxo (Tres señoritas) é de 1986. Foi coordinador da peza teatral Marinela, de Fernando Pessoa, en 1985. En 1985 igualmente publicou a colección de narracións Lehen bilduma 82-84 (Primeira colección 82-84) e en 1987 a novela Odolaren usaina (O cheiro do sangue). Hoxe día continúa escribindo e publicando libros.

Selección da súa obra

editar
Narrativa
  • Suzko gezi bat bezala (1983, GAK)
  • Lehen bilduma 82-84 (1985, Susa)
  • Odolaren usaina (1987, Susa)
  • Ospitalekoak (2010, Susa)
  • Bakarmortuko kronikak (2011, Ataramiñe)
Teatro
  • Beteluko balnearioko mirakulua (1985, Susa) con Iñaki Uria
  • Hiru damatxo (1986)
Cancións
  • JFK, con Fermin Muguruza
  • Euskaldunok eta zientzia
  • Numerosas cancións para diversos grupos