Messenger (sonda espacial)

MESSENGER (acrónimo de Mercury Surface, Space Environment, Geochemistry and Ranging) é unha sonda espacial da NASA pertencente ó programa Discovery e lanzada o 3 de agosto de 2004 mediante un foguete Delta 7925H desde a rampla 17B do Centro Espacial de Cabo Cañaveral.[2][5][6]

MESSENGER
Representación artística de MESSENGER en órbita de Mercurio.
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Destino actualEn órbita de Mercurio.[1]
Data de lanzamento3 de agosto de 2004, 6:15:56 UTC[1][2][3][4]
Foguete portadorDelta 7925H[2][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 17B[2][6]
Obxectivo da misiónEstudo de Mercurio.[2][6]
NSSDC ID2004-030A
Masa485,2 kg (baleiro), 1108 kg (cargado con propelente)[2][5]
DimensiónsCaixa de 1,27 m x 1,42 m x 1,85 m cun parasol semicilíndrico de 2,5 m de alto e 2 m de ancho e dous paneis solares que lle dan unha envergadura de 6 m.[2]
Potencia450 vatios[2]

Características editar

MESSENGER foi lanzada cara Mercurio co fin de estudar as características e a contorna do primeiro planeta a partir do Sol. Mercurio só fora visitado previamente pola sonda Mariner 10 na década de 1970, realizando tres sobrevoos sobre o planeta. MESSENGER foi deseñada para medir a composición química da superficie mercuriana, a súa historia xeolóxica, a orixe do seu campo magnético, o tamaño e estado do núcleo do planeta, as posibles substancias volátiles dos seus polos e a orixe e composición da súa exosfera. A duración inicial da misión ía ser dun ano terrestre.[2][6]

A viaxe de MESSENGER cara Mercurio durou case sete anos, nos que sobrevoou a Terra unha vez (2 de agosto de 2005), Venus dúas (24 de outubro de 2006 e 5 de xuño de 2007) e Mercurio tres veces (14 de xaneiro e 6 de outubro de 2008 e 29 de setembro de 2009) antes da inserción orbital, que ocorreu ás 00:45 UTC do 18 de marzo do 2011 tras un encendido do motor da nave de 15 minutos de duración. Durante a viaxe, MESSENGER usou o seu motor tamén durante cinco manobras de espazo profundo para axustar a súa órbita antes de chegar a Mercurio. Os diferentes sobrevoos aproveitáronse para recoller datos científicos.[2][6]

A nave ten forma de caixa cunhas dimensións de 1,27 m x 1,42 m x 1,85 m. Un dos lados está protexido por un escudo solar de forma semicilíndrica de 2,5 m de alto e 2 m de ancho. A alimentación eléctrica é proporcionada por dous paneis solares que sobresaen da nave. O magnetómetro está situado nun mastro de 3,6 m de longo. A masa total da nave, incluíndo 607,8 kg propelente, era de 1093 kg. A estrutura da nave está formada por dous paneis verticais que soportan os dous tanques de combustible e por outros dous paneis verticais que conteñen o tanque de oxidante e un panel cos tubos de interconexión. Os catro paneis verticais forman a columna central da nave e na súa parte inferior están unidos por un adaptador de aluminio. O panel superior alberga o motor principal e os propulsores menores, os tanques de helio e de combustible auxiliar, os seguidores de estrelas e a batería.[2][6]

 
Diagrama de MESSENGER.

O motor principal é bipropelente e ten un pulo de 645 Newton e un impulso específico de 317 s. Compleméntase con catro propulsores monopropelente de 22 N de pulo e dez propulsores monopropelente de 4 N para control de actitude, que se complementa cun sistema de volantes de inercia. A determinación da posición da nave ten lugar grazas a un sistema de cámaras seguidoras de estrelas, unha unidade de guía inercial e seis sensores solares. Os paneis solares, capaces de rotar sobre si mesmos, proporcionan ata 450 vatios de potencia na órbita de Mercurio. Están formados por un 70% de reflectores que disminúen a súa temperatura e un 30% de células solares de arseniuro de galio e xermanio. A enerxía eléctrica almacénase nunha batería de níquel-hidróxeno.[2][6]

As comunicacións principais da sonda coa Terra teñen lugar en banda X a través de dous conxuntos de antenas fixas por aliñamento de fase e mediante varias antenas de media e baixa ganancia en distintas partes da nave. O control térmico é pasivo grazas ó escudo térmico cerámico e a varios radiadores situados no corpo da sonda, así como ó illamento multicapa que cobre partes da nave. O escudo, na órbita de Mercurio, chega aos 370 °C mentres mantén a nave a menos de 20 °C. A órbita de MESSENGER está deseñada para que a radiación visible e infravermella devolta pola superficie do planeta non exceda os límites soportables pola nave, aínda que leva a bordo quentadores para asegurarse de que certos compoñentes non baixen das súas temperaturas operativas.[2][6]

O sistema de control da nave usa electrónica redundante, cada sistema con dous procesadores funcionando un a 25 MHz e outro a 10 MHz.

Instrumentos editar

MESSENGER leva sete instrumentos científicos a bordo, que en total non superan os 50 kg:[2][5][6]

  • Mercury Dual Imaging System (MDIS), para fotografar a superficie. Está composto por unha cámara gran angular e un teleobxetivo montadas sobre unha plataforma que pode moverse para apuntar aos obxectivos de interese.
  • Gamma-Ray and Neutron Spectrometer (GRNS), para medir a composición da superficie, a abundancia relativa de diferentes elementos e buscar xeo nos polos de Mercurio.
  • X-ray Spectrometer (XRS), para medir a composición da superficie e estudar a abundancia relativa de certos elementos.
  • Mercury Laser Altimeter (MLA), para levantar un mapa topográfico do planeta.
  • Atmospheric and Surface Composition Spectrometer (MASCS), espectrómetro para estudar a composición do planeta e da súa exosfera.
  • Energetic Particle and Plasma Spectrometer (EPPS), para investigar a contorna de campos e partículas arredor de Mercurio.
  • Magnetómetro, para medir o campo magnético do planeta.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "MESSENGER" (en inglés). Consultado o 3 de febreiro de 2015. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 NASA (26 de agosto de 2014). "MESSENGER" (en inglés). Consultado o 3 de febreiro de 2015. 
  3. "Notes verbales dated 15 and 16 November 2004 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (11-87980). 13 de decembro de 2004: 3. Consultado o 3 de febreiro de 2015. 
  4. Claude Lafleur (2010). "MESSENGER" (en inglés). Consultado o 3 de febreiro de 2015. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Gunter Dirk Krebs (2015). Gunter's Space Page, ed. "MESSENGER (Discovery 8)" (en inglés). Consultado o 3 de febreiro de 2015. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Mark Wade (2011). "Messenger" (en inglés). Consultado o 3 de febreiro de 2015. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar