Mariner 10

sonda espacial estadounidense para estudar Venus e Mercurio

Mariner 10 foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 3 de novembro de 1973 mediante un foguete Atlas-Centaur desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral para estudar Venus e Mercurio.[1][2][3]

Mariner 10
Mariner 10
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Destino actualEn órbita heliocéntrica, fóra de servizo.[1][2][3]
Data de lanzamento3 de novembro de 1973, 5:45 GMT[1][4][5][6]
Foguete portadorAtlas-Centaur[1][3]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 36B[1][2]
Obxectivo da misiónEstudo de Venus e Mercurio.[1][2]
NSSDC ID1973-085A
Masa473,9 kg sen propelente[1]

Características editar

Mariner 10 pertencía ó programa Mariner da NASA. Foi a sétima nave do programa lanzada con éxito, a primeira en realizar unha asistencia gravitatoria, usando Venus para chegar a Mercurio, a primeira en visitar este último planeta e ademais a primeira en visitar dous planetas. Mariner 10 sobrevoou Mercurio un total de tres veces, tomando as primeiras fotografías da súa superficie.[1][2][3]

A misión principal da nave era caracterizar o contorno, atmosfera, superficie e parámetros físicos tanto de Venus como de Mercurio, así como facer medicións do medio interplanetario e obter experiencia en manobras de asistencia gravitatoria.[1][2][3]

O corpo principal da nave, feito de magnesio, tiña forma de polígono de oito caras, con cada cara formada por un compartimento con electrónica e cunha lonxitude en diagonal de 1,39 m e 0,457 m de altura. A alimentación eléctrica era proporcionada por dous paneis solares, cada un de 2,69 m de longo e 0,97 m de ancho. Na parte do corpo principal que apuntaba no sentido contrario ó Sol situábase unha plataforma con instrumentos e con dous graos de liberdade. Dun dos lados do corpo sobresaía un mastro de 5,8 m de lonxitude co magnetómetro no extremo. A masa total da nave no lanzamento era de 502,9 kg, incluídos 29 kg de propelente e 79,4 kg de instrumentos científicos.[1][2][3]

 
Imaxe de Venus no ultravioleta tomada por Mariner 10.

A propulsión da sonda corría a cargo dun motor de 222 N de pulo, monopropelente, alimentado por hidracina. O control e mando de a bordo eran responsabilidade dun ordenador cunha memoria de 512 palabras. As comunicacións tiñan lugar mediante unha antena parabólica de aluminio e alta ganancia direccional e movible mediante un motor. Unha segunda antena, máis pequena e omnidireccional, ía montada no extremo dun mastro de 2,85 m sobresaíndo da parte antisolar da sonda, e as transmisión tiñan lugar en banda S ou banda X e a unha velocidade máxima de 117,7 kb/s.[1][2][3]

A nave orientábase usando un seguidor de estrelas que apuntaba constantemente a Canopus e mediante sensores solares situados nos extremos dos paneis solares.[1][2][3]

Desenvolvemento da misión editar

Tras o lanzamento, Mariner 10 foi posta nunha órbita de aparcamento arredor da Terra durante 25 minutos, partindo logo cara Venus. O escudo solar non se despregou totalmente, co que varios instrumentos (os analizadores electrostáticos, o espectrómetro de electróns) fallaron. Ademais, os quentadores das cámaras de televisión de a bordo non funcionaron, polo que para evitar problemas por baixadas de temperatura deixaronse acendidas todo o tempo.[1][2][3]

 
Foto de Mercurio durante a primeira aproximación, antes de chegar á distancia mínima do planeta.

Dez días despois do lanzamento, Mariner 10 executou unha manobra de corrección de traxectoria despois da cal o seguidor de estrelas confundiu unha partícula de pintura desprendida da nave con Canopus, perdendo a orientación correcta. A nave recuperou a orientación con Canopus grazas a un protocolo de recuperación, pero o problema da perda de orientación por partículas de pintura repetiuse máis veces. Varios problemas afectaron tamén ó ordenador de a bordo, reseteándose e perdendo a configuración de sistemas e da hora, e outros problemas afectaron á antena de alta ganancia.[1][2][3]

En xaneiro de 1974 a sonda fixo observacións no ultravioleta do cometa Kohoutek. O 21 dese mes Mariner 10 fixo unha segunda corrección de manobra, e o 5 de febreiro ás 17:01 UTC pasou a 5768 km da superficie de Venus, tomando as primeiras imaxes próximas do planeta e executando a primeira manobra de asistencia gravitatoria da historia.[1][2][3]

Mariner 10 cruzou a órbita de Mercurio por primeira vez o 29 de marzo de 1974 ás 20:46 UTC e a 704 km de distancia da superficie do planeta. O segundo encontro tivo lugar o 21 de setembro de 1974, a unha distancia de 48.069 km, e o terceiro e último encontro ocorreu o 16 de marzo de 1975 a unha altura de 327 km. Tras este último encontro, a nave estivo facendo probas adicionais ata que o propelente de control de actitude se esgotou o 24 de marzo de 1975 e Mariner 10 xa non foi capaz de orientarse para comunicarse coa Terra.[1][2][3]

Resultados científicos editar

Mariner 10 mostrou que na atmosfera venusiana a circulación era de tipo Hadley e que o planeta carece de campo magnético. Tamén atopou que a súa ionosfera interactúa co vento solar, creando unha onda de choque. En Mercurio confirmou que non existe atmosfera e que está repleto de cráteres, atopando ademais un débil campo magnético e descubrindo que o núcleo do planeta ten que ser rico en ferro.[1][2][3]

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 NASA (1 de xullo de 2013). "Mariner 10" (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Mark Wade (2011). "Mariner 10" (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 Gunter Dirk Krebs (2013). Gunter's Space Page, ed. "Mariner 10" (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  4. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "MARINER 10 (MVM-73)" (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  5. "Letter dated 16 May 1974 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (74-13517). 23 de maio de 1974: 2. Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  6. Claude Lafleur (2010). "Mariner 10" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2012. Consultado o 26 de xullo de 2013. 

Véxase tamén editar