O merlo papobranco[2][3] (Turdus torquatus) é unha ave de Europa da familia dos tordos e os merlos Turdidae. Pode considerarse o equivalente de zonas montañosas da especie moi relacionada merlo común (T. merula). Reprodúcese en barrancos, áreas rochosas ou derrubios de ladeira.

Nomenclatura editar

O nome científico deriva das palabras do latín turdus, 'tordo', e torquatus, 'con colar'.[4]

A especie foi descrita por Carl Linnaeus na súa obra Systema naturae en 1758 co mesmo nome científico que ten hoxe.[5]

Taxonomía editar

Existen unhas 65 especies de tordos de mediano ou gran tamaño no xénero Turdus. Aínda que hai dúas especies de tordos europeos que son derivacións temperáns da liñaxe eurasiática de Turdus despois de que se espallasen polo norte de África, o caso do merlo papobranco é distinto, xa que descende de antepasados que colonizaron as illas do Caribe procedentes de África e posteriormente chegaron a Europa desde alí.[6]

Descrición editar

O macho adulto é todo negro excepto na área con forma de media lúa que ten no peito e un peteiro amarelado. As ás teñen unha aparencia prateada debido ás beiras brancas das plumas. Diferénciase doadamente do merlo común polo babeiro branco do peito. Algunhas das plumas vólvense griseiras en outono, dándolle un aspecto escamoso.

A femia é similar pero máis clara, e os individuos xoves adoitan carecer da área de media lúa no peito e teñen plumaxe marrón parecéndose ás femias.

Comportamento e ecoloxía editar

Reprodúcese nas rexións altas de Europa central e occidental e tamén no Cáucaso e nas montañas de Escandinavia. A maioría das poboacións son migratorias, e invernan na rexión mediteránea. Está declinando en parte da súa área de distribución, especialmente en Irlanda, onde xa se reproduce só en dous condados. En España inverna nos montes de Teruel, a serra de Ronda (Málaga) e a serra da Tramontana (Mallorca), preferentemente en zonas cubertas de xenebreiros, cuxos froitos inxire nesta época. En Galicia é unha ave de paso rara.[3]

 
Un merlo papobranco disecado

É territorial e normalmente pode verse só ou en parellas, aínda que poden formarse algunhas bandadas pouco cohesionadas durante a migración. Cando non se está reproducindo, poden asociarse laxamente tamén varios exemplares nas boas áreas de alimentación, como unha árbore froiteira, a miúdo con outros túrdidos.

O macho canta a súa canción alta e triste formada por varias frases curtas que se repiten de 2 a 4 veces (tac-tac-tac, chuc-chuc-chuc-chuc), xeralmente nunha póla dunha árbore, nunha rocha ou no chan, aínda que ás veces o fai en pleno voo. Nese caso o son faino unha soa vez e parécese a un chuirrr.

Dieta editar

É omnívoro e come unha gran variedade de insectos, miñocas terrestres, pequenos roedores, réptiles e froitos.

Reprodución editar

 
Ovos da especie na colección do Museo de Wiesbaden

O merlo papobranco fai o niño en arbustos ou entre rochas, poñendo varios ovos azuis claros con pintas marróns, nun niño con forma de copa de marzo a abril.

Notas editar

  1. "Turdus torquatus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 388, 393. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  5. Linnaeus, C (1758). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata. (en latín). Holmiae. (Laurentii Salvii). p. 169. T. nigricans, torque albo, rostro fiavescente. 
  6. Reilly, John (2018). The Ascent of Birds. Pelagic Monographs. Exeter: Pelagic. pp. 221–225. ISBN 978-1-78427-169-5. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar