Marcador do discurso

(Redirección desde «Marcadores do discurso»)

Os marcadores do discurso, tamén chamados "ligazóns extraoracionais" ou "conectores argumentativos", "extraoracionais", "procesadores textuais" etc., son unidades lingüísticas invariables que non exercen unha función sintáctica no marco da predicación oracional. Son, pois, elementos marxinais. Posúen un cometido coincidente no discurso: o de guiar, de acordo coas súas distintas propiedades morfosintácticas, semánticas e pragmáticas, as inferencias que se realizan na comunicación[1].

Características

editar

Gili Gaya sinalaba xa algunhas das características propias destas partículas:

  • O seu vínculo con nocións exteriores á predicación oracional.
  • O seu carácter invariable.
  • A heteroxeneidade da súa entidade categorial: conxuncións, frases conxuntivas, interxeccións etc...
  • A versatilidade distribucional de moitos deles (ocupan a posición inicial, medial ou final do membro discursivo en que comparecen).
  • A súa peculiaridade significativa: contribúen a establecer o que o autor denomina coherencia, e acadan unha pluralidade de valores semánticos en combinación, frecuentemente, cos trazos suprasegmentais adecuados (a entoación, sobre todo).
  • Poden asignarse a rexistros distintos, nuns casos son máis propios do discurso escrito -porén, no entanto, por conseguinte...- e noutros son máis ben propios do discurso oral -pois, así que...-.
  • Chegan a constituír simples apoios da elocución ou "retrousos" na fala coloquial.

Función

editar

Que son invariables, pode verse en que non é o mesmo dicir "Lucía está lesionada e, por conseguinte, non pode xogar" ca "Lucía está lesionada e, por este motivo, non pode xogar", xa que "por conseguinte" non desempeña función sintáctica ningunha nin admite flexión (*por conseguintes) nin complementos, cousa que si pode facer "por este motivo", que admite plural ou pode reformularse con complementos "ata por estes pequenos motivos". En consecuencia, non pode dicirse que "por este motivo" e expresións semellantes sexan verdadeiros marcadores do discurso.

Agora ben, os marcadores do discurso poden aparecer desempeñando funcións sintácticas, pero xa non como marcadores do discurso: Fareino ben / Ben, fareino. Fareino en calquera caso / En calquera caso, fareino. Non ten por que responder así / Así, non ten por que responder. Díxoo nunha palabra / Nunha palabra, díxoo.

Os marcadores do discurso diferéncianse das conxuncións en que non sempre se sitúan ao principio do texto, senón que posúen unha maior mobilidade, inda que moitos deles se sitúan alí obrigatoriamente. Por outra banda, non admiten negación, nin -entre si- coordinación: *bo e xa que logo, aínda que poden coordinarse con sintagmas situados en inciso no caso de que sexan adverbios marcadores: "A cultura é ademais, e sobre todo, actualidade". "De feito, e malia que se verían infinidade de veces, nunca se referirían a aquel feito sobrenatural".

Tipoloxía

editar

María Antonia Martín e José Portolés distinguen cinco tipos de marcadores discursivos, cada un cos seus diversos subtipos:

  1. Reformuladores: explicativos, rectificativos, distanciadores, recapitulativos.
  2. Operadores argumentativos: de reforzo e concreción.
  3. Marcadores conversacionais: espistémicos, de evidencia ou ben orientadores de fonte- e deónticos, enfocadores de alteridade e metadiscursivos conversacionais.
  1. VV. AA., Gramática descriptiva da lingua española, p. 4057