Marcado de datas (na etiquetaxe dos alimentos)
Na etiquetaxe de tódolos produtos alimenticios envasados, salvo contadas excepcións, debe indicarse a data de caducidade ou a data de consumo preferente.
A data de caducidade aplicarase sobre aqueles alimentos microbioloxicamente moi perecedoiros, é dicir, aqueles que ó cabo dun breve período de tempo poden ser causa de intoxicacións alimentarias. Trátase dunha información necesaria para a seguridade alimentaria dos consumidores.
A data de consumo preferente aplicarase sobre aqueles alimentos non perecedoiros nun breve prazo e que, superado este, non representan un perigo sanitario senón unha perda de calidade ó poderse altera-las características organolépticas propias do alimento.
A forma de expresa-lo marcado de datas nos alimentos está definida polo RD 1334/1999, de 31 de xullo, polo que se aproba a Norma xeral de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios (BOE nº 202, 24.08.1999).
A indicación das datas deberá estar impresa de forma clara, perfectamente lexible e ben visible. Nunca se deberán admitir produtos alimenticios nos que estea manipulada ou tapada con calquera outra marca ou etiqueta (como tal, coa etiqueta do prezo).
Fabricantes, distribuidores e inspección oficial son os responsables de que se cumpra a Norma, pero son os consumidores quen deben exercita-lo seu dereito de comprar un produto cando cumpra as súas esixencias ou de rexeitalo cando se lle negue unha información á que ten dereito.
A denominación de venda, a cantidade neta e o marcado de datas deberán figurar no mesmo campo visual do envase, agás nos pequenos envases (menores de 10 centímetros cadrados na súa cara maior) nos que só será obrigatorio a cantidade neta e o marcado de datas.
Pode indicarse a continuación das expresións anteditas ou cunha referencia ó lugar onde se indica na etiqueta.
Determinados produtos están exentos de indica-lo marcado de datas:
- As froitas e hortalizas frescas, incluídas as patacas que non foran peladas, cortadas ou sometidas a calquera outro tratamento similar. Esta excepción non se aplicará ás sementes xerminadas nin a produtos similares como os abrochos de leguminosas.
- Os viños e produtos similares obtidos a partir de froitas distintas da uva.
- As bebidas cunha gradación alcohólica do 10% ou superior.
- As bebidas refrescantes sen alcohol, zumes de froitas, néctares de froitas e bebidas alcohólicas en envases individuais de máis de cinco litros destinados ás colectividades.
- Os produtos de panadería ou repostería que se consomen normalmente no prazo de vinte e catro horas despois da súa fabricación.
- Os vinagres.
- O sal de cociña.
- O azucres en estado sólido.
- Os produtos de confeitería consistentes case exclusivamente en azucres aromatizados ou coloreados.
- As gomas de mascar e produtos similares.
- As porcións individuais de xeados.
NotasEditar
A indicación das datas de caducidade ou de consumo preferente é obrigatoria para os alimentos envasados. Quérese dicir que nos alimentos non envasados (presentación habitual da carne fresca, do peixe fresco, froitas, verduras e hortalizas, conxelados a granel etc.) non teñen a obriga de indicalas.
Debe terse presente, igualmente, que o envoltorio no que se entregan estes alimentos ó consumidor (papel, bolsas plásticas etc.) non se considera envase, e polo tanto non ten por qué incluír esta información.
No caso dos moluscos bivalvos vivos (mexillón, ameixas, ostra, navalla etc.) a Norma obriga a indica-la data de envasado e permite substituí-la data de caducidade pola expresión “Estes moluscos estarán vivos no momento da súa venda”.
Canto á idioma da etiquetaxe, a Norma impón expresa-la información obrigatoria (entre outras, o marcado de datas) en castelán, como mínimo, polo que o habitual será que a forma na que poidamos ler esta información nos produtos que adquirimos habitualmente será “Fecha de caducidad” ou “Consumir preferentemente antes del / antes del fin de”.
Véxase taménEditar
Outros artigosEditar
Ligazóns externasEditar
- Real Decreto 1334/1999, de 31 de xullo, polo que se apreba a Norma xeral de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios (BOE nº 202, 24.08.1999)
- Directiva 2000/13/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 20 de marzo de 2000, relativa á aproximación das lexislacións dos Estados membros en materia de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios (DOUE L109, de 6.05.2000) Arquivado 16 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
- Consumer.es Eroski: El etiquetado correcto de los alimentos