Data de caducidade

prazo de consumo dun alimento que establece como seguro un comerciante

En boa parte dos alimentos envasados debe indicarse na etiquetaxe o prazo que establece o fabricante durante o cal o alimento resulta seguro para o consumidor. A data límite deste prazo é o que denominamos data de caducidade.

Noutros casos, nos que non existe ese perigo sanitario, o fabricante debe indicar a data de consumo preferente, tamén chamada data de duración mínima, que expresa o período de tempo durante o cal o fabricante garante que o alimento mantén as características organolépticas propias. Neste caso preténdese informar ó consumidor de aspectos de calidade do produto, non de seguridade alimentaria.

A lexislación europea e nacional obriga a indica-la data de caducidade no caso dos produtos alimenticios microbioloxicamente moi perecederos, polo que poden supor un perigo inmediato para a saúde humana despois dun curto período de tempo.

A forma de expresa-la data de caducidade está definida polo Regulamento (UE) 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello de 25 de outubro de 2011, sobre a información alimentaria facilitada ó consumidor (DOUE L 304, de 22.11.2011) [1].

Debe estar indicada mediante a lenda “data de caducidade”, seguida da mesma data ou dunha referencia ó lugar onde estea impresa na etiqueta. A expresión da data de caducidade constará do día, mes e, eventualmente, ano, nesta orde.

A data de caducidade irá sempre acompañada da descrición das condicións de conservación que deben respectarse (nos circuítos de distribución e no domicilio do consumidor). Referímonos ás temperaturas de conservación (refrixeración ou conxelación) e integridade do envase.

A indicación da data de caducidade deberá estar impresa de forma clara, perfectamente lexible e ben visible. Nunca se deberán admitir produtos alimenticios nos que estea manipulada ou tapada con calquera outra marca ou etiqueta (como tal, coa etiqueta do prezo).

Fabricantes, distribuidores e inspección oficial son os responsables de que se cumpra a Norma, pero son os consumidores quen deben exercita-lo seu dereito de comprar un produto cando cumpra as súas esixencias ou de rexeitalo cando se lle negue unha información á que ten dereito.

A indicación das datas de caducidade ou de consumo preferente é obrigatoria para os alimentos envasados. Quérese dicir que nos alimentos non envasados (presentación habitual da carne fresca, do peixe fresco, froitas, verduras e hortalizas, conxelados a granel etc.) non teñen a obriga de indicalas.

Debe terse presente, igualmente, que o envoltorio no que se entregan estes alimentos ó consumidor (papel, bolsas plásticas etc.) non se considera envase, e polo tanto non ten por qué incluír esta información.

No caso dos moluscos bivalvos vivos (mexillón, ameixas, ostra, navalla etc.) a Norma obriga a indica-la data de envasado e permite substituí-la data de caducidade pola expresión “Estes moluscos estarán vivos no momento da súa venda”.

Canto á idioma da etiquetaxe, a Norma impón a expresa-la información obrigatoria (entre outras, o marcado de datas) en castelán, como mínimo, polo que o habitual será que a forma na que poidamos ler esta información nos produtos que adquirimos habitualmente será “Fecha de caducidade” ou “Consumir preferentemente antes del / antes del fin de”.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  • Regulamento (UE) 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello de 25 de outubro de 2011, sobre a información alimentaria facilitada ó consumidor (DOUE L 304, de 22.11.2011). [2] (versión consolidada a 1.01.2018).
  • Consumer.es Eroski: El etiquetado correcto de los alimentos [3]