Manuel de Pedre
Manuel de Pedre Prego, nado en Caión (A Laracha) o 8 de xuño de 1869, foi un mestre, xornalista e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de xuño de 1869 (155 anos) Caión, España |
Actividade | |
Ocupación | mestre, xornalista, político |
Traxectoria
editarFillo de José Rosendo de Pedre Rodríguez. Foi mestre en Montemaior (1890). En 1893 aprobou as oposicións do Maxisterio e obtivo praza en Melide. Permutou para Viana do Bolo en 1895. Publicou algúns artigos en El Magisterio Gallego. Foi expedientado en 1900, sendo mestre en Viana do Bolo[1]. Instalouse en Santiago de Compostela, onde foi propietario de La Estaca, interveu no mitin do 1 de maio de 1907 e foi presidente da Juventud Liberal de Santiago. En 1911 integrouse no Centro Republicano de Santiago e dirixiu o seu periódico La República. Tamén foi candidato republicano nas elección municipais de novembro dese ano, pero non foi elixido. Reintegrouse no Maxisterio e foi mestre interino en Arcos (1918) e Mañón (1920). En 1920 o Ministerio de Instrución Pública concedeulle o indulto que lle permitiu reingresar como propietario no Maxisterio. Foi destinado a Bóveda e en 1928 pasou a ser mestre de Barallobre. Integrouse na Liga de Amigos de Barallobre e en 1933 foi elixido tesoureiro da Asociación de Traballadores da Ensinanza de Ferrol e Comarca da UGT. Foi promotor xunto con Alfonso Piñón do Monumento ao camiñante descoñecido inaugurado en Barallobre o 1 de xullo de 1934.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi suspendido de emprego e soldo e aínda que foi reposto provisionalmente en decembro de 1938, foi separado definitivamente do servizo no verán de 1940.
Vida persoal
editarCasou en 1893 en Santiago de Compostela con Ramona Casal Varela (que finou en 1919),[2] e foi pai de Francisco, Juan, Cristina e Manuel de Pedre Casal.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Un mestre republicano: Manuel de Pedre Prego Arquivado 11 de setembro de 2019 en Wayback Machine.