Macario o Grande

relixioso exipcio

Macario o Grande, nado e finado no século IV, foi un monxe de Exipto que fundou unha colonia eremítica no deserto de Scitia (Wadi-el-Natrum).

Unha ilustración do santo Macario o Grande.

Traxectoria

editar

De moi novo retirouse da vida mundana para se dedicar ao pastoreo e á elaboración de cestos. Coa súa venda socorría a pobres e necesitados.

Os seus biógrafos Sozomeno, Paladio, Casiano e Rufino contan diversos episodios que enfatizan os seus dons e santidade. Foi moi popular o relato que conta que unha muller o acusou de preñala. Debido a isto foi desprezado, arrastrado e golpeado polo pobo. El non o negou e mesmo comezou a atender o sostemento material da futura nai, ata que esta revelou o nome do verdadeiro pai, o que suscitou o abraio social pola resignación amosada fronte á difamación. Foi tamén moi coñecida a terapia que aconsellou a un monxe, consistente en irse ao camposanto a aldraxar e afagar aos mortos, para aprender sobre a impasibilidade ante as loanzas e as inxurias.

Venerado en vida, moitos acudían a el, polo que se retirou ao deserto. Cara ao ano 335 visitou a Antón Abade no deserto de Tebas, episodio recollido na historia da arte. Ao redor do ano 375 foi desterrado polo bispo ariano de Alexandría a unha illa do delta do Nilo, o que aproveitou para converter ao cristianismo os seus habitantes. Evraxio Póntico foi o seu discípulo. As crónicas que recollen que viviu ata os 90 anos, tras décadas de duras penitencias e unha vida serena, alegre e paciente, son pouco verosímiles.

A el atribúenselle 50 homilías que son aínda hoxe fonte importante da espiritualidade cristiá e do misticismo oriental e o hesicasmo. O seu contido é moi apreciado na Igrexa Ortodoxa. Textos de Macario o Grande están incorporados á Filocalia, constituíndo cento cincuenta capítulos sobre a vida espiritual.

quen se afasta da lembranza de Deus, acaba caendo na xenreira ou na arrogancia

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Pedro R. Santidrián, Diccionario de pensadores cristiáns, Estella, 1999, ISBN 84-7151-724-8
  • Schauber, Schlinder: Bidelexikon der heiligen, 1999
  • La Filocalia, Salamanca, 2004, ISBN 84-301-0990-0