Auguste e Louis Lumière

irmáns franceses inventores da cámara e proxector cinematográficos
(Redirección desde «Lumière»)

Auguste Marie Louis Nicholas Lumière, nado o 19 de outubro de 1862 e finado o 10 de abril de 1954, e Louis Jean Lumière, nado o 5 de outubro de 1864 e finado o 6 de xuño de 1948, naceron en Besançon e foron dous irmáns franceses inventores da cámara e o proxector que denominaron cinematógrafo (cinématographe en francés, do grego kinema, movemento e graphein, escribir). Están considerados, por moitos, como os pais do cinema.

Auguste e Louis Lumière.

Traxectoria

editar

Eran fillos do fotógrafo Antoine Lumière, dono da empresa de material fotográfico Société Antoine Lumière et fils de Lión. Foron os creadores do proxector cinematográfico, a partir do cal se desenvolveu a Sétima Arte. Louis viría máis tarde a dedicar por completo a súa vida ao cinema, realizando documentais curtos, e Auguste, máis tarde, seguiu a carreira na medicina. Casaron con dúas irmás e moraban todos na mesma mansión.

O primeiro espectáculo pago dos Irmáns Lumière ocorreu en París o 28 de decembro de 1895, no Grand Café, no Boulevard des Capucines. Fixeron unha digresión co cinematógrafo, en 1896, visitando Mumbai, Londres e Nova York. As imaxes en movemento rapidamente tiveron unha forte influencia na cultura popular, con L'Arrivée d'un train en gare de La Ciotat (en galego: Chegada dun tren) e cos filmes de actualidades, moitas veces citados como os primeiros documentais - aínda que o tema sexa algo polémico - tal como La Sortie de l'usine Lumière à Lyon (traducido Saída dos operarios das Fábricas Lumière) ou Le Repas de bébé (O almorzo do bebé), incluíndo algunhas das primeiras tentativas cómicas coma o humor de slapstick de L'Arroseur arrosé (O regador regado).

Os operadores Alexandre Promio, Felix Mesguich, Francis Doublier e Gabriel Veyre, entre outros, foron adestrados polos irmáns Lumière no manexo do cinematógrafo. Estes operadores viaxaron entre 1896 e 1898 por diversos lugares do mundo filmando breves películas documentais e amosando o novo invento. Grazas ao traballo de todos eles o catálogo de filmes Lumière acadou case os mil títulos.

Cando a compañía logrou establecer un mercado para o seu cinematógrafo abandonou a produción de películas e adedicouse a desenvolver outras innovacións coma o cinema estereoscópico ou a pantalla cinematográfica xigante que se empregou na Exposición de París de 1900.

Aínda que os operadores Lumière volveron rodar filmes entre 1899 e 1901 so con fins publicitarios a compañía non amosou ningún interese na exhibición comercial de películas e cara ao 1905 abandonou definitivamente a produción de filmes.

Primeiras proxeccións de cine

editar

Os Lumière celebraron a súa primeira proxección privada en 1895. Esta primeira proxección do 22 de marzo, tivo lugar en París, ante a "Société d'encouragement pour l'industrie nationale", e cunha audiencia de 200 espectadores. O obxectivo principal desta conferencia de Louis Lumière foi amosar os desenvolvementos recentes na industria da fotografía, sobre todo a investigación en policromía (fotografía en cor). Foi unha sorpresa para os Lumière comprobar que as imaxes en movemento (en branco e negro) captaban máis a atención na xente que as fotografías e fotogramas coloreados. A primeira proxección pública de filmes celebrouse o 22 de decembro de 1895, no Salon Indien du Grand Café en París.[1] Esta presentación estreou dez curtametraxes, incluíndo o seu primeiro filme, La Sortie de l'usine Lumière à Lyon. Cada película ten 17 metros de longo, é dicir, duran aproximadamente 50 segundos.

O debut público no Grand Café chegou uns meses máis tarde e consistía nas seguintes dez curtametraxes (en orde de aparición):

  1. La Sortie de l'usine Lumière à Lyon (literalmente, "a saída da fábrica Lumière en Lyon"), 46 segundos
  2. La Voltige, 46 segundos
  3. La Pêche aux poissons rouges, 42 segundos
  4. Le Débarquement du congrès de photographie à Lyon, 48 segundos
  5. Les Forgerons, 49 segundos
  6. L'Arroseur arrosé, 49 segundos
  7. Le Repas de bébé, 41 segundos
  8. Le Saut à la couverture, 41 segundos
  9. La Places des cordeliers à Lyon, 44 segundos
  10. La Mer, 38 segundos

As imaxes en movemento tiveron unha inmediata e significante influencia na cultura popular, como o famoso L'Arrivée d'un train en gare de La Ciotat (literalmente, "A chegada do tren a La Ciotat") e Carmaux, défournage du coke.

En España, a primeira proxección pública tivo lugar o 15 de maio de 1896, no hotel Rusia, en Madrid, tamén cun programa composto por dez breves películas [2].

Filmografía

editar
  1. December 28, 1895.
  2. Calendario 1914 MUNCYT.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar