Literatura sueca de Finlandia
A partir do século XII Finlandia caeu na esfera de influencia sueca e un número importante de colonos suecos asentaron principalmente na costa finesa asimilando a unha parte da poboación nativa e o sueco se converteu na lingua oficial e administrativa do país aínda que durante moito tempo o latín permaneceu como a lingua literaria e eclesiástica, a Reforma protestante e a fundación da Universidade de Turku (1640) que trouxo a primeira imprenta (1642), o cal propiciou que apareceran escritores que non tiñan na literatura relixiosa a súa principal preocupación. Os autores de Åland están incluídos dentro da literatura sueca de Finlandia aínda que a súa situación é diferente xa que alí o sueco é a lingua nativa maioritaria.
Literatura durante o dominio sueco
editarSigfrid Aron Forsius (ca 1550-1624) foi o primeiro autor de relevo dentro dun panorama dominado polas obras relixiosas como se reflicte no primeiro autor sueco de Finlandia, Jöns Budde (1437-1491). A fundación da Universidade de Turku en 1640 e a instación na cidade dunha imprenta en 1642 modificou o panorama literario, comezaron a aparecer obras profanas, apareceu o primeiro autor teatral, Jacob Chronander, apareceu tamén a poesía culta representada por Olof Wexionius e a máis intimista de Jakob Frese. Henrik Gabriel Porthan foi o abandeirado da Ilustración en Finlandia, e tivo un papel destacado no establecemento da primeira asociación cultural de Finlandia, a Sociedade Aurora, no seo da cal xurdiu o primeiro xornal finés, Tidningar utgifvne af ett Sällskap i Åbo (1771-1778 e 1782-1785), Gustaf Filip Creutz foi o mellor poeta da época autor de Atis och Camilla (1761), destacou tamén dentro da escasa orixinalidade que tiña a literatura sueca dos autores fineses Frans Mikael Franzén, autor de Den gamle knäkten (1793).
Século XIX
editarO comezo do século XIX coincidiu coa fin do dominio sueco sobre Finlandia que quedou a partir de 1809 baixo o dominio de Rusia, como un Gran Ducado autónomo que conservou as antigas institucións suecas e no que a lingua sueca seguía a ser a oficial e no que se comezaba a crear unha conciencia nacional que chegou tamén á literatura, que se expresaba maioritariamente en sueco. Adolf Ivar Arwidsson foi o iniciador do romanticismo en Finlandia, aínda que defensor radical do principio de nacionalidade tivo que se exiliar en Suecia, outros autores da época foron Johan Jakob Tengström e Gabriel Linsén. En 1828 a Universidade de Turku trasladouse a Helsinqui e con ela a vida intelectual finesa, en 1831 apareceu a Sociedade de Literatura Finesa, Johan Ludvig Runeberg, considerado o poeta nacional de Finlandia, inspirouse na poesía popular finesa nas súas coleccións poéticas (Dikter I-III publicadas entre 1830 e 1843), na vida do campesiño finés na súa epopea Elgskyttarne (1832) e na mitoloxía escandinava en Kung Fjalar (1844), popularmente o máis coñecido da súa obra son as baladas patrióticas de Fänrik Ståls sänger (1848-1860). Zacharias Topelius foi o equivalente a Runeberg na narrativa, creou a novela histórica en Finlandia con Fältskärns berättelser (1851-1866), e recolleu os seus contos infantís nas escolmas Sagor e Läsning för barn. A fins de século imponse o estilo realista de Karl August Tavaststnjerna coa novela Hårda tider e a súa meditación do desarraigo e da pertenza a unha minoría lingüística.
Século XX
editarA concepción da identidade suecofinlandesa como unha identidade minoritaria aumentará o seu protagonismo no século XX, Arvid Mörne convíerteo nunha especie de filosofía, convertíndo a costa e os arquipélagos no símbolo desa identidade. Bertel Gripenberg ábrese ao estilo simbolista europeo e acabará convertendo a súa poesía en militantemente nacionalista.
A xeración agrupada en torno á revista Euterpe deu orixe á xeración coñecida como Dagdrivare (os ociosos) que adoptaron unha actitude crítica e escéptica ante a vida con autores como Runar Schildt e Jarl Hemmer.
A primeira guerra mundial trouxo un cambio de estilo nos autores que adoptan por primeira vez en Escandinavia o modernismo que viña do sur, Edith Södergran foi a súa primeira gran representante, a súa poesía adopta o ritmo libre, o recurso á imaxe, a supresión da ríxida fronteira entre a lingua popular e a literaria. Seguíronlle autores como Elmer Diktonius ou Gunnar Björling, o que radicalmente renovou o seu estilo poético. A partir dos anos trinta apareceu unha segunda xeración de modernistas: Ralf Parland, Eva Wichman e Solveig von Schoultz. Entre os prosistas destacou Tito Colliander, de orixe rusa, que centrou os seus temas na relixión ortodoxa e os emigrantes rusos.
A segunda guerra mundial supuxo o achegamento da literatura sueca de Finlandia á literatura finesa, ata entón dous mundos diferentes, o grande autor foi Bo Carpelan autor dunha poesía sensible e próxima á natureza e da novela Axel (1986). Christer Kihlman describe nas súas novelas a vida no medio finosueco. Tove Jansson é unha autora que acadou fama internacional coa súa serie de Mumin. Walentin Chorell, coñecido polas súas obras dramáticas.
Na poesía salientan os nomes de Lars Huldén e Claes Andersson e aparece un punto de vista novo, o feminismo nas obras de Märta Tikkanen e Tua Forsström.
Na prosa a vida da clase media e o conflito de xeracións son os temas dominantes, autores como Christer Kihlman, Ralf Nordgren e Johan Bargum son os máis coñecidos.
Entre os últimos autores cabe destacar a Kjell Westö, Mikael Bäck e Thomas Wulff.