Literatura de Finlandia

Finlandia é un país cunha forte tradición literaria, cunha literatura popular que se expresaba nos dialectos rexionais do finés e cunha tradición literaria actual en dúas linguas o finés e o sueco, ademais da recente chegada da literatura saami.

Literatura oral editar

Finlandia conta cunha longa tradición de literatura oral, a súa base era unha poesía popular que se recitaba cantada polos cantores populares, os bardos que as cantaban con diferentes melodías, ás veces acompañándose do kantele, nas rexións do norte eran dous cantores os que recitaban as poesías mentres no sur era un só, xeralmente unha muller, á que acompañaba un coro. A transmisión dos textos era unicamente oral pero non se recitaban de forma idéntica de cada vez, senón que se deixaba lugar para a inspiración e a improvisación. Coñecidos como Arhippa Perttunen e Larin Paraske tiñan un repertorio de milleiros de versos. A partir do século XVI comézanse a recoller por escrito estes poemas pero no século XIX cando comezou a interesar a literatura popular, a Sociedade de Literatura Finesa recolleu milleiros de pezas populares e Elias Lönnrot partindo de poemas recollidos por el e por outros entusiastas redactou a epopea Kalevala que foi a base sobre a cal se asentou a literatura escrita finesa.

Literatura escrita editar

A primeira lingua literaria escrita de Finlandia foi o latín, as obras eran na súa maioría de carácter relixioso, o Missale Aboense (1488), un misal do bispado de Turku e o Manuale Aboense (1522), un manual litúrxico. Jacobus Finno, autor das Piae Cantiones (1582) foi un dos primeiros autores fineses. Pero o primeiro poema que describía o país non vai ser escrito en latín, senón en grego, o Magnus Principatus Finlandia (1679), obra de Johan Paulinus.

Artigo principal: Literatura sueca de Finlandia.

O establecemento da Academia de Turku en 1640 supuxo o nacemento dunha literatura que se expresaba na lingua que dominaba entón a administración e a vida cultural do país, o sueco; nun principio era unha literatura de carácter relixioso pero coa chegada da influencia da ilustración permitiu que no século XIX se desenvolvese unha literatura orixinal.

Artigo principal: Literatura finesa.

Mikael Agricola, o primeiro bispo protestante finés, foi o primeiro autor de lingua finesa coñecido, autor de obras relixiosas. A literatura finesa pasará de ser unha literatura secundaria respecto á sueca a converterse a fins do século XIX na base da literatura de Finlandia.

A literatura saami de Finlandia ten unha longa tradición oral pero son poucos os autores saamis fineses, entre todos eles salienta Nils-Aslak Valkeapää.