Libellula quadrimaculata

especie de insecto

Libellula quadrimaculata

Macho, Oxfordshire

Femia, Polonia
Femia, Polonia

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Odonata
Suborde: Anisoptera
Familia: Libellulidae
Xénero: Libellula
Especie: L. quadrimaculata
Nome binomial
Libellula quadrimaculata
Linnaeus, 1758

A libélula maculada[1] (Libellula quadrimaculata) é unha especie de libélula da familia Libellulidae, que se encontra en Europa, Asia e Norteamérica (en Alasca é o insecto oficial do estado[2]). En Europa chega ao círculo polar, e nas zonas montañosas ata os 1000 metros de altura. Mide de 4 a 4,5 centímetros de envergadura alar e de 7 a 8,5 centímetros de longo. Forma grandes enxames ao migrar.

O estadio adulto pode verse en primavera. As larvas teñen un ciclo de desenvolvemento de dous anos. Os adultos aliméntanse predominantemente de mosquitos e quironómidos;[3] as larvas aliméntanse principalmente doutras larvas de insectos acuáticos e de cágados de anfibios.

O seu nome científico procede das catro manchas que ten nas súas ás. Hai unha forma variante, praenubila Newman, que ten unhas manchas alares esaxeradas. Isto crese que está relacionado coa temperatura da auga durante o desenvolvemento larvario e parece que é máis común en Europa que en América.

Hábitat editar

Esta libélula é moi activa e vive en lagoas, pozas estacionais, e ríos de correntes lentas.

Identificación editar

A cor castaña das súas catro manchas alares faina inconfundible.

Comportamento editar

O macho considérase que é moi agresivo e defende o seu territorio das incursións doutros machos da súa especie. O macho ten preferencia por pousarse en sitios prominentes e a miúdo torna aos mesmos pousadeiros na marxe das lagoas e pozas desde onde vixía a chegada de intrusos. Desde alí os machos teñen unha visión favorable do ceo. Observan unha sección do ceo con menos radiación pero cunha maior saturación UV e azul-violeta. Así, os seus ollos, que son sensibles ao azul e ao ultravioleta, están optimizados para a detección de insectos voadores contra o ceo azul.[4] Ambos os sexos son bos voadores e o apareamento ten lugar en voo. A femia pon ovos sobre a vexetación flotante. O desenvolvemento dos embrións dura de dúas sete semanas, segundo a temperatura. A etapa larvaria pasa por doce ou máis fases. O período entre mudas é variable. A primeira muda ocorre na primeira ou segunda semana, pero as seguintes poden tardar 72 días. Antes da metamorfose, a larva pode tamén pasar por unha diapausa de hibernación. En cambio, despois da eclosión do imago, este madura nuns 18 días e os adultos non viven máis duns 48 días, polo que pasan a maior parte da súa vida como larvas.

Predadores editar

A libélula de maior tamaño Anax imperator é un dos predadores desta especie.[5] Outro é o escaravello Cicindela campestris.[6]

Galería editar

Notas editar

  1. "Nomes galegos para as libélulas (orde Odonata) da Península Ibérica" (PDF). Chioglossa. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de xaneiro de 2016. Consultado o 22 de outubro de 2016. 
  2. "FAQ ALASKA - Frequently Asked Questions About Alaska". sled.alaska.edu. 17 January 2006. Arquivado dende o orixinal o 10 de febreiro de 2010. Consultado o 28 January 2010. 
  3. http://www.shgresources.com/ak/symbols/insect/ Arquivado 07 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. Retrieved 16 Feb. 2010
  4. Sauseng, M., Pabst, M.-A., Kral, K. (2003) The dragonfly Libellula quadrimaculata (Odonata: Libellulidae) makes optimal use of the dorsal fovea of the compound eyes during perching. European Journal of Entomology 100: 475-479.
  5. http://www.norfolkdragons.co.uk/species/Imperator.shtml Arquivado 27 de maio de 2009 en Wayback Machine. Viewed 15 Feb. 2010
  6. http://www.cornishnature.co.uk/cornish-dragonflies/26-an-unexpected-predator-of-the-four-spot-chaser-dragonfly.html Arquivado 03 de marzo de 2009 en Wayback Machine. Viewed 15 Feb. 2010

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar