Laodamía, filla de Acasto

Segundo a mitoloxía grega, Laodamia (Λαοδάμεια, Laodámeia) foi filla de Acasto e de Astidamía.

Casou co heroe tesalio Protesilao, ó que amaba apaixoadamente, pero este embarcouse axiña na frota aquea comandada por Agamenón contra Troia.

"Deixara en Fílice á súa esposa coas meixelas rabuñadas polo luto e unha morada aínda sen rematar"
Ilíada II, 700

A profecía aseguraba que o primeiro guerreiro que desembarcara en Troia sería tamén o primeiro en morrer, como así foi. Cando ela soubo que o seu marido morrera na guerra de Troia, suplicou ós deuses que o fixeran volver do Hades. Zeus accedeu e deixouno volver, pero só durante tres horas. E ó pasar este breve tempo, cando Protesilao tiña que desaparecer para regresar ó Hades, ela suicidouse nos seus brazos para seguilo ó outro mundo.

Parece ser que o matrimonio non se celebrara de forma completa pois non se fixeron os sacrificios rituais, e dise que a súa morte foi como castigo divino por ese sacrilexio.

Pero tamén se conta que Laodamía mandou facer unha estatua de cera (ou de bronce ou de ouro[1]), imitante do seu home, e, simulando que o rendía culto, deitábase no leito conxugal abrazada a ela. Un criado que a viu abrazando e bicando a estatua, pensou que se trataba dun amante e foi dicilo ó pai, Acasto. Este entrou na alcoba e descubriu a estatua polo que, espantado por tal obsesión, botou a estatua ó lume pero ela, por amor ó seu home, lanzouse á fogueira coa estatua e morreu abrasada[2].

Leodamía na literatura editar

Existiu unha traxedia de Eurípides, que non se conserva, na que se narra o episodio de Protesilao e Leodamía.

Notas editar

  1. De cera segundo Grimal, s. v. Laodamía; de ouro, segundo Hixino 104 na edición de Alianza; de bronce, segundo Hixino nas edicións de Gredos 2009 ou de Ed. Clásicas 1997.
  2. Hixino, 104; Grimal s.v. Leodamía.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar