Arroaz pinto

(Redirección desde «Lagenorhynchus acutus»)

O arroaz pinto, Lagenorhynchus acutus,[2] é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos.

Arroaz pinto
Lagenorhynchus acutus

Lagenorhynchus acutus

Comparación do tamaño co dun humano
Comparación do tamaño co dun humano

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Delphininae
Xénero: Lagenorhynchus
Especie: L. acutus
Nome binomial
Lagenorhynchus acutus
(Gray, 1828) [1]
Distribución do arroaz pinto
Distribución do arroaz pinto

Distribución do arroaz pinto
Sinonimia
Véxase texto

Trátase dun golfiño de coloración característica, branca e negra, como a de todos os seus conxéneres, que vive nas augas temperadas e frías do océano Atlántico norte.

As áreas de máis alta poboación son as costas de Terra Nova e o Cabo Cod, e o triángulo formado entre o Reino Unido, Islandia e o mar do Norte. Accidentalmente pode chegar ás augas de Francia, Portugal e España.[3]

Taxonomía editar

A especie Lagenorhynchus acutus foi descrita por Gray en 1828, na súa obra Original figures and short systematic descriptions of new and unfigured animals. Spicilegia Zoologica Part 1, na que lle adxudicou o nome de Delphinus (Grampus) acutus.[3]

O nome específico, acutus, vén do latín e refírese á forma da súa aleta dorsal.

Sinonimia editar

Ao longo do tempo, a especie coñeceuse por varios sinónimos:

  • Delphinus acutus Gray, 1828
  • Delphinus eschrichtii Schlegel, 1841
  • Delphinus leucopleurus Rasch, 1843
  • Electra acuta Gray, 1868
  • Lagenorhynchus gubernator Cope, 1876
  • Lagenorhynchus leucopleurus Gray, 1866
  • Lagenorhynchus perspicillatus Cope, 1876
  • Leucopleurus arcticus Gray, 1846

En 1846 Gray describiu o xénero Lagenorhynchus,[4] (nome que derivou do grego antigo λαγήνος lagénos "botella" e ‘ρύγχος rhýnchos "fociño", é dicir, "co fociño en forma de botella".[5]), no que incluíu en 1866 esta especie, como Lagenorhynchus leucoplerus. Máis tarde foi reclasificada co seu nome actual, cando se comprobou a identidade de L. leucoplaurus con Delphinus acutus.[3]

Na actualidade, é un dos seis golfiños oceánicos do xénero Lagenorhynchus.

Descrición editar

 
Golfiño pinto nadando preto da costa de Cape Ann, Massachusetts.

Este golfiño é notabelmente máis longo do que outros golfiños oceánicos. Ao naceren os golfiños pintos miden un metro de lonxitude, e alcanzan aproximadamente 2,80 m en estado adulto os machos e 2,50 m as femias. O peso total varía entre os 200 e os 230 kg para un exemplar totalmente desenvolvido.

A característica distintiva do Lagenorhynchus acutus é a súa mancha (parche, que din os cetólogos) branca o de cor amarela pálida a cada lado do tronco, baixo a aleta dorsal. As variacións de cor do animal son únicas, dentro da gama de mesturas de branco, gris e azul comúns a outros cetáceos peláxicos. O resto do corpo presenta unha coloración ben definida, coa garganta, barbela e ventre de cor branca, o dorso e as aletas de cor de gris escura a negra, coa excepción do parche. Tamén hai un borroso parche branco debaixo da aleta dorsal, sobre unha banda gris clara que corre desde o fociño, baixo os ollos, e que baixa até o nacemento da aleta caudal.

Bioloxía editar

Alimentación editar

Das análises de contido estomacal dedúcese que se alimentan principalmente de peixes como arenques, sardiñas e xardas, e tamén de luras.

Conduta editar

O golfiño pinto é alegre e acróbata, e moi sociábel, xa que interactúa cos barcos, aínda que non tanto como outras especies da familia.

Os grupos varían segundo a rexión, con agrupacións que promedian 60 exemplares cerca das costas da illa da Terra Nova, e máis pequenos ao leste de Islandia.

Reprodución editar

As femias alcanzan a madurez sexual entre os 6 e os 12 anos, e os machos entre os 7 e os 11 anos. O período de xestación é de 11 meses, e a lactación dura case un ano e medio. Sábese de individuos que viviron até os 22 anos, os machos, e até os 27, as femias.

Hábitat e poboación editar

 
Golfiños pintos nun selo de correo das illas Feroe.

A especie é endémica do océano Atlántico norte. As zonas con maior densidade de poboación son as costas de Terra Nova e o Cabo Cod, a rexión triangular de mar entre o Reino Unido, Islandia e Groenlandia, e o mar do Norte.[6]

Crese que a poboación total é da orde de entre 200.000 e 300.000 exemplares.[6]

Estado de conservación editar

Na actualidade calcúlase a súa poboación total oscila entre os 200 000 e os 300.000 individuos, polo que a situación actual da especie, segundo a UICN, e de pouco preocupante.[6]

Interacción co home editar

 
Golfiños pintos mortos nun porto das illas Feroe produto da caza. Imaxe do ano 2006.

Historicamente o Lagenorhynchus acutus foi cazado en expediciósnes desde Terra Nova e Noruega, que hoxe xa non se efectúan.

Pero aínda teñen lugar nunha área máis reducida, ao redor das illas Feroe, onde se cazan uns 1.000 exemplares cada ano. A especie ten unha carne moi apreciada para o consumo.

Non se sabe o efecto a longo prazo desta política sobre o océano circundante, e que podería supoñer un perigo sobre o que chamaron a atención os conservacionistas, aínda que en grande escala a supervivencia da especie non se encontra ameazada.[6]

Notas editar

  1. Lagenorhynchus acutus (Gray, 1828) en ITIS
  2. Lahuerta Mouriño, F. e F. X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  3. 3,0 3,1 3,2 Lagenorhynchus acutus (Gray, 1828) no WoRMS.
  4. Gray, J. E. (1946): Ann. Mag. Nat. Hist., [ser 1.], 17: p. 84.
  5. Merriam-Webster's Unabridged Dictionary.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y., Wells, R. S. & Wilson, B. (2008): Lagenorhynchus acutus en Lista vermella de especies ameazadas da UICN (versión 2003.1).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar