Abrir o menú principal

Raden Ayu[1] Kartini, nada en Jepara o 21 de abril de 1879 e finada en Rembang o 17 de setembro de 1904, tamén coñecida como Raden Ajeng Kartini, foi unha nobre xavanesa considerada heroína nacional indonesia polo seu labor pioneiro no campo dos dereitos da muller.

Kartini
COLLECTIE TROPENMUSEUM Portret van Raden Ajeng Kartini TMnr 10018776.jpg
Nacemento21 de abril de 1879
 Jepara
Falecemento17 de setembro de 1904
 Rembang
Causapuerperal disorder
NacionalidadeReino dos Países Baixos
RelixiónIslam
Ocupaciónfeminista
PremiosNational Hero of Indonesia
editar datos en Wikidata ]

Índice

TraxectoriaEditar

 
Foto de estudio cos seus pais e irmáns

Kartini naceu nunha familia de priyayi -unha especie de nobreza formada por funcionarios- nas Indias Orientais Neerlandesas. O seu pai, Raden Mas Aria Adipati Sosroningrat, era bupati (gobernador) de Jepara e a súa nai, Ngasirah, era a súa primeira esposa pero non a dona principal. As leis coloniais da época establecían que un gobernador tiña que casar cunha nobre e como a nai de Kartini non era o suficientemente nobre[2] e a poligamia era habitual na nobreza, Sosroningrat casou con Raden Ajeng Woerjan, descendente directa do raxá de Madura.

Kartini era o quinto fillo e a filla máis vella, incluíndo os medios irmáns. A súa era unha familia cunha importante tradición dentro do alto funcionariado colonial: o seu avó, Pangeran Ario Tjondronegoro IV, fora gobernador aos vinte e cinco anos, e intelectual, o irmán máis vello de Kartini, era lingüista. Kartini puido ir á escola ata os doce anos, alí aprendeu a falar e escribir neerlandés, algo infrecuente nas mulleres xavanesas na época[3]. Pero tras cumprir os doce anos, como era habitual na nobreza xavanesa, quedou recluída na casa para se preparar para o matrimonio, pero a diferenza doutras familias o seu pai permitiulle tomar leccións de bordado e aparecer en público con ocasión dalgúns acontecementos especiais. Durante a súa reclusión continuou a se instruír por medio de lecturas e fixo amigos por correspondencia nos Países Baixos, salientando a amizade que mantivo con Rosa Abendanon; os libros, xornais e revistas europeos fixeron que se interesase polo feminismo europeo e polas condicións das mulleres do seu país. Entre as lecturas desa época está o xornal De Locomotief de Semarang, así como leestrommel, un paquete con revistas neerlandesas que as librerías enviaban a subscritores, o que incluía revistas culturais, cienfíticas e a revista feminina De Hollandsche Lelie, á que enviou colaboracións que lle publicaron. Antes dos vinte anos xa lera Max Havelaar e Geloofsbelydenis de Multatuli, mais tamén De Stille Kracht de Louis Couperus, as obras de Frederik van Eeden, Augusta de Witt, a autora romántico-feminista Goekoop de-Jong Van Eek ou a novela antibélica de Berta von Suttner, Die Waffen Nieder!.

Os pais de Kartini arranxaron o seu matrimonio, contra a súa vontade, con Joyodiningrat, gobernador de Rembang, quen xa tiña tres mulleres, casou o 12 de novembro de 1903. O seu home permitiulle abrir unha escola para mulleres no pórtico oriental da súa residencia. O 13 de setembro de 1904 deu a luz ao seu fillo morrendo poucos días despois, o 17 de setembro.

HerdanzaEditar

Inspirándose no exemplo de Kartini, o político neerlandés Conrad Theodor van Deventer estableceu en 1913[4] a Fundación Kartini para a construción de escolas para mulleres ( as Kartinischolen). Con motivo do cincuenta aniversario da súa morte celebrouse un recoñecemento nalgunha das escolas da fundación [5] e o creador do himno nacional Wage Rudolf Supratman escribiu unha canción dedicada a ela[6] que se espallou entre o movemento nacionalista. Ao longo da década de 1930 celebrábase o día de Kartini en varias cidades do centro de Xava organizado por asociacións de mulleres, a sección feminina xavanesa da organización xuvenil nacionalista Indonesia Moeda [7] comezando a se espallar a celebración por outras partes das Indias Neerlandesas[8] e tirando algunhas publicacións nacionalistas edicións especiais dedicadas a Kartini[9]. Coa independencia instituíuse oficialmente o Día de Kartini o 21 de abril [10]. En 1964 o presidente Sukarno incluíuna no panteón de heroes nacionais.

 
Conmemoración do día de Kartini en 1953

Obra epistolarEditar

Despois da morte de Kartini, Jacques Henrij Abendanon, antigo ministro de cultura das Indias Neerlandesas recolleu e publicou as cartas que ela intercambiaba cos seus amigos en Europa, o libro publicouse como Door Duisternis tot Licht en 1912 nos Países Baixos e nos anos sucesivos viu cinco edicións, engadíndose na última máis cartas. O libro escrito por unha muller nativa atraeu grande interese nos Países Baixos e axudou a cambiar o xeito en que os neerlandeses vían as mulleres xavanesas e tamén inspirou á intelligentsia indonesia e ao movemento polos dereitos da muller. En 1920 traduciuse ao inglés como Letters of a Javanese princess e en 1922 ao malaio, lingua franca das Indias Orientais Neerlandesas, como Habis gelap terbitlah terang. Á lingua materna de Kartini, o xavanés, traduciuse en 1938 [11] co título de Mboekak Pepeteng.

PensamentoEditar

 
Mestras e alumnas dunha Kartinischool contra 1920

Condición da mullerEditar

Nas súas cartas, Kartini escribiu particularmente das condicións sociais da súa época e en especial das da muller xavanesa. Rebélase contra a tendencia que tiña a cultura tradicional xavanesa para pórlle pexas ao desenvolvemento da muller; pola contra, ela quería que tivesen liberdade para aprenderen e estudaren. Kartini escribiu das súas ideas e ambicións que incluían segundo as súas propias palabras o Zelf-ontwikkeling, Zelf-onderricht, Zelf-vertrouwen, Zelf-werkzaamheid e Solidariteit, traducido como autodesenvolvemento, autoaprendizaxe, autoconfianza, autosuficiencia e solidariedade, ideas todas baseadas no lema Religieusiteit, Wijsheid en Schoonheid, isto é relixiosidade, sabedoría e beleza, aos que habería que engadir o humanitarismo e o nacionalismo.

As súas cartas tamén expresaban as súas esperanzas no apoio do exterior e na correspondencia con Estell "Stella" Zeehandelaar expresaba o seu desexo de ser como unha moza europea, describindo os padecementos das mulleres xavanesas baixo o peso da tradición, sen poderen estudar, reclusas, obrigadas a prepararse para parcipipar en matrimonios polígamos cun home que non coñecen.

RelixiónEditar

Aínda que muller piadosa non oculta as súas críticas á relixiosidade tradicional, non entende a razón pola que o Corán había ser memorizado e recitado sen a obriga de comprendelo; cría que a relixión non debía suscitar problemas, desacordos e ofensas, escribindo que "a relixión debía protexer contra o pecado mais con moita frecuencia os pecados cometíanse no nome da relixión" e que esta non debía servir aos homes para perpetuar a poligamia.

NotasEditar

  1. Raden Ayu era un título levado como dona dun priyayi, unha clase de nobreza de toga xavanesa
  2. ""Interview with Kathryn Robinson: Secularization of Family Law in Indonesia" Harvard Asia Quarterly". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 28 de setembro de 2007. 
  3. Anos despois, en 1930 calculábanse en 34 000 as mulleres xavanesas que podían escribir en neerlandés Elsbeth, Locher-Scholten (2000) Women and the Colonial State: Essays on Gender and Modernity in the Netherlands Indies, 1900-1942 Amsterdam University Press, p.19
  4. Huygens ING - Den Haag. Bronvermelding: F.G.P.Jaquet, 'Deventer, Conrad Theodor van (1857-1915)', in Biografisch Woordenboek van Nederland. URL:, 12 de novembro de 2013
  5. C. Frans, 'Peringatan hari maulid jang kelima poeloeh dan hari wafat jang kedoea poeloeh lima dari almarhoem R.A. Kartini, pendekar associatie-politiek' Oedaya, 76 (1929): 140–45.
  6. [ http://www.jakarta.go.id/web/encyclopedia/detail/3528/Wage-Rudolf-Supratman Arquivado 21 de abril de 2014 en Wayback Machine. Wage Rudolf Supratman en Ensiklopedi Jakarta]
  7. "Kartini Herdenking: bijeenkomst in den sobo–Kartti Schouwburg" De Locomotief, 22 de abril de 1937
  8. Armijn Pane "R.A. Kartini: dipandang dari djoeroesan kesoesasteraan", Keoetamaan Isteri, abril de 1939, pp. 9–10.
  9. Mahy, Petra "Being Kartini: Ceremony and Print Media in the Commemoration of Indonesia's First Feminist" Intersections: Gender and Sexuality in Asia and the Pacific 28, marzo de 2012
  10. "Hari Kartini dizaman Indonesia Merdeka" Kedaulatan Rakjat, 22 de abril de 1946, p. 1
  11. Soebadio, Haryati e Soebadio, Noto (1990) Kartini: pribadi mandiri Gramedia Pustaka Utama, p.IX