Kösem Sultan
Devletlu İsmetlu Mahpeyker Kösem Valide Sultan Aliyyetü'ş-Şân Hazretler, nada contra 1590 e finada o 2 de setembro de 1651, máis coñecida como Kösem Sultan, foi a esposa favorita do harén de Ahmed I, sultán do Imperio Otomán, e nai (valide sultan) de dous sultáns posteriores. Kösem Sultan serviu como gobernante oficial dúas veces e foi a segunda muller na historia otomá en gobernar legalmente o reino, converténdose nunha das figuras máis significativas do período coñecido como sultanato das mulleres (1533-1656) e exerceu o poder na administración pública durante uns 30 anos [1].
Nome orixinal | (ota) كوسم سلطان (tr) Mahpeyker Kösem Sultan |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 1589 Descoñecido |
Morte | 2 de setembro de 1651 (61/62 anos) Istambul, Turquía |
Lugar de sepultura | Q55698720 |
Valide sultan (pt) | |
10 de setembro de 1623 – 18 de agosto de 1648 | |
Rexente | |
10 de setembro de 1623, 8 de agosto de 1648 – 18 de maio de 1632, 2 de setembro de 1651 | |
Haseki sultan (pt) | |
26 de novembro de 1605 – 22 de novembro de 1617 | |
Datos persoais | |
Residencia | Palacio de Topkapi |
Grupo étnico | descoñecida |
Relixión | Islam |
Actividade | |
Ocupación | rexente, escrava |
Familia | |
Familia | Dinastia Otomana (pt) |
Parella | Ahmed I |
Fillos | Ayşe, Şehzade Mehmed, Kösem Sultan, Fatma, Hanzade Sultan, Murad IV, Şehzade Kasim, Ibrahim I, Ümmügülsüm Sultan |
Traxectoria
editarNada é o que se coñece sobre a súa orixe ou dos seus primeiros anos de vida[1] aínda que tradicionalmente considerada grega ou bosníaca [2]mais o certo é que só se sabe que entrou no harén do sultán Ahmed I con 15 anos. Ao se converter ao islam adoptou o nome de Mahpeyker ("en forma de lúa", é dicir, curvo). Hai diferentes versións do nome Kösem, seica era moi fermosa e a súa pel "lisa e sen pelo" e, polo tanto, recibiría o nome de Kösem ( köse = "sen pelo")[1]. Por outra banda, as palabras turcas otomás kösem / kösemen tamén significaban líder, persoa independente.
En calquera caso, Kösem combinou intelixencia e beleza, e superou ás outras mulleres do harén de Ahmed I ata converterse na favorita do sultán[1] xa nos primeiros anos da súa estadía no harén como parte dunha serie de mudanzas na xerarquía do harén imperial. A destitución en xaneiro de 1604 de Safiye Sultan, a avoa do sultán e a que dirixía a actividade do harén e a morte de Handan Sultan, a nai do sultán, en novembro de 1605 permitiu o seu ascenso na xerarquía de Kösem dende a súa posición de concubina de segundo ou terceiro grao[3]. Kösem deu a luz catro fillos e tres fillas. Os seus dous fillos, Murad e Ibrahim, convertéronse máis tarde en sultáns, do mesmo xeito que o seu neto Mehmed. [1] As fillas, Ayşe Sultan e Fatma Sultan, son coñecidas polos seus numerosos matrimonios políticos; Ayşe casou seis veces durante a súa vida e Fatma sete[4]
En 1612 o embaixador de Venecia describiuna como unha muller fermosa, intelixente e amada polo sultán que a mantiña a carón todo o tempo e escoitábaa nalgúns asuntos. Catro anos despois, segundo outro diplomático veneciano, aumentara o seu poder e podía facer todo o que quería, o sultán non lle negaba nada pero tampouco interfería en todos os asuntos, xa que o sultán non quería dar a impresión de que o dirixían mulleres, como fixera seu pai [3].
Gobernante
editarAo morrer Ahmed I con 27 anos en 1617, Kösem apoiou ao seu irmán Mustafá I como herdeiro da coroa. Kösem aliouse cos xanízaros, o que lle garantiu o seu apoio, que se converteu nun factor político poderoso. Como gobernante, o reinado do débil Mustafá durou menos dun ano, e foi Kösem quen na práctica gobernou, xa que o sultán sufría problemas de saúde mental, e acabou deposto do trono, o que supuxo un revés para Kösem. A continuación subiu ao trono Osmán II, o fillo de Ahmed I coa súa segunda esposa e Kösem permaneceu á marxe da administración, pero como no caso de Mustafá, mantivo a súa valiosa posición como valide sultan, xa que ningún dos dous sultáns tiña unha nai viva[5] [2].
En 1622 os xanízaros reveláronse e depuxeron e pouco despois executaron a Osman II, e Mustafá I volveu ao poder. Despois do curto reinado de Mustafá, Murad IV, o fillo de 14 anos de Ahmed I e Kösem, subiu ao trono. Kösem declarouse a si mesma gobernante oficial ata seu fillo alcanzar a maioría de idade [1]. Cando Murad chegou á maioría de idade aos 20 anos o poder pasou dos xanízaros e da súa nai ás súas mans e foi capaz de gobernar de forma independente, o que constitúe unha excepción no século XVII otomán [6].
No Imperio Otomán existía o costume de executar o irmán do sultán que chegara ao poder, e tiña a súa orixe no interregno otomán, un período do século XV no que os fillos do sultán Bayezid I loitaron polo poder e o reino non tivo un gobernante indiscutible durante 11 anos. Non obstante, Kösem convenceu a Murad para non seguir esa práctica e tras a súa morte en 1640 por cirrose hepática, Ibrahim I converteuse en sultán. Así e todo, Ibrahim foi un gobernante inseguro; vivira baixo arresto e con medo constante a que Murad mandara matalo. Era neurótico, padecía dores de cabeza e ataques de pánico e co tempo demostrou ser inadecuado pola súa saúde mental. E aínda que os primeiros anos do seu reinado foron ben co paso do tempo Kösem volveu tomar o poder como gobernante real. O seu rival era o gran visir Kemankeş Kara Mustafa Pasha, quen tiña o favor do sultán. Kösem aliouse contra o gran visir co curandeiro e favorito do sultán Cinci Hoca e co gobernador Semiz Mehmed. O trío criticou incesantemente ao Gran Visir, que pediu varias veces a dimisión. Ibrahim non a admitiu, pero o propio sultán destinuino en xaneiro de 1644, e despois mandouno executar [2] [7] [8].
Co tempo, Kösem perdeu a capacidade de controlar ao seu fillo inestable, e a súa administración comezou a deteriorarse. Ibrahim pasaba cada vez máis tempo coas súas concubinas, ás que elevaba constantemente ao prestixioso status de haseki (consorte real) outorgándolles terras e posesións. Despois de casar coa súa concubina favorita Hasek, ordenou que o chan do palacio de Ibrahim Pasha se cubrise con peles de marta e se entregasen a Hasek. A dilapidación do diñeiro no palacio e o aumento da corrupción crearon malestar entre o pobo. Finalmente, os xanízaros e parte dos ulema subleváronse en 1648. Non obstante, Ibrahim non aceptou a súa destitución, o que puxo nervioso aos xanízaros[8] [9]. Segundo algúns historiadores, forzada polos acontecementos políticos Kösem autorizou os xanízaros a executar o seu fillo[2]. Non obstante, segundo Leslie P. Peirce, Kösem xa tiña pensado desfacerse do seu fillo, que durante o seu reinado destruira moitos dos logros do seu irmán máis vello Murad IV. Nunha carta anterior, Kösem escribíalle ao gran visir Tezkereci Ahmed sobre Ibrahim o seguinte: "Ao cabo, non nos vai deixar nin a ti nin a min vivos. Perderemos o control do goberno. A sociedade toda está en ruínas. Hai que o quitar do trono de inmediato"[10].
O 8 de agosto de 1648 o verdugo estrangulou a Ahmed Pasha e os seus restos cortáronse en anacos diante dunha multitude. Polo acontecido, recibiu o alcume póstumo de Hezarpare ("mil pezas"). E o 18 de agosto a instancias do novo gran visir, Sofu Mehmed Pasha, que pedira ao Sheiklı ul-Islam que emitise unha fatwa para sancionar o seu axustizamento, dous verdugos estrangularon a Ibrahim[11]. A continuación, Mehmed IV, de seis anos, fillo de Ibrahim e neto de Kösem, subiu ao trono e ao ser menor, Kösem puido declararse de novo gobernante oficial [1] [9].
Morte
editarKösem tiña grandes inimigos na corte de Topkapi. A muller de Ibrahim e a nai de Mehmed IV, Turhan Sultan, que era nora de Kösem, soubo do plan de Kösem para substituír a Mehmed IV polo seu medio irmán Süleyman. Kösem planeou matar a Mehmed IV e á súa nai e conseguiu o liderado dos xanízaros. Turhan organizou o asasinato de Kösem para defenderse ela e o seu fillo[2]. Membros da garda do palacio estrangularon a Kösem o 2 de setembro de 1651. O seu corpo trasladouse ao antigo palacio de Eski Saray e enterrouse no mausoleo de Ahmed I [1]. Os seus fillos Murad IV e Ayşe Sultan e outros corenta membros da familia gobernante tamén están soterrados nese mausoleo [12].
Legado
editarKösem Sultan era unha das persoas máis ricas do reino, e empregou moita da súa riqueza en caridade. Entre outras cousas, pagou a escavación de sistemas de rega en Exipto e apoiou aos pobres da Meca. Tamén utilizou os seus fondos para construír edificios públicos, como caravasares, e a mesquita Valide Han ao longo da praza do Mercado Vello de Istambul e a mesquita do venres en Üsküdar [13]. Segundo a memoria colectiva que existe en Turquía considérana unha persoa xenerosa e moi intelixente [1]. Non obstante, o seu legado e a súa administración non foron positivos, o seu foi un tempo de loita polo poder e de intriga feroz. Ademais, a destitución e morte dun gran visir cualificado, Kara Mustafa Pasha, sumiu ao Imperio Otomán no caos e fomentou desordes. Durante os seguintes 12 anos dos 18 homes que serviron como Grandes Visires, catro acabaron executados e 11 destituídos [14].
Kösem é un tema popular e romántico no entretemento turco contemporáneo e sobre ela fixéronse novelas, óperas, películas e series de televisión. Os máis recentes son a película de 2010 Mahpeyker - Kösem Sultan e a serie de televisión Muhtesem Yüzyil: Kösem que viu a primeira tempada en 2015[15] [16]. A ópera Kösem Sultan, representada en Esmirna conta a historia de como unha moza inocente torna unha desapiadada intrigante impulsada pola rabia e o desexo de poder[17].
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Baysun, M. Cavid (1986). "Kösem Walide or Kösem Sultan". En Editors: Bosworth, Lewis, Pellat e E.J. van Donzel. The Encyclopaedia of Islam V. Brill. p. 272.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Selcuk Aksin Somel (2010). The A to Z of the Ottoman Empire. Rowman & Littlefield. p. 158.
- ↑ 3,0 3,1 Peirce, Leslie P. (1993). The Imperial Harem: Women and Sovereignty in the Ottoman Empire. Oxford University Press. p. 105.
- ↑ Dorothy O. Helly, Susan Reverby (1992). Gendered Domains: Rethinking Public and Private in Women's History. Cornell University Press. p. 53.
- ↑ Suraiya N. Faroqhi (2006). The Cambridge History of Turkey 3. Cambridge University Press. p. 48.
- ↑ Selcuk Aksin Somel (2010). The A to Z of the Ottoman Empire. Rowman & Littlefield. p. xcix.
- ↑ Ayhan Buz (2009). Osmanlı Sadrazamları. Neden Yayınları. p. 96.
- ↑ 8,0 8,1 Gábor Ágoston e Bruce Alan Masters (2009). Encyclopedia of the Ottoman Empire. Infobase Publishing. pp. 262-264.
- ↑ 9,0 9,1 Lewis, Menage, Pellat, Schacht; et al. (1986). Encyclopaedia of Islam III. Brill. p. 983.
- ↑ Peirce, Leslie P. (1993). The Imperial Harem: Women and Sovereignty in the Ottoman Empire. Oxford University Press. p. 1264.
- ↑ Kohen, Eli (2007). History of the Turkish Jews and Sephardim: Memories of a Past Golden Age. University Press of America. p. 142.
- ↑ Hakan Alan (2009). Istanbul City Guide. Asbook. p. 31.
- ↑ Gábor Ágoston e Bruce Alan Masters (2009)Encyclopedia of the Ottoman Empire. Infobase Publishing, páxinas 136-137
- ↑ Matthee, Rudi (2011.). Persia in Crisis: Safavid Decline and the Fall of Isfahan. IB Tauris. p. 120.
- ↑ IMDB: Muhtesem Yüzyil: Kösem Viitattu 18.2.2016
- ↑ IMDB: Mahpeyker - Kösem Sultan Viitattu 18.2.2016
- ↑ "Kösem Sultan" Arquivado 14 de agosto de 2022 en Wayback Machine. izmir.com.tr, 18 de febreiro de 2016