Juniperus oxycedrus

especie de planta

Juniperus oxycedrus L. é unha planta conífera e dioica do xénero dos xenebreiros, encadrada na familia das cupresáceas (Cupressaceae).

Ilustración de Juniperus oxycedrus.

DescriciónEditar

 
Follas e gálbulos maduros, Cataluña.

Pode medrar como un arbusto de 2-3 metros ou ben como unha pequena árbore que pode acadar nalgúns casos os 15 metros. É unha especie moi resinosa. A copa ten unha forma cónica irregular, coas ramas tendentes a ser ascendentes. A casca do tronco é gris con raias lonxitudinais castaño-avermelladas. As follas aciculares dsipóñense en verticilos de tres e teñen un longo de 11 a 20 mm. e un largo de 1 ou 2 mm. Teñen na cara unha dobre banda de estomas separadas por un nervio central de cor verde. O período de floración é de abril a maio, e no segundo ano de maduración fórmanse os gálbulos (conos con forma de baga esférica), que polo xeral levan tres sementes. O tamaño dos gálbulos depende da subespecie: os da subespecie oxycedrus teñen un diámetro de 6 a 12 mm, os da subespecie badia de 10 a 12 mm. e os da subespecie macrocarpa son lixeiramente maiores, de até 20 mm.

SistemáticaEditar

Juniperus oxycedrus apareceu por vez primeira en 1753 na obra de Carl von Linné, Species Plantarum.

Hai tres subespecies:

  • Juniperus oxycedrus subsp. badia (H. Gay) Bebeaux[1]. Foi, tempo atrás, clasificada como a especie independente Juniperus badia H. Gay, e como unha variedade Juniperus oxycedrus var. badia H. Gay. O gálbulo desta subespecie ten entre 1 e 1,2 cm. e ten cera. Pode facerse árbore e chegar até os 15 metros. Atópase en terreos silíceos do oeste da Península Ibérica e do norte de África.
  • Juniperus oxycedrus subsp. oxycedrus. É unha árbore ou arbusto de até 4 metros de alto. Os seus gálbulos son menores de 8 mm, e non son pruinosos (non teñen cera). O eixo central da cara das follas é cóncavo. Atópase xeralmente sobre calcarias, ligadas nalgúns casos á aciñeira. Aguanta pouco a continentalidade. Está presente no sueste de Europa, no leste de Portugal e España continuando polo sur de Francia, noroeste de Italia, Córsega, Sardeña e noroeste de África, dende o leste de Marrocos até Tunisia.
  • Juniperus oxycedrus subsp. macrocarpa (Sibth. et Sm.) Ball, que algúns autores independizan para convertela nunha especie de seu, Juniperus macrocarpa Sibth. et Sm.[2]. A banda de estomas na cara da folla está moi marcada. O gálbulo ten un diámetro de entre 1,2 e 2 cm. Atópase na costa atlántica de Portugal, sur de España, norte de África e outros puntos de Europa, sempre ligada á costa como fixador de dunas.

Unha subespecie tornouse en especie independente:

  • Juniperus navicularis Gand. anteriormente considerada como Juniperus oxycedrus subsp. transtagana Franco.

Algúns Juniperus oxycedrus subsp. oxycedrus de Italia e máis ó leste cara a Irán e Israel separáronse como especies crípticas por Robert P. Adams, baixo a denominación Juniperus deltoides R.P. Adams.

NotasEditar

  1. Juniperus oxycedrus Arquivado 31 de outubro de 2010 en Wayback Machine., The Gymnosperm Database (en inglés).
  2. Juniperus of the World (en inglés).

Véxase taménEditar