Julio Trigo López, nado na Habana en 1925 e finado no mesmo lugar en 1953, foi un combatente revolucionario cubano, de orixe galega. Fundador do Partido Ortodoxo en Calabazar, integrou o Movemento 26 de xullo e participou do asalto ao Cuartel Moncada xunto a Fidel Castro.

Infotaula de personaJulio Trigo

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento27 de marzo de 1925 Editar o valor em Wikidata
San Miguel del Padrón, Cuba (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte26 de xullo de 1953 Editar o valor em Wikidata (28 anos)
Santiago de Cuba Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCuba Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónrevolucionario Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Orixe familiar editar

Naceu o 27 de maio de 1925 na clínica La Balear, de San Miguel del Padrón, na Habana. Fillo de Servando Trigo Rouco e Francisca López Sánchez, inmigrantes galegos, do lugar de Miñotos, unha pequena aldea do concello de Ourol, na Mariña lucense. En Cuba formaron un modesto fogar na rúa Escobar, na Habana, que pronto foi completado co nacemento de dous fillos homes: Julio, o maior, e Pedro tres anos despois. Foi unha familia de escasos recursos económicos, o pai traballou inicialmente como chofer de alugueiro e a nai como serventa de familias adiñeiradas.

Infancia e xuventude editar

A saúde da súa nai quedou seriamente afectada como consecuencia do seu segundo parto. Os médicos recomendaron o regreso temporal a Galicia co fin de lograr o seu restablecemento. Servando Trigo Rouco logrou en 1930, á conta de grandes sacrificios, reunir o suficiente para enviar á súa esposa e fillos un a tempo a Miñotos.

Por razóns tamén económicas, a estancia debeu prolongarse. En Galicia a nai tivo que dedicarse a faenas agrícolas. Julio asistiu alí por primeira vez á escola pero a pesar da súa curta idade, tivo que compartir algunhas das tarefas do campo que garantían a subsistencia familiar. En Cuba, por outra banda, o pai, masón[1] da loxa "Unión Ibérica" estaba sinalado politicamente, por salvar dun atentado a Salvador Menéndez Villoch, quen logo foi figura política do autenticismo e Ministro de Defensa pero que nese momento se atopaba entre os colaboradores do dirixente revolucionario Antonio Guiteras na súa loita contra a tiranía de Gerardo Machado.

Todo iso propiciou que a permanencia de Julio Trigo xunto á súa nai e irmáns se estendera a seis anos e o regreso non puidese efectuarse até fins do ano 1936. Xa declarada a guerra civil española lograron regresar a Cuba dende o porto da Coruña, grazas á mediación de Menéndez Villoch[2]. Unha vez reunidos comezou un período de intensa vinculación dos fillos co seu pai; ademais de fortalecerse as relacións afectivas, Julio e o seu irmán Pedro participaron das inquietudes políticas daquel. Co pai tomaron parte en colectas a favor da República española, a través da Casa de Cultura Española da Habana e da Gran Loxa de Cuba; de quen oíron, desde moi pequenos, cualificar de sanguinario a Fulgencio Batista e acusalo de ser o asasino de Guiteras.

A familia residía por aquel entón na leira El Molino, en Calabazar, onde ambos os irmáns asistiron á escola pública. Julio destacouse como estudante. En 1938, a menos de dous anos do regreso de España, o pai perdeu a vida corneado por un touro, cando tentaba salvar a dun compañeiro na vaquería na que traballaba.[2] A partir de entón, a nai loitou soa pola supervivencia e educación dos seus fillos. Pediu axuda a Menéndez Villoch, quen conseguiu unha bolsa para Pedro. A súa nai, considerou que debía ser Julio quen debía encabezar no seu momento a familia.

Na Escola Nacional Masónica, na chamada Casa dos Nenos, sita na antiga Calzada de Bejucal, Julio terminou o ensino medio até oitavo grao. Non puido estudar bacharelato como quería para despois cursar a carreira de Farmacia, pois tivo que comezar a traballar para facer fronte ás necesidades do fogar. Inicialmente Julio traballou como mensaxeiro na farmacia de Calabazar, e pouco despois foi dependente. As funcións inherentes a esa praza naqueles tempos, incluía preparar fórmulas e pór inxeccións. Aproximadamente dous anos máis tarde puido colocarse nunha fábrica de tecidos da capital , onde se lle presentou por primeira vez aos 17 anos, unha hemoptise que provocou o seu ingreso no antigo sanatorio La Esperanza, centro hospitalario que actualmente leva o seu nome.

Inicióuselle tratamento antituberculoso pero despois foi detectado que unha afección bronquial conxénita era a que lle producía a hemoptise. Era operable, pero ao expórselle que corría un alto risco de perder a voz, desistiu da operación. Durante o tempo que permaneceu no sanatorio, onde os pacientes carecían de recursos elementais como alimentación adecuada e medicamentos, Julio puido identificarse coas necesidades dos enfermos, moi pobres na súa absoluta maioría, e tomou decisións que afectarían o curso posterior da súa vida.

Cando foi dado de alta, utilizou relacións que conservaba desde a súa época na farmacia de Calabazar e conseguiu a prezos de custo nalgúns laboratorios, medicamentos que o Estado debía facer chegar pero non fornecía aos pacientes. Obtivo a autorización para vendelas dentro do propio sanatorio a prezos extremadamente baixos. En moitas oportunidades fíxoas chegar gratuitamente aos carentes de recursos. Foi durante esta etapa de visitas ao sanatorio que coñeceu a unha moza, Clara Rosa Herrera, ingresada alí, con quen iniciou un noivado que a morte de Julio truncou.

Activismo e política editar

Tanto Julio como seu irmán militaban no Partido Ortodoxo, do que fundaron as súas xuventudes. En 1951, nun mitin en Santiago de las Vegas, denunciaron que o presidente Prío Socarrás se apropiara de cinco leiras e expulsara pola forza aos campesiños que as cultivaban. Ao rematar o discurso, achegóuselles Fidel Castro, quen lles propuxo denunciar o caso no xornal revolucionario Alerta e invitounos a organizar en Calabazar a que foi unha das primeiras cédulas do despois chamado Movemento 26 de xullo. A partir de aí o contacto entre Castro e os irmáns Trigo foi constante.[2]

O asalto ao Moncada editar

En 1952, o antigo sarxento Fulgencio Batista deu un golpe de estado contra o goberno democrático de Prío Socarrás e instaurou unha ditadura. Fidel Castro decidiu asaltar o cuartel Moncada para conseguir armas coas que loitar contra o réxime. Os irmáns Trigo estaban entre os 135 "moncadistas", que iniciaron o asalto o 26 de xullo de 1953. Un día antes, Julio sufrira un ataque agudo de hemoptise e Fidel deixárao fóra da caravana pero el chegou a pé ao cuartel. A operación foi un fracaso, 6 asaltantes morreron durante o tiroteo, e outros 55 foron apresados, torturados e asasinados, entre eles Julio Trigo. Tiña 28 anos.

A pesar de non ser exitoso, o asalto ao Moncada marcou un fito, deu a coñecer a todo o país ao avogado Fidel Castro e as súas reivindicacións, e supuxo o inicio da Revolución cubana.

Legado editar

A Facultade de Ciencias Médicas da Habana leva o seu nome,[3] así como outros centros integrados nela como o Hospital Clínico Cirúrxico Julio Trigo (antigo sanatorio La Esperanza), situado en Arroyo Naranjo (A Habana) e reinaugurado por Fidel Castro en 1987.[4]

En 2010, o seu irmán Pedro Trigo, presentou un libro sobre a súa vida titulado Julio Trigo López, un mártir galego no Moncada.[2]

Notas editar

  1. "Un héroe de Moncada en las listas de Ourol". El País (en castelán). 7 de maio de 2011. Consultado o 11 de xaneiro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Julio Trigo López, un ourolés en el altar de la revolución cubana". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de outubro de 2018. Consultado o 11 de xaneiro de 2019. 
  3. "Julio Trigo". instituciones.sld.cu. Consultado o 2021-05-15. 
  4. Fidel Randón Matienzo. "Celebrarán 20 años de la reinauguración del hospital Julio Trigo" (en castelán). Consultado o 11 de xaneiro de 2019. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Arquivos da Oficina de Asuntos Históricos do Consello de Estado.
  • Multimedia “Proyecto Identidad”, Tomo 3. PCC (2003).
  • Arquivos biográficos de Mártires do Moncada, Museo 26 de Xullo.