Juan Hidalgo

compositor español

Juan Hidalgo (de) Polanco, nado en Madrid o 28 de setembro de 1614 e finado na mesma cidade o 31 de marzo de 1685, foi un compositor e arpista español pertencente ao período Barroco, un dos autores de música teatral máis prolíficos da segunda metade do século XVII e considerado como o pai da ópera española e da Zarzuela.[1]

Juan Hidalgo
Nacemento28 de setembro de 1614
Lugar de nacementoMadrid
Falecemento31 de marzo de 1685
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Ocupacióncompositor e harpista
Na rede
Musicbrainz: a18eac62-7aca-43b0-b785-b1d7c4f5c27c Discogs: 1690724 IMSLP: Category:Hidalgo,_Juan Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Nacido no seo dunha familia de músicos, os seus primeiros contactos coa música puideron estar relacionados co mundo da construción de instrumentos no taller do seu avó, Juan de Polanco, guitarreiro ou lutier, no que tamén traballaba o seu pai, Antonio Hidalgo, violeiro.

Ingresa na Capela Real de Felipe IV como arpista cara a 1630, e como claviarpista en 1633. Algúns considérano o inventor da claviarpa, instrumento do cal se teñen poucas referencias, pero o certo é que a praza de claviarpista dentro da Capela Real xa existía desde 1609. Desde 1645 traballou como compositor de música de teatro para a Corte, compoñendo tons humanos e cancións.

Boa parte da información que temos de Hidalgo obtívose da documentación conservada no Arquivo Xeral de Palacio, xa que toda a súa actividade musical desenvolveuse entre a Real Cámara, a Real Capela e as festas de Corte pola que foi percibindo ao longo dos anos unha importante remuneración. O seu servizo á Corte estendeuse até o reinado de Carlos II. O 19 de novembro de 1638 foille concedido, tras solicitalo, o cargo de Familiar do Santo Oficio, e o 23 de febreiro de 1640 converteuse en Notario da Santa Inquisición. Por un documento de 1671 sábese que fixo a música dos espectáculos teatrais da Corte polo menos desde 1645. En tal documento é descrito como «mestre de toda a Real Cámara, así en palacio e Bo Retiro, como en todas as xornadas». Certamente estivo moi ben considerado na Corte e obtivo altos emolumentos: en 1655 concedéuselle unha renda anual de 200 ducados sobre o arcebispado de Sevilla e en 1668 «200 ducados de aumento sobre as mesadas eclesiásticas»; é máis, en 1673 Juan Hidalgo solicitou «unha ración ordinaria» alegando que levaba 44 anos de servizo e que, como era casado, non podía obter renda eclesiástica. O duque do Infantado apoiou esta demanda «pola súa suficiencia e por ser único na facultade da música». Cando, en 1677, o Patriarca de Indias, Antonio Manrique, tentou reducir gastos na Real Capela, informou ó rei que Hidalgo recibía 400 ducados adicionais da Casa de Castela, pero que como era "de superior habilidade e mereceu as maiores honras de SS. MM. en todos os tempos (…) non parece se lle rebaixe nada de canto goza". Segundo Varey e Shergold, o salario total de Hidalgo alcanzaba un total de 15 123 reais anuais.[2]

Hidalgo faleceu en Madrid o 2 de agosto de 1685 e legou todos os seus bens á súa esposa, Francisca Paula de Abaunza. A súa música era tan estimada que Carlos II esixiu a entrega a Palacio de todas as composicións do músico para que se gardasen e, posiblemente, se atopasen no arquivo de música da corte que albergaba o Real Alcázar de Madrid cando foi destruído por un incendio en 1734. Por tanto, a maior parte da súa obra perdeuse e a que chegou até nós áchase moi dispersa en diversos arquivos. O compositor está enterrado na capela da nosa Señora do Castelo da igrexa de San Xinés de Madrid.

Hidalgo personifica a orixe da ópera en España da man do ilustre dramaturgo Calderón de la Barca coa obra Celos aun del aire matan, baseada na historia de Céfalo e Procris narrada nas metamorfoses de Ovidio, estreada o 5 de decembro de 1660 para celebrar o terceiro aniversario do príncipe Felipe Próspero. É considerada a ópera máis antiga conservada en España.

Hidalgo empezara a colaborar con Calderón en 1657 con El laurel de Apolo, unha das primeiras obras musicais en ser denominada co nome de zarzuela até o falecemento do dramaturgo en 1680. O binomio formado por Calderón e Hidalgo consolidou o papel que a música teatral adquirira en España coa comedia nova de Lope de Vega en La selva sin amor. Con todo, tamén musicou en 1658 a obra de Antonio de Solís Triunfos de Amor y Fortuna que se estreou o 27 de febreiro dese mesmo ano e, aínda que volveu traballar con Calderón de la Barca en diversas ocasións, estendeu os seus traballos a outros dramaturgos da época como Juan Bautista Diamante, Francisco de Avellaneda ou Juan Vélez de Guevara.

EstiloEditar

O máis destacable do seu estilo é a súa grande expresividade, a utilización de tons melancólicos e sinxelos, o desenvolvemento da acción dramática e a asociación de diferentes estilos musicais á condición dos personaxes, é dicir, «nobres e mitos cantan en recitativos e ariosos» e os personaxes cómicos «cantan en forma de coplas bailables con refrán».[3]

Na súa obra obsérvanse influencias do estilo italiano que, por outra banda, invadía toda Europa durante o século XVII: estilo recitativo, seccións en forma da capo, coros homofónicos monteverdianos e reiteración de refráns. Con todo, non renuncia ao "aire" español utilizando letras e músicas populares (seguidillas sen refrán) e ritmos sincopados.

O seu estilo adáptase ao peso do libreto. Así, na obra vinculada a Calderón, de textos longos e temas mitolóxicos, céntrase máis no desenvolvemento dramático que na caracterización de personaxes; con todo as zarzuelas, froito da súa colaboración con outros dramaturgos, caracterízanse por cantos sinxelos, habitualmente solo ou tons humanos con acompañamento instrumental estilisticamente similares que se van encadeando.

Jack Sage destaca tres trazos xerais no estilo musical de Hidalgo:

  • Utilización do ritmo sincopado equiparable á danza
  • Tendencia cara ao stile recitativo operístico
  • A forma cíclica de refrán con compás ternario máis copla con compás 4/4 ou 2/4.

Poderíase dicir que adapta a estrutura italiana recitativo/aria a un estilo máis español (a antiga panxoliña), aínda que na súa obra atopamos varios "lamentos", á maneira operística italiana.

ObrasEditar

Consérvase moi pouco da súa obra relixiosa (froito da súa vinculación á Real Capela) debido ao incendio que se produciu no Alcázar de Madrid en 1734. En canto á súa obra profana, compuxo música escénica (óperas, zarzuelas, comedias…), tons humanos, dúos, panxoliñas e autos sacramentais.

  • 1653 - Fortuna de Andrómeda y Perseo (libreto de Pedro Calderón de la Barca), a música consérvase no manuscrito MS Typ 258 da Houghton Library da Universidade de Harvard, Cambridge, Mass.
  • 1656 - Pico y Canente (Luis de Ulloa y Pereira) / Comedia pastoral
  • 1658? - Triunfos de amor y fortuna (Antonio de Solís) / Obra mitolóxica (en colaboración con Cristbal Galán)
  • 1658 - El laurel de Apolo (Pedro Calderón de la Barca) / Zarzuela (música desaparecida)
  • 1660 - La púrpura de la rosa (Calderón de la Barca) / Ópera (música desaparecida)
  • 1660 - Celos aun del aire matan (Calderón de la Barca) / Ópera (conservada, excepto la instrumentación, reconstruída despois)
  • 1661 - Eco y Narciso (Calderón de la Barca) / Comedia pastoral
  • 1661 - El hijo del Sol, Faetón (Calderón de la Barca)
  • 1662 - Ni amor se libra de amor (Calderón de la Barca) / Zarzuela (desaparecida)
  • 1670 - La estatua de Prometeo (Calderón de la Barca) / Zarzuela
  • 1670 - Fieras afemina amor (Calderón de la Barca)
  • 1672 - Los celos hacen estrellas (Juan Vélez de Guevara) / Zarzuela (música conservada)
  • 1672 - Alfeo y Aretusa (Juan Bautista Diamante) / Zarzuela
  • 1673 - Los juegos olímpicos (Agustín de Salazar y Torres) / Zarzuela
  • 1675 - El templo de Palas (Francisco de Avellaneda)
  • 1680 - Hado y divisa de Leonido y de Marfisa (Calderón de la Barca) / Ópera (última obra de Calderón)
  • 1684 - Apolo y Leucotea (Pedro Scotti de Agoiz) / Zarzuela
  • 1684 - Endimión y Diana (Melchor Fernández de León) / Zarzuela
  • 1684 - Ícaro y Dédalo (Fernández de León) / Obra mitolóxica
  • 1695 - El primer templo de Amor (Fernández de León) / Mitolóxica-pastoral

Fontes principais para a obra de Juan HidalgoEditar

NotasEditar

  1. "Happy 400th Birthday to Zarzuela Creator, Spanish Composer Juan Hidalgo de Polanco". 
  2. Juan Hidalgo Polanco (1614-1685), Música de Hispania.
  3. Lolo, Begoña: «Hidalgo» en Diccionario de la música española e Hispanoamericana, Emilio Casares (dir.), Madrid, SGAE, 1999-2003.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Caballero Fernández-Rufete, Carmelo: “En trova de lo humano a lo divino: Las óperas de Calderón de la Barca y los villancicos de Miguel Gómez Camargo” en La ópera en España e Hispanoamérica, Vol. 1, ICCMU, Madrid, 2001, Casares Rodicio, Emilio e Torrente, Álvaro (eds.), pp. 95-115.
  • Cotarelo, Emilio: Historia de la zarzuela, o sea el drama lírico en España, desde su origen a fines del siglo XIX. Madrid, ICCMU, 2000 (reedición facsímile do orixinal de 1934).
  • Espido Freire, Mila: “La diversidad de fuentes para la música en la fiesta de la zarzuela. Alfeo y Aretusa (1672), de J.B. Diamante (1625-87)” en La ópera en España e Hispanoamérica, Vol. 1, ICCMU, Madrid, 2001, Casares Rodicio, Emilio e Torrente, Álvaro (eds.), pp. 175-192.
  • Sage, Jack: “La música de Juan Hidalgo para Los celos hacen estrellas, de Juan Vélez de Guevara” en Juan Vélez de Guevara: Los celos hacen estrellas, ed. de J. E. Varey e N. D. Shergold, Támesis Books, Londres, 1970, pp. 169-171.
  • Pedrell, Felipe: Teatro lírico español anterior al siglo XIX. La Coruña, S.A., 1897 e 1898. 5 tomos.
  • Cancionero popular español. Valls, S.A., 4 tomos.
  • Catàlech de la Biblioteca de la diputación de Barcelona. Barcelona. 1908
  • Stein, Louis K.: “De la contera del mundo: Las navegaciones de la ópera entre dos mundos y varias culturas” en La ópera en España e Hispanoamérica, Vol. 1, ICCMU, Madrid, 2001, Casares Rodicio, Emilio e Torrente, Álvaro (eds.), pp. 79-94.
  • Songs of mortals, dialogues of the gods: music and theatre in seventeenth-century Spain. Oxford, OUP, 1993

Ligazóns externasEditar