Joseph Cloud

fundidor e refinador da Ceca de Filadelfia


Joseph Cloud, nado no condado de Chester, Pensilvania, o 27 de agosto de 1770 e finado en Radnor, condado de Delaware, no mesmo estado, o 3 de xullo de 1845, foi un químico estadounidense e funcionario da Casa da Moeda de Filadelfia, onde ocupou o cargo de fundidor e refinador entre 1797 e 1836.

Infotaula de personaJoseph Cloud
Biografía
Nacemento27 de agosto de 1770.
Chester, Pensilvania.
Morte3 de xullo de 1845 (74 anos)
Radnor, Chester, Pensilvania.
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense.
Actividade
OcupaciónQuímico. Fundidor e refinador da Casa da Moeda de Filadelfia
Familia
CónxuxeEliza Taylor (1797).
FillosEliza, Elizabeth, Joseph e Edwind Cloud.

Traxectoria editar

Joseph Cloud naceu o 27 de agosto de 1770, fillo maior de Amy Pyle e de Abner Cloud, casados cara a 1760.[1] O seu pai descendía de William Cloud, orixinario de Calne, no condado inglés de Wiltshire, que comprou terras no futuro municipio de Concord en 1682.[2]

Cloud formouse como químico e entre os seus logoros está a súa contribución á individualización do paladio.[1] Malia non aparecer citado adoito na literatura científica, o máis salientable é o seu apéndice á segunda edición americana (1809) da obra de Jane Marcet Conversations on Chemistry, no que dá conta da súa invención dun soprador hidropneumático.[3][4]

O presidente George Washington nomeou a Cloud fundidor e refinador da Ceca de Filadelfia en decembro de 1796, e o nomeamento foi confirmado polo Senado o 2 de xaneiro de 1797.[5] Ocupou este cargo ata que dimitiu o 14 de xaneiro de 1836, por mor dos seus problemas de vista.[1][2] Foi sucedido nese cargo por Franklin Peale.

Cloud foi elixido membro da Sociedade Filosófica Americana, de Filadelfia, en 1806,[6] e ocupou os cargos de secretario (1812) e de conservador (1814-1822), no período de Thomas Jefferson como presidente da sociedade.[1] Tamén formou parte da Sociedade Química de Filadelfia.[4]

Vida persoal editar

Cloud casou o 21 de agosto de 1797 con Eliza Taylor, con quen tivo dous fillos e dúas fillas.[1][2]

Durante a derradeira etapa da súa vida residiu en Radnor, no condado de Delaware, Pensilvania, onde faleceu o 3 de xullo de 1845.[2] O seu corpo foi soterrado no cemiterio Laurel Hill, de West Bradford, Pensilvania.[1][2][7]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Joseph Cloud". MyKindred.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Futhey, J. S.; Cope, G. (1881). Páxina 500.
  3. Marcet, J. (1809). Conversations on chymistry, in which the elements of that science are familiarly explained and illustrated by experiments and plates, from the last London edition: the second American edition: enlarged by an appendix consisting of a description, with a plate, and the manner of using of the new hydro-pneumatic blow-pipe, invented by Mr. Joseph Cloud of the mint of the United States: also of three disquisitions, one on dyeing, one on tanning, and one on currying. J. Humphreys, Boston. [Ver ficha da publicación]
  4. 4,0 4,1 Miles, W. (1950). "Early American Chemical Societies: 1. The 1789 Chemical Society of Philadelphia. 2. The Chemical Society of Philadelphia". En Chymia. Vol. 3. Páxina 110.
  5. "From George Washington to the U.S. Senate, 30 december 1796". Founders Online, National Archives (Founders,archives.gov).
  6. "Joseph Cloud". American Philosophical Society Member History. (Amphilsoc.org).
  7. "Joseph Cloud". Findagrave.com

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar