Jared Ingersoll

Jared Ingersoll, nado en New Haven o 24 de outubro de 1749 e finado en Filadelfia o 31 de outubro de 1822, foi un avogado e político estadounidense.

Jared Ingersoll
Jared Ingersoll.jpg
Nacemento24 de outubro de 1749
 New Haven
Falecemento31 de outubro de 1822
 Filadelfia
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterUniversidade Yale
Ocupaciónavogado, xuíz e político
PaiJared Ingersoll, Sr.
FillosCharles Jared Ingersoll e Joseph Reed Ingersoll
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Fillo de Jared Ingersoll, o axente británico encargado da aplicación da lei do timbre de 1765 en Connecticut, un imposto directo do Parlamento británico específico para as trece colonias que provocou unha gran resistencia entre os colonos. En 1766 Jared gradouse pola Universidade Yale, establecéndose contra 1771 en Filadelfia[1] traballando no despacho do avogado Joseph Reed[2] e colexiándose como avogado en 1773. Logo marchou a Inglaterra para continuar os seus estudos de dereito no Middle Temple de Londres (1773-1776) e tras rematar os seus estudos viaxou por Europa, permanecendo ano e medio en París onde tratou a Benjamin Franklin[3]. En 1778 volveu a Filadelfia e estableceuse como avogado, abranzando a causa da independencia norteamericana, rompendo co pensamento lealista da súa familia. Foi delegado no Segundo Congreso Continental (1780-1781). Na Convención de Filadelfia (1787) foi delegado por Pennsylvania aínda que apenas participou nos debates malia asistir a todas as sesións. Nun primeiro momento estivo aliñado cos partidarios de revisar os Artigos da Confederación pero despois integrouse na maioría[4], partidaria de redactar unha nova constitución, e acabou sendo un dos asinantes da Constitución dos Estados Unidos. Membro do Partido Federalista, foi concelleiro de Filadelfia (1789) e candidato á vicepresidencia dos Estados Unidos nas eleccións presidencias de 1812 na candidatura de DeWitt Clinton, disidente republicano-demócrata oposto á liña oficial de James Madison. Ingersoll serviu como fiscal xeral de Pennsylvania (1790-1800 e 1811-16), fiscal municipal de Filadelfia (1798-1801), fiscal federal no distrito de Pennyslvania (1800-1801) e xuíz en funcións do distrito federal de Pennyslvania (1821-1822).

 
Selo dos Estados Unidos de 1937 con motivo dos 150 aniversario da Constitución representando os delegados no acto de asinamento da Constitución.

Durante a súa carreira xurídica axudou a definir algúns dos principios enunciados na Convención de Filadelfia por medio de casos resoltos polo Tribunal Supremo que veu definir varios puntos básicos da nova constitución. Así, Ingersoll representou a Xeorxia en Chisholm vs. Xeorgia (1793), un caso crucial para definir os dereitos dos estados, neste caso o Tribunal Supremo sentenciou contra Ingersoll establecendo que un estado pode ser demandado nun tribunal federal por un cidadán doutro estado. Como resposta en 1795 aprobouse a Oncena Emenda á Constitución que establecía a inmunidade soberana a cada estado contra demandas de cidadáns doutros estados. est revogación da noción de soberanía estatal. En 1796 ao representar a Hylton en Hylton vs. Estados Unidos, Ingersoll involucrouse no primeiro recurso contra da constitucionalidade dunha resolución do Congreso. Ingersoll tamén serviu como conselleiro legal en varios casos que axudaron a clarificar cuestións constitucionais relativas á xurisdición dos tribunais federais e as relacións dos Estados Unidos con outras nacións, e mais tamén defendeu a William Blount, senador de Tennessee, nun proceso de deposición.

NotasEditar

  1. "Ingersoll, Jared, (1749–1822)" Biographical Directory of the United States Congress
  2. "Jared Ingersoll (1749–1822)". University of Pennsylvania
  3. Wilson, J. G.; Fiske, J., eds. (1892). "Ingersoll, Jared" . Appletons' Cyclopædia of American Biography. New York: D. Appleton.
  4. "Jared Ingersoll--Pennsylvania" in Robert K. Wright, Jr. e Morris J. MacGregor, Jr (1987) Soldier-Statesmen of the Constitution Washington D. C.:Center of Military History. United States Army, pp. 154-156