How to Do Things with Words


How to Do Things with Words (Como facer cousas con palabras) é unha obra de John Langshaw Austin, publicada en Inglaterra en 1962 (edición póstuma) a partir dunha serie de conferencias dadas en 1955 na Universidade de Harvard, no marco das Conferencias William James Lectures. Deste libro naceu a teoría dos actos de fala, que dará lugar á lingüística prágmatica contemporánea e á filosofía da linguaxe ordinaria.

Con este libro, J. L. Austin continúa os estudos de Émile Benveniste, Karl Bühler, Roman Jakobson, Charles Bally, Bronislaw Malinowski e Ludwig Wittgenstein. Cun método de traballo innovador e didáctico desenvolve en doce conferencias as súas teorías dos actos de fala, diferenciando dous tipos de enunciados: o enunciado constatativo e o enunciado performativo (ou realizativo). Un enunciado é performativo cando non se constata ou describe nada senón que se realiza un acto. O performativo é sometido a condicións de “felicidade”, dependendo dun contexto situacional (ou circunstancial).

Ao longo dos seus estudos, dáse conta de que tamén os constatativos dependen de condicións, así que amplía o criterio performativo a todos os enunciados. Por tanto, elabora unha taxonomía das diferentes maneiras que podemos ter de “facer” algo ao dicir algo, dividido en tres categorías: o acto locutivo (dicir algo é facer algo), o acto ilocutivo (ao dicir algo estamos a facer algo) e o acto perlocutivo (porque dicimos algo estamos a facer algo). Recoñece no acto ilocutivo o acto esencial da palabra, por tanto tenta estabelecer unha taxonomía dos diferentes valores que poden adoptar os verbos dun acto ilocutivo.

A morte impídelle continuar os seus estudos. John Searle, considerado como o sucesor máis directo de Austin, continúa as súas investigacións, volvendo examinar a clasificación dos valores ilocutivos. As teorías de Austin reciben tamén dúas críticas principais: a de Dan Sperber e Deirdre Wilson, e a de John-Robert Ross, seguido por George Lakoff.

Os precursores editar

Antes do traballo de Austin, Émile Benveniste xa sinalara diferentes formas de frases que levan a distinguir diferentes modalidades de oracións: as asertivas, interrogativas e imperativas. Karl Bühler tamén sinalara tres funciones da linguaxe: as funcións de representación, de expresión e de chamada (ou apelación). Roman Jakobson retomou este traballo, renomeando estas funcións da linguaxe como referencial, expresiva e conativa, ás cales engade as funcións fática, metalingüista e poética. En canto a Charles Bally, descompuxo o contido dun enunciado nun modus aplicado a un dictum, o que John Searle proporía máis tarde como valor ilocutivo aplicado a un contido proposicional. Bronislaw Malinowski, desde unha perspectiva etnográfica, propuxo a idea de linguaxe-acción, “a linguaxe é esencialmente un instrumento para a acción” [Cómpre referencia]Por último, Ludwig Wittgenstein foi un precursor da teoría dos actos de fala.[1] O seu pensamento pódese resumir nesta frase: “o sentido é o uso”[2]

Método de traballo editar

O método de traballo de Austin foi innovador en todos os sentidos. Denomina a súa maneira de filosofar “fenomenoloxía lingüística”.[3]

Non considerou a análise da linguaxe como tal, senón como unha filosofía que trata da linguaxe, co fin de estudar os fenómenos. O seu método para analizar a linguaxe baséase no tenteo, a minuciosidade, e a preocupación polos detalles. Postula observar a linguaxe, desconfiar dela, desfigurala, mesmo desbaratala.

Por iso, o analista debe imaxinar situacións novas ou inéditas aínda cando sexan estrañas ou extremadamente triviais. Facer o inventario completo das posibilidades de enunciaciones e listas exhaustivas de actos de fala permite estar fronte á “situación total”, apta para facer xurdir respostas ás preguntas filosóficas. Austin tivo unha confianza inquebrantábel e exclusiva no seu método, aínda que poida parecer laborioso á vista de todas as posibilidades de enunciaciones. Para el, os empregos da linguaxe non son infinitos, por tanto é posíbel e necesario estabelecer un repertorio o máis amplo posíbel para chegar a un método exacto. Desa maneira, opúxose tanto á abstracción filosófica como á abstracción gramatical.

Como facer cousas con palabras editar

Esta sección pretende resumir de forma exhaustiva as innovacións introducidas pola serie de doce conferencias que Austin dirixiu en Harvard, reunidas baixo o título Como facer cousas con palabras.

Primeira conferencia editar

A distinción entre os enunciados constatativos e performativos editar

Despois de observar que a categoría gramatical das “afirmacións” é demasiado ampla, e adoita clasificarse na categoría das “seudo-afirmacións” - porque non o son -, Austin conclúe que os filósofos consideran con frecuencia “que moitas expresións que parecen enunciados, ou ben non son formuladas en absoluto para rexistrar ou fornecer información directa acerca dos feitos, ou teñen ese propósito só en parte”.[4] Por iso, estabelece diferenzas entre dous tipos de enunciados: os constatativos e os performativos.

Os enunciados constatativos cualifican os enunciados que son só verdadeiros ou falsos, sen que “fagan” algo. Ao contrario, os enunciados performativos non son nin certos nin falsos, nin a expresión dun absurdo. Pretenden “facer” algo (apostar, casar, etc) e necesitan a miúdo recorrer a un engadido ás propias palabras: é o que Austin chama o contexto situacional (ou circunstancial).

Segunda conferencia editar

Cando algunhas circunstancias están ausentes (por exemplo, no caso dun matrimonio, se o enunciado “eu declárovos marido e muller” é pronunciado por calquera persoa e non polo alcalde), o enunciado performativo non se volve falso, simplemente o acto pretendido non se produciu. Pode tamén ser cumprido de mala fe (por exemplo, se a persoa que casa di “Si, quero”, cando non o quere), ou non aparecer en toda a súa plenitude.

Cando a acción cumprida por un enunciado performativo chega a bo termo, chámase afortunado. No caso contrario, chámase desafortunado. Eses conceptos de enunciados performativos afortunado ou desafortunado oponse aos enunciados constatativos, que son verdadeiros ou falsos.

Todas as circunstancias que provocan a non-realización do acto son chamadas “infortunios”. Austin clasifícaos segundo as condicións a cuxa vulneración corresponden.

Terceira e cuarta conferencias editar

Chegado a este punto, Austin dáse conta de que os enunciados constatativos dependen tamén de circunstancias, e a miúdo son as mesmas que para os performativos. Por iso, debe buscar outros criterios para diferenciar os constatativos dos performativos.

Quinta conferencia editar

Selecciona o criterio gramatical: “Sentiríamonos inclinados a dicir que toda expresión que é en realidade un realizativo tería que ser reducíbel, expansíbel ou analizábel de modo tal que se obtivese unha forma na primeira persoa singular do presente do indicativo na voz activa (gramatical).”[5]

Sexta e sétima conferencias editar

Cae na conta de que a categoría dos constatativos é moi ampla, e que, a pesar dos seus intentos para diferencialos, moitos enunciados son constatativos e performativos á vez, dependendo das circunstancias.

Se non hai criterios gramaticales, e tampouco probas infalíbeis que permitan diferenciar sen ningunha dúbida os performativos dos constatativos, hai que “comezar de novo”, expondo as preguntas fundamentais: “É preciso que reconsideremos dun modo máis xeral os sentidos en que dicir algo pode ser facer algo, ou en que ao dicir algo facemos algo.”[6][6]

Oitava conferencia editar

Resolve as súas formulacións anteriores dividindo os actos de fala en tres categorías:

O acto locutivo editar

Austin expón, como punto de partida, que unha enunciación consiste polo menos, nun acto fonético – producir determinados sons –, un acto fático – enunciar determinados vocábulos cunha construción determinada e cunha entoación determinada –, e por último un acto rético – empregar eses vocábulos nun sentido, cunha referencia determinada –. Ese tres actos permiten dicir algo, é o que Austin bautiza como o acto locutivo.

O acto ilocutivo editar

O acto ilocutivo é un acto locutivo, mais é un acto realizado ao dicir algo. Dito doutro xeito, o acto locutivo é só o acto de dicir algo, mentres que o acto ilocutivo pode supor diferentes empregos dunha mesma locución, segundo como sexa entendida cando é pronunciada (por exemplo, segundo o contexto, dicir “Teño frío” pode significar o desexo de que o interlocutor peche a xanela, preste o seu abrigo ao seu locutor, ser só unha información sobre o meu estado físico etc.). É o valor atribuído á enunciación que funda o acto ilocutivo (orde, afirmación, pregunta etc.)

Este acto debe ser producido de conformidade cunha convención. Por exemplo, se o acto é unha promesa, a persoa que formula o enunciado “Prométoche que” debe ser sincera, se non, o acto ilocutivo non podería realizarse.

Austin dáse conta de que case todos os enunciados poden ser considerados como ilocutivos, por tanto non alcanza a definir de maneira precisa esta categoría. No entanto, recoñece no acto ilocutivo o acto esencial da palabra.

O acto perlocutivo editar

O acto perlocutivo realízase polo feito de dicir algo, o acto produce efectos ou consecuencias sobre o interlocutor. Así, ao contrario dun acto ilocutivo, chámase perlocutivas ás funcións da linguaxe que teñen un efecto indirecto sobre o interlocutor (adular, dar gusto, dar medo etc.) mais que non están inscritas explicitamente no enunciado.

Resumo editar

Despois de presentar o tres actos de fala da linguaxe, Austin resume a diferenza entre acto locutivo, ilocutivo e perlocutivo: “De modo similar podemos distinguir o acto locucionario ‘dixo que...’, o acto ilocucionario ‘sostivo que...’, e o acto perlocucionario ‘convenceume de que...’ ” O acto locutivo posúe unha significación, o ilocutivo dá un valor ao feito de dicir algo, e o perlocutivo permite obter algúns efectos grazas ao enunciado.[7]

Novena conferencia editar

Nesta conferencia, subliña a necesidade de distinguir o acto ilocutivo “ao dicir tal cousa estaba a previlo”, do acto perlocutivo “porque dixen tal cousa convencino, ou  sorprendino ou contíveno”.[8] Entón, examina as consecuencias dos dous actos, e deduce que a diferenza esencial que existe entre eles é que o acto ilocutivo é un acto convencional, mentres que o acto perlocutivo non o é. Por iso, a distinción queda confusa, porque pode ser difícil de definir onde empezan e acaban as convencións.

Décima conferencia editar

Ten en conta dúas formulas lingüísticas: “ao dicir x estaba a facer y” ou “fixen y”, que corresponde aos actos ilocutivos, e “porque dixen x fixen y” ou “estaba a facer y”, que corresponde aos actos perlocutivos.[9] Aínda que este test non sexa aínda suficiente para distinguir os dous actos, pode axudar.

Undécima conferencia editar

Chegado a este punto, atópase confrontado ao problema da distinción inicial entre os enunciados constatativos e performativos, que non é valida xa, porque o un e o outro non teñen en conta o acto lingüístico total.

Duodécima conferencia editar

Acaba por estabelecer unha taxonomía dos diferentes valores que poden adoptar os verbos dun acto ilocutivo: os xudicativos (absolver, condenar etc.), os exercitativos (degradar, mandar etc.), os compromisorios (prometer, facer voto de etc.), os comportativos (desculparse, agradecer etc.) e os expositivos (afirmar, negar etc.). Subliña que non está totalmente satisfeito con esa taxonomía. Austin non consegue acabar o seu traballo, a morte impediralle continualo. Searle vai retomar o seu programa. É considerado como o sucesor máis directo da teoría de Austin.

A evolución da teoría de Austin editar

John Searle editar

John Searle é un filósofo estadounidense contemporáneo. Continua a teoría dos actos de fala desenvolvida por Austin. En Expression and Meaning: Studies in the Theory of Speech Acts, Searle volve examinar a clasificación dos valores ilocutivos que Austin presentara na súa duodécima conferencia, e estabelece outra taxonomía en cinco clases de verbos: os representativos (afirmar, concluír etc.), os directivos (ordenar, mandar etc.), os conmisivos (prometer, xurar etc.), os expresivos (desculparse, alegrarse etc.) e os declarativos (declarar, ou expresións como “pola presente” etc.)

As críticas editar

As teorías de Austin reciben dúas críticas principais: a de Dan Sperber e Deirdre Wilson, e a de John-Robert Ross, seguido por George Lakoff. Sperber e Wilson son teóricos do Principio de Pertinencia. Supoñen que nas numerosas enunciaciones é difícil e inútil determinar o valor ilocutivo. Por tanto, volven tomar a taxonomía dos valores ilocutivos de Austin e de Searle, que dividen en tres clases, localizadas a partir de trazos unicamente lingüísticos (léxico e sintaxe): “dicir de” (oracións declarativas), “dicir que” (oracións imperativas), e “pedir se” (oracións interrogativas). Ross, e despois del Lakoff, formulan a idea de que “as oracións declarativas [...] deben ser analizadas como implicitamente performativas, e derivadas dunha estrutura profunda que contén un verbo principal performativo que domina a oración declarativa.”[10]

Notas editar

  1. C. Kerbrat-Orrechioni, Les actes de langage dans le discours, Théorie et fonctionnement, éd. Armand Colin, 2008, p.7
  2. C. Kerbrat-Orrechioni, op. cit., p.8
  3. J. L. Austin, Quand dire, c'est faire, éd. Seuil, 1970, p.10
  4. J. L. Austin, Cómo hacer cosas con palabras, Edición electrónica de www.philosophia.cl / Escuela de Filosofía Universidad ARCIS, p.4 |url=http://www.philosophia.cl/biblioteca/austin/C%F3mo%20hacer%20cosas%20con%20palabras.pdf Arquivado 13 de xullo de 2014 en Wayback Machine.
  5. J. L. Austin, op. cit., p.41
  6. 6,0 6,1 J. L. Austin, op. cit., p.60
  7. J. L. Austin, op. cit., p.67
  8. J. L. Austin, op. cit., p.71
  9. J. L. Austin, op. cit., p.79
  10. J. Ross citado por G. E. Sarfati en Précis de pragmatique, éd. Armand Colin, 2005, p.38

Bibliografía editar

  • D. Crystal, Diccionario de Lingüística y Fonética, ed. Octaedro, Madrid, 2000
  • J. Dubois, M. Giacomo, L. Guespin, C. Marcellesi, J.-B. Marcellesi, J.-P. Mével, Dictionnaire de linguistique et des sciences du langage, ed. Larousse, París, 1999
  • V. Escandell, Introducción a la pragmática, ed. Ariel, Madrid, 2013
  • C. Kerbrat-Orecchioni, Les actes de discours dans le langage, Théorie et fonctionnement, ed. Armand Colin, Paris, 2008
  • M. T. Julio, R. Muñoz, Textos clásicos de pragmática, ed. Arco Libro, Madrid, 1998
  • A. Martinet, Eléments de linguistique générale, ed. Armand Colin, París, 2003
  • J. Moeschler, A. Reboul, Diccionario enciclopédico de pragmática, ed. Arrecife Producciones, Madrid, 1999
  • G. Reyes, El abecé de la pragmática, ed. Arco Libro, Madrid, 1995
  • G.-E. Sarfati, Précis de pragmatique, ed. Armand Colin, París, 2005

Ligazóns externas editar