Historia de Montreal

A historia urbana de Montreal comeza coa fundación, no espírito da contrarreforma francesa, dun ideal de comunidade católica misioneira en territorio indio que, debido a súa excepcional posición á beira do San Lourenzo, converteuse en pouco tempo nun importante centro do comercio de peles e base de exploración dos extensos territorios do Canadá.

Hochelaga ao pé do Mont Réal editar

 
Representación de Hochelaga, xilografía de G.Gastaldi (1565).

A grande illa no curso medio do río San Lourenzo, xusto onde recibe ao Ottawa, foi lugar de ocupación por grupos nómades amerindios seica dende fai 6000 anos. Concretamente, hai achados arqueolóxicos do comezo da nosa era e na historia oral dos algonquinos revélase que, no seu avance dende o leste (que os estudosos datan nese tempo), chegaron a unha das súas míticas "illas con forma de tartaruga" que chamaron o Primeiro Lugar de Parada.

Cara ao ano 1000, pobos iroqueses comezaron a cultivar millo na rexión e nos séculos seguintes asentáronse en poboados fortificados. Así, entre os séculos XIV e XVI, iroqueses do S.Lourenzo estableceron na illa grande do río o poboado de Hochelaga (disque nas inmediacións da actual Universidade McGill inda que se descoñece a localización exacta).

En 1535 o explorador ao servizo da coroa francesa Jacques Cartier describiu Hochelaga despois de visitar a illa e nomear Mont Réal (ou Mons Realis) ao outeiro que dominaba a aldea nativa.

Fundación misioneira editar

 
Mapa de Champlain de 1611 co detalle da Illa de Montréal (o N embaixo): o arroio (Riviére de St.Pierre) e Place Royale (A).

Para cando outro explorador francés, Samuel de Champlain, arribou á illa do Mont Réal ou Royal en 1603 Hochelaga fora xa abandonada. Nunha segunda visita en 1611 escolleu un lugar ao pé do outeiro e a beira do río San Lourenzo, onde un arroio desembocaba (soterrado en 1832, hoxe a Pointe-á-Calliére [1]), para un posto de comercio de peles que chamou Place Royale.

 
Forte de Ville-Marie en 1645.

Inda que o posto non prosperou Champlain, de regreso en Francia, espallou a oportunidade de evanxelizar aos indios do lugar. Non foi ata 1641, nun contexto de loitas de relixión (o rei Lois XIII de Francia só permite aos católicos asentaren nas novas terras), que a idea tomou forma coa constitución da Societé de Notre Dame de Montréal pour la conversion des sauvages de la Nouvelle France, e que promove unha expedición duns cincuenta colonos ao mando de Paul Ch. de Maisonneuve para a fundación ao ano seguinte de Ville Marie no soar abandonado de Place Royale. De seguida comezaron a construír un forte como protección fronte aos que serían frecuentes ataques iroqueses. En 1645 a primeira edificación fora do forte, o hospital Hôtel-Dieu, erixiuse xa na beira norte do arroio St.Pierre, máis a salvo de asolagamentos [2]. Pouco a pouco as concesións a novos colonos (1653 e 1659; 600h en 1663) van aumentando os asentamentos nesa parte, constituíndo así o xermolo da vila que comezará a seres coñecida polo nome do outeiro e da illa, Montreal [3].

 
Plano de Montreal nas murallas, 1725

En 1672, a iniciativa de F.Dollier de Casson superior dos novos propietarios da illa, os sulpicianos, trázase o primeiro entramado de rúas (B.Basset, 3 paralelas ao S.Lourenzo e sete perpendiculares) e iníciase a construción da igrexa de Nôtre Dame, mentres o antigo forte era demolido [4]. A rúa Notre-Dame devén a das residencias burguesas e principais institucións coa nova Praza de Armas onde a igrexa; a rúa St.Paul, a comercial ligada ao porto coa Praza do Mercado (primitiva de Armas, hoxe Praza Royale).

O conxunto estaba arrodeado dunha empalizada xa dende 1689 pero a paz acadada coas tribos amerindias en 1701 deu paso a unha ameaza maior, á dos británicos. E así, un cinto de murallas (3,5 km) foi levantado entre 1718 e 1744.

Colonia británica editar

 
A nova Nôtre Dame dominando o casarío; vista dende o Mont Royal, 1853

En 1760 Montreal rendeuse as tropas británicas [5] que conquistaron toda a Nova Francia. Non soamente o poder político senón tamén o económico cambiou de mans. A vila fíxose plural, rematando o período de exclusividade católica (diocese en 1836 e nova basílica de Nôtre Dame na Praza de Armas), e continxentes de inmigración anglófona chegaron a faceres mesmo maioritaria a esa comunidade. Os escoceses en concreto foron unha minoría influente na construción da cidade do XIX. A poboación aumentou (9.000h en 1800; 23.000 en 1825; 58.000 en 1852) e a economía diversificouse cunha prosperidade crecente (exportación de trigo ao Reino Unido, a madeira, estaleiros, a banca coa rúa St.Jacques (ou St.James) coma nervio financeiro, inda que o comercio de peles seguiu sendo a base). As murallas foron demolidas entre 1804 e 1817 para integrar os arrabaldes (faubourgs) ó redor da vila, onde vivían fundamentalmente as clases populares francófonas [6].

Metrópole portuaria e industrial na segunda metade do século XIX editar

 
Montreal en 1892 co Canal de Lachine e a Ponte Victoria.

Pero a infraestrutura decisiva no desenvolvemento de Montreal foi a construción do Canal de Lachine (1825). A cidade era o último porto navegable do San Lourenzo a causa dos rápidos de Lachine uns quilómetros ao sur. O canal viría a faceres posible a continuación do tráfico cara ao interior, o Alto Canadá (convertendo o porto nun dos principais de América do Norte), ademais de seres o berce da forte industrialización da cidade [7]. Xunto co ferrocarril e a consecución do estatuto de municipalidade (1831) foron as bases dun enorme crecemento e modernización [8]. Soamente entre 1850 e 1860 a cidade case que dobra a súa poboación ata os 100.000 habitantes (a maioría francófonos restablecendo o equilibrio lingüístico) o que fixo dela a primeira urbe do Canadá e que fora elixida brevemente capital da colonia entre 1844 e 1849. Unha primeira ponte sobor do río (Ponte Victoria, 1859) que a conectaba con Nova York converteu a Montreal nun importante nó ferroviario (despois sede da Canadian Pacific en 1880)[9][10].

 
A Praza J.Cartier dende o porto; ao fondo a Columna Nelson na rúa Notre Dame e as mansardas do Hotel de Ville (á dereita).

En 1876 o que dende o inicio fora o signo de identidade xeográfica e toponímica da cidade, o Mont Royal, foi preservado coma gran parque urbano [11] (plan do paisaxista Frederick Law Olmsted [12]), favorecendo o desenvolvemento urbanístico ao seu redor. De feito, Montreal anexionouse entre 1883 e 1893 varias municipalidades veciñas (fundamentalmente francófonas que recuperaron a maioría lingüística) o que constataba un imparable crecemento metropolitano (267.000h en 1900, 400.000 na área [13]; 16 novas anexións entre 1905 e 1914, 618.000h en 1921, 774.000 na área [14]).

No centro histórico (Vieux Montréal), o novo edificio do Mercado de Bonsecours (1847) na ribeira xunto á Praza Jacques Cartier (que fora praza do mercado dende 1807), e o novo Hotel de Ville (concello, 1878) entre a anterior e o Champ de Mars (coa rúa Nôtre Dame polo medio) conforman outro corazón, ao norte da Praza de Armas e Nôtre Dame, da urbe do cambio de século [15].

Entre 1861 e a Gran Depresión de 1929 Montreal viviu a súa "idade de ouro". O boom do trigo de fins de século do que a cidade era a terminal (maior porto de gran do mundo) e o gran desenvolvemento bancario a reafirmaron coma centro económico do Canadá.

Século XX editar

Porén, ao longo do século XX a progresiva vinculación económica do país cos Estados Unidos ademais do incremento de poboación no oeste canadense tiveron en Toronto unha situación máis vantaxosa. Disque, co efecto engadido da incerteza provocada polo auxe do movemento separatista do Quebec e as liortas entre os dous grupos lingüísticos maioritarios, foron producindo aos poucos que Montreal perdera a súa predominancia.

Así e todo, a metade do século vía a cidade tender ambiciosas infraestruturas (novas pontes sobor do San Lourenzo como a Ponte Jacques Cartier, 1930 [16][17]; túneles ferroviarios baixo a urbe e o Mont Royal), erixir rañaceos no downtown ao suroeste do centro histórico [18][19][20] e mesmo organizar unha exposición universal (1967) e os Xogos Olímpicos de 1976.

 

Notas editar

  1. Mapa da Illa de Montréal coa situación da Place Royale de Champlain [1]
  2. Perspectiva debuxada de Ville Marie, 1645-1652
  3. Mapa de Montreal, 1650-1672 (o N á dereita)
  4. Mapa de Montreal, 1673-1687 (o N á dereita)
  5. Vista de época de Montreal dende o San Lourenzo co Mont Royal dominando o fondo, 1762 [2]
  6. Plano de Montreal cos faubourgs, 1830
  7. Vista das industrias asentadas nas beiras do Canal de Lachine, 1896 [3] Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.
  8. Plano de Montreal co arranque do Canal de Lachine no porto, 1843
  9. Plano de Montreal en 1861
  10. Mapa de Montreal, 1875
  11. "Plano do concello de Montreal co Parque do Mont Royal, 1887". Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2012. Consultado o 12 de decembro de 2010. 
  12. "Plan de Law Olmsted para o Mont Royal, 1876". Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2010. Consultado o 13 de decembro de 2010. 
  13. "Mapa de Montreal en 1890 coas localidades veciñas". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 12 de decembro de 2010. 
  14. "Mapa de Montreal, 1915". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2010. Consultado o 13 de decembro de 2010. 
  15. Vista dende o río, 1912: Mercado de Bonsecours (dereita), Praza J.Cartier, Hotel de Ville (centro);
    no fondo á esquerda aparecen as torres de Nôtre Dame
    [4]
  16. "Foto satelital da Ponte J.Cartier no porto, 1938". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2005. Consultado o 28 de outubro de 2005. 
  17. Vista xeral da Ponte J.Cartier co porto e a cidade ao fondo[Ligazón morta]
  18. Vista do centro de Montreal en 1946
  19. Vista en 1956
  20. A mesma vista do centro en 1971