Hidrófilo

(Redirección desde «Hidrofílico»)

Un composto hidrófilo ou hidrofílico (do grego amor á auga ou afinidade pola auga) é unha substancia que pode establecer enlaces de hidróxeno coa auga, e tende a disolverse facilmente en auga (ou noutras substancias polares).[1][2]

A auga contén un átomo moi electronegativo, o osíxeno, que retén en certa medida os electróns que comparte co hidróxeno no enlace covalente, creando un desequilibrio de cargas e orixinando unhas débiles cargas eléctricas parciais, que son negativas (δ-) no osíxeno, e positivas (δ+) no hidróxeno, polo que é unha molécula neutra dipolar. As substancias hidrofílicas teñen carga eléctrica ou grupos químicos polares neutros (con átomos electronegativos) nos que se forman tamén cargas parciais, polo que poden establecer pontes de hidróxeno coas moléculas de auga, o que facilita a súa solubilidade. As moléculas hidrofílicas tamén se chaman polares.

As substancias hidrófilas absorben moita auga.

Cando unha substancia con carga total ou parcial negativa se disolve en auga, as moléculas de auga rodéana pola zona onde están os seus hidróxenos (con δ+). Cando a molécula ten carga total ou parcial positiva, as moléculas de auga rodéana pola zona do osíxeno (con δ-). Esta auga que rodea as moléculas hidrófilas disolvidas denomínase auga de solvatación.

Ión sodio solvatado.

Hai moléculas que teñen unha parte hidrófila e outra hidrófoba e que reciben o nome de anfipáticas, por exemplo os xabóns. As moléculas anfipáticas disólvense en auga formando micelas, que son esferas nas que a parte hidrófila das moléculas está no exterior e a hidrófoba no interior.

Unha regra aproximada para determinar a hidrofilidade dunha molécula orgánica é que a solubilidade da molécula en auga sexa de máis do 1% en masa, ou se hai polo menos un grupo hidrófilo neutro por cada 5 carbonos, ou polo menos un grupo hidrófilo cargado electricamente por cada 7 carbonos.[3]

Outros usos do termo hidrófilo

editar

En Bioloxía un vexetal hidrófilo (ou vexetación hidrófila) é aquel que tende a vivir en zonas con moita auga. A polinización hidrófila é aquela na que o pole chega á planta flotando na auga.

  1. definition of hydrophilic and hydrophilicity Arquivado 19 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. from: IUPAC. Compendium of Chemical Terminology, 2nd ed. (the "Gold Book"). Compiled by A. D. McNaught and A. Wilkinson. Blackwell Scientific Publications, Oxford (1997). XML on-line corrected version: http://goldbook.iupac.org (2006-) created by M. Nic, J. Jirat, B. Kosata; updates compiled by A. Jenkins. ISBN 0-9678550-9-8. doi:10.1351/goldbook.
  2. Merriam-Webster dictionary
  3. Medical Chemistry Compendium. By Anders Overgaard Pedersen and Henning Nielsen. Aarhus University. 2008

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar