Os Herpesvirales son unha orde de virus icosaédricos de ADN que comparten a mesma morfoloxía xeral.

Viroloxía editar

Todos os virus herpes teñen unha estrutura da cápside icosaédrica, que rodea o ADN situado na parte central, a cal está formada por 12 capsómeros pentavalentes e 150 hexavalentes (T = 16). A cápside ten un diámetro de ~110  nanómetros (nm) e está incrustada nunha matriz proteinácea chamada tegumento, que á súa vez está encerrada nunha envoltura lipídica que contén glicoproteínas cun diámetro de aproximadamente 200 nm.

O xenoma de ADN destes virus é linear e de dobre cadea e dunha lonxitude de ~134 kb. O xenoma contén secuencias repetidas internas e terminais.

Especies desta orde infectan animais vertebrados ou invertebrados e tamén ao ser humano.

Historia editar

O xénero Herpesvirus foi establecido en 1971 no primeiro informe do Comité Internacional de Taxonomía de Virus (ICTV). O xénero constaba de 23 virus e 4 grupos de virus. No segundo informe do ICTV de 1976 este xénero foi elevado ao nivel de familia, os Herpetoviridae. Debido á posible confusión que se podía dar cos virus derivados de réptiles este nome foi cambiado no terceiro informe de 1979 a Herpesviridae. Neste informe a familia Herpesviridae foi dividida en tres subfamilias (Alphaherpesvirinae, Betaherpesvirinae e Gammaherpesvirinae) e 5 xéneros sen nome: na lista había 21 virus en total. En 2009 a familia Herpesviridae foi elevada á categoría de orde co nome Herpesvirales. Esta elevación foi necesaria debido ao descubrimento de que os virus herpes de peixes e moluscos estaban relacionados só moi distantemente cos de aves e mamíferos. Creáronse dúas novas familias, a familia Alloherpesviridae, que incorpora os virus de peixes óseos e ras, e a familia dos Malacoherpesviridae, que contén os de moluscos.

A orde ten actualmente 3 familias, 3 subfamilias e 1 grupo de non asignados, e ten 17 xéneros, 90 especies e máis de 48 virus aínda non asignados.[1]

Sistema de nomenclatura editar

O sistema de nomenclatura dos virus herpes orixinouse en 1973 e foi moi elaborado desde entón. O sistema de nomenclatura recomendado especificaba que cada virus herpes debería nomearse polo taxon (familia ou subfamilia) á cal pertence o seu hóspede natural principal. O nome da subfamilia utilízase para virus procedentes de mamíferos da familia Bovidae ou de primates (o nome do virus acaba en –ino, por exemplo bovino), e o nome da familia hóspede para outros virus (acabado en –ido, por exemplo équido). Os virus herpes humanos foron tratados como unha excepción dentro deste sistema (usan humano en vez de homínido). Ao termo derivado do hóspede, engádese a palabra herpesvirus, seguida dun número arábigo (1,2,3,...). Estas dúas últimas adicións ao nome non implican ningún significado sobre as propiedades taxonómicas ou biolóxicas do virus.

Hai algunhas excepcións máis a este sistema. Varios nomes de virus (como o virus Epstein–Barr) están tan difundidos que non é práctico insistir no seu cambio. Isto levou a que na práctica exista unha nomenclatura dual na literatura científica para algúns dos virus herpes. Todos os virus herpes novos descritos desde que se adoptou este sistema foron nomeados de acordo con el.

Filoxenética editar

A ramificación que presenta esta orde suxire que Alloherpesviridae é o clado basal e que Herpesviridae e Malacoherpesviridae son clados irmáns.[1] A gran distancia filoxenética entre os vertebrados e os moluscos, que son grupos animais con virus herpes, suxire que os herpesviruses eran inicialmente virus de peixes e que evolucionaron cos seus hóspedes para infectar a outros vertebrados.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Davison AJ (2010) Herpesvirus systematics. Vet. Microbiol. 143(1-2): 52–69

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar