Hatena arenicola

(Redirección desde «Hatena»)

Hatena arenicola
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
(sen clasif.) Cryptista
Orde: Katablepharida
Xénero: Hatena
Okamoto & Inouye 2006
Especie: H. arenicola
Nome binomial
Hatena arenicola
Okamoto e Inouye, 2006

Hatena arenicola é unha especie de eucariota unicelular descuberta en 2000 e descrita en 2006.[1] Descubrírona os biólogos xaponeses Noriko Okamoto e Isao Inouye da Universidade de Tsukuba, que lle deron o seu nome científico e fixeron a súa descrición formal en 2006.[2] Trátase dun flaxelado que lembra unha planta nun estadio da súa vida, durante o cal porta unha alga fotosintética no seu interior,[3] ou a un animal noutros momentos, actuando como predador. Os investigadores cren que este organismo está en proceso de establecer unha endosimbiose secundaria, na cal un organimso se incorpora a outro, resultando unha combinación que é unha forma de vida completamente nova.

Descubrimento editar

H. arenicola foi atopada como unha floración de algas en 2000 na praia de Isonoura no Xapón. Atopouse nunha área de costa areenta moderadaemnte abrigada, onde apareceron na superficie certa cantidade de algas durante un tsunami. Os espécimes estaban presentes no bordo superior da filtración. Poden encontrarse durante todo o ano, agás en inverno. Inicialmente pensouse que era un novo xénero de algas. Porén, descubriuse que os que parecían plastidios con clorofila eran independentes durante a división celular, o que indicaba que eran un organismo diferente aínda que temporalmente endosimbiótico.[4]

Descrición editar

H. arenicola é un protista formado por unha célula redondeada con dous flaxelos para a locomoción. Aliméntase de algas usando un complexo tubo de alimentación cando leva unha vida independente sen endosimbionte. Porén, o tubo de alimentación substitúese pola súa alga endosimbionte noutro período da súa vida.[5] O endosimbionte algal é unha alga verde do xénero Nephroselmis.[2] O endosimbionte non só actúa como aparato alimentador, senón tamén como un punto ocular, por medio do cal probablemente axuda ao protista a facer movementos direccionais cara á luz (fototaxe).

H. arenicola non se pode dividir senón contén o seu endosimbionte. Mais, a alga Nephroselmis, a diferenza dun orgánulo totalmente integrado, non se divide xunto coa súa célula hóspede. Cando se divide a célula hóspede, unha das células fillas recibe a célula de Nephroselmis e a outra non, e torna a un estilo de vida heterótrofo. Por tanto, o protista nai dá lugar a células fillas de cor verde e de cor branca. Esta última comportarase como un predador ata que inxira unha alga verde Nephroselmis. A alga entón perde o seu flaxelo e citoesqueleto, mentres que Hatena, agora convertido en hóspede, cambia a unha nutrición dependente da fotosíntese, adquire a capacidade de moverse cara á luz e perde o seu aparato de alimentación. Así, o protista mostra un ciclo de vida moi pouco común con alternancia de autotrofia e heterotrofia.[5]

A secuenciación xenética (do xene de ARNr de 18S) revelou que o protista pode albergar polo menos tres cepas de Nephroselmis rotunda.[6]

O nome do xénero procede dunha interxección xaponesa que aproximadamente significa 'enigmático'[1] ou 'estraño'.[5]

O simbionte editar

O Nephroselmis simbiótico é diferente da forma de vida libre. O endosimbionte conserva o citoplasma, núcleo e plastidio, mentres que outros orgánulos como as mitocondrias, aparato de Golgi, citoesqueleto e sistema endomembranoso son degradados. O plastidio agrándase comparativamente ata multiplicar por dez veces o seu tamaño normal na forma de vida libre.[2] O alargamento do plastidio é compensado pola redución de compoñentes citoplasmáticos.[4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Okamoto, N.; Inouye, Isao (2005). "A Secondary Symbiosis in Progress?". Science 310 (5746): 287. PMID 16224014. doi:10.1126/science.1116125. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Okamoto, Noriko; Inouye, Isao (2006). "Hatena arenicola gen. et sp. nov., a katablepharid undergoing probable plastid acquisition". Protist 157 (4): 401–19. PMID 16891155. doi:10.1016/j.protis.2006.05.011. 
  3. Staedter, Tracy (14 October 2005). "Marine Microorganism Plays Both Host and Killer". Scientific American. Consultado o 2009-07-06. 
  4. 4,0 4,1 Okamoto, Notiko; Inouye, Isao (2007). "Intertidal sandy beaches as a habitat where plastid acquisition processes are ongoing". En Seckbach, J. Algae and Cyanobacteria in Extreme Environments. Dordrecht, Netherlands: Springer. pp. 230–236. ISBN 978-1-4020-6111-0. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Northrup, Larry L. Barton, Diana E. (2008). Microbial ecology. Oxford: Wiley-Blackwell. p. 22. ISBN 9781118015834. 
  6. Yamaguchi, Haruyo; Nakayama, Takeshi; Hongoh, Yuichi; Kawachi, Masanobu; Inouye, Isao (2013). "Molecular diversity of endosymbiotic Nephroselmis (Nephroselmidophyceae) in Hatena arenicola (Katablepharidophycota)". Journal of Plant Research 127 (2): 241–247. PMID 23979010. doi:10.1007/s10265-013-0591-1. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar