Gullfaxi

O cabalo Gullfaxi

Gullfaxi é, na mitoloxía nórdica, un cabalo prodixiosamente lixeiro cunha crina áurica ou dourada. Segundo o Skáldskaparmál pertencía orixinalmente a Hrungnir, o jotun, quen coñeceu ao deus Odín no mundo de Jotunheim e, logo dun breve diálogo co deus, afirmou que Gullfaxi era un máis rápido que Sleipnir, a montura de oito patas de Odín. Desafiado, Odín saíu ao galope con Sleipnir e Hrungnir foi na súa persecución con Gullfaxi. Irado, non se deu de conta que chegara ás portas da fortaleza de Asgard, e alí convidárono a beber. Despois de diversas agarradas cos deuses matouno Thor nunha loita a morte e confiou a Gullfaxi a seu fillo Magni como recompensa pola súa axuda na loita contra do xigante, causando a decepción de seu pai, Odín.

Gullfaxi é, como outros cabalos fantásticos da mitoloxía nórdica, unha cabalgadura con simbolismo xamánico, capaz de correr tanto na terra como no ceo e no mar, e mais tamén viaxar entre dous mundos, o de Jotunheim e o de Asgard.

EtimoloxíaEditar

O nome Gullfaxi significa "crina de ouro" [1] ou "crina dourada" [2] en nórdico antigo. Os nomes dos cabalos rematados en -faxi ("crina") son ben comúns na mitoloxía nórdica [3].

Mencións mitolóxicasEditar

 
Thor matando a Hrungnir, o dono orixinal de Gullfaxi.
 
Gullfaxi tamén aparece en contos islandeses do século XIX como Sagan af hestinum Gullfaxa og sverðinu Gunnfjöður que xa non proceden da tradición oral. Na ilustración Sigurd monta a Gullfaxi perseguido polo pai de Helga

Os escaldos semellan que facían alusión regularmente ao encontro entre Thor e mais Hrungnir, primeiro propietario de Gullfaxi. Así a todo, o único rexistro completo deste episodio atópase na Edda de Snorri[4] .

Segundo relata o Skáldskaparmál, Odín ao cabalagar con Sleipnir polo mundo de Jotunheim atopou a Hrungnir o jotun. Ao ver o deus, Hrungnir preguntouse «que clase de persoa é» para levar un casco dourado, «cabalgando o ceo e a auga» e dille ao descoñecido que ten un «cabalo marabilloso». Odin agradeceu a gabanza e apostou a súa cabeza a que non se podería atopar un cabalo tan bo en todo Jotunheim. Hrungnir admitu que, de certo, era un fermoso cabalo mais ao tempo afirmaba que posuía un animal moito máis rápido, chamado Gullfaxi; así pois, revirado, o xigante montou Gullfaxi e desafiou a Odin a unha carreira. Este fixo galopar a Sleipnir nas súas oito patas o máis rápido posible e Hrungnir foi decontado na súa persecución coa furia dos xigantes sen, porén, conseguir achegarse sen se dár de conta que saía do seu propio mundo. E así, ás présas, chegou ás portas de Asgard, onde Odín o convidou a beber e presentoulle os æsir mentres Thor estaba ausente. Logo, o xigante embriagado insultou os deuses, afirmando que podería transportar facilmente o valhalla a Jotunheim, enviar Asgard ao mar e destruír todos os deuses agás Freia e Sif que levaría para gardalas para o seu uso. Entón os deuses chamaron a Thor, quen desafiou ao xigante pero ao non estar armado Hrungnir reclamou o dereito de procurar armas para participar nun duelo xusto, o que se fixo finalmente, probablemente montando Gullfaxi malia o texto non o especificar. A loita entre Hrungnir e Thor foi violenta pero o deus finalmente logrou matar o xigante. Non obstante, un anaco de aguzadoira deulle no cranio e caeu ao chan, ao repararen os æsir que Thor estaba aprisionado so unha perna do xigante, intentaron liberalo sen éxito. Só seu fillo Magni (que tiña tres días de idade, ou tres anos segundo Snorri Sturluson ) foi quen de liberalo, aseverando que de ser el o que se enfrontase ao xigante, derrubaríao dun só golpe [5] [6].

Thor concedeulle a Magni o cabalo de Hrungnir como recompensa pola súa axuda pero Odín quedou decepcionado ao pretender o cabalo para si [7] :

Heiche dar, dille, a “crina de ouro” que posuía Hrungnir.

Mais Odín falou e díxome que Thor cometera un erro ao entregar o bo do cabalo ao fillo dunha xiganta, e non a seu pai.

Os Þulur, que son unha forma de enumeración mnemotécnica na Edda prosaica de Snorri Sturluson, ofrecen un gran número de nomes de cabalos entre eles está o de Gullfaxi [10] .

Símbolos e atributosEditar

 
Como Gullfaxi, Sleipnir ten o poder de se mover no aire e no mar.

Nos mitos e lendas, os cabalos son a miúdo compañeiros de deuses e de personaxes heroicos, aínda que os seus abributos e simboloxía son moi variables. Os antigos pobos escandinavos formaron unha civilización á vez cabaleira e mística polo que era natural que atribuísen moitos poderes ao cabalo, un animal de extrema importancia na súa cultura.

Atributos e poderes de GullfaxiEditar

Gullfaxi é unha montura dun xigante que posúe, como Sleipnir, o poder de voar por riba dos mares [11], de se desprazar con rapidez, a habelencia de atravesar a atmosfera [12] e que, segundo a lenda, parece tan rápido na terra e no aire coma na auga, case igualando a Sleipnir en velocidade e resistencia [13]. E logo probablemente, pasou a ser a montura exclusiva de Magni [14] .

A crina de ouro de Gullfaxi non parece ser unha característica única nos mitos e lendas nórdicos, xa que os cabalos de Indra, mencionados no Rig-Veda da mitoloxía hinduísta teñen o mesmo atributo. Na Ilíada, da mitoloxía grega, algunhas cabalgaduras asociadas a Zeus ou a Poseidón tamén teñen unha crina de ouro [15] .

Do mesmo xeito Sleipnir tamén ten a capacidade de atravesar o ceo e a auga ao igual ca Hófvarpnir, a montura de Gná na mitoloxía nórdica. Cabalos fantásticos con estas facultades tamén se atopan na mitoloxía celta, como o caso de Enbarr, montura de Manannan Mac Lir e súa filla Niamh, e nas lendas bretoas con Morvac'h .

NotasEditar

  1. J. Thomas (2005). Universal Pronouncing Dictionary of Biography and Mythology 2. p. 200. ISBN 9781419173950. 
  2. Dictionnaire de la conversation et de la lecture 41. 1837. p. 470. 
  3. Jules Toutain (1917). Pro Alesia: revue des fouilles D'Alise et des questions relatives à Alesi. p. 22. .
  4. H. A. Guerber (2007). Myths of Northern Lands Narrated with Special Reference to Literature and Art. p. 57. ISBN 9781406739893. .
  5. Anthony Faulkes. Edda. p. 77. ISBN 0-4608-7616-3. 
  6. Patrick Guelpa. Dieux et mythes nordiques : Histoire des religions. ISBN 9782859395629. 
  7. George Charles van Langenhove (1939). Linguistische studiën : Werken / uitgegeven door de Faculteit van de Letteren en Wijsbegegeerte, Rijksuniversiteit te Gent. 77 de Werken uitgegeven door de Faculteit van de Letteren en Wijsbegeerte. p. 73-74. .
  8. John Lindow (2002). Norse Mythology: A Guide to the Gods, Heroes, Rituals, and Beliefs. p. 221. .
  9. "Skáldskaparmál". Consultado o 23 novembro de 2009. .
  10. Snorri Sturluson. The Prose Edda. p. 209-212. ISBN 9780559131080. .
  11. Léon Pineau (1898). Les vieux chants populaires scandinaves 1–2. p. 86. .
  12. Rasmus Björn Anderson (1907). Teutonic mythology: gods and goddesses of the Northland 2. 
  13. H. A. Guerber (1992). Myths of the Norsemen: from the eddas and the sagas. ISBN 9780486273488. 
  14. H. A. Guerber (2007). Myths of Northern Lands Narrated with Special Reference to Literature and Art. ISBN 9781406739893. .
  15. Martin Litchfield West (2007). Indo-European Poetry and Myth. ISBN 9780199280759. .