Guerra de Sucesión Austríaca

A Guerra de Sucesión Austríaca (1740 - 1748) chegou a ser inevitable despois de que María Tareixa I de Austria sucedera en 1740 ó seu pai Carlos VI nos seus dominios converténdose en raíña de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, duquesa de Parma, de Piacenza, e de Guastalla. Que unha muller herdara tan extensos territorios, na súa época, implicou moitas complicacións e o emperador Carlos VI anticipounas de longo, conseguindo aprobar a Pragmática Sanción de 1713. O plan estaba en ser ela elixida para os dominios hereditarios dos Habsburgo e o seu marido, Francisco I, duque de Lorena, ser elixido emperador.

Imaxe da Batalla de Fontenoy de Edouard Detaille.

En principio Francia, Prusia, Rusia, Gran Bretaña e as Provincias Unidas apoiaban a María Teresa pero apareceron outros aspirantes ó trono: Carlos Alberte de Baviera e Augusto de Saxonia, xenros de Xosé I, irmán e antecesor no trono imperial de Carlos VI. Querían, respectivamente, Bohemia e a Coroa imperial e Moravia. Carlos Manuel de Sardeña reclamaba o Milanesado. Filipe V de España reclamaba os ducados de Parma e Piacenza.

Nesas condicións, as hostilidades comezan coa invasión de Silesia por Frederico II de Prusia, en decembro de 1740. O novo monarca de prusiano - o seu pai morrera 0 31 de maio de 1740 -, beneficiase da debilidade austríaca para intentar dar unha unidade xeográfica ó seu territorio. Silesia, cun millón de habitantes é unha terra rica. María Teresa conta entón con Xurxo II de Gran Bretaña para intervir, sen éxito: Robert Walpole rexeita implicar o seu país no conflito. Moi rapidamente, o 16 de decembro, Frederico II gaña as súas primeiras vitorias cun exército pequeno pero moi ben adestrado e equipado. Captura as fortalezas de Glogów, de Brzeg e de Neisse, o que lle permite capturar Silesia permitíndolle dobrando a poboación do seu reino e dotala dunha importante industria.

Na batalla de Dettingen (xuño de 1743) o "Exército Pragmático" (Gran Bretaña, Austria, Hannover e Hesse), derrotou ós franceses. Na batalla de Fontenoy (maio de 1745) en Flandres, os franceses derrotaron aos austríacos e iniciaron a conquista dos Países Baixos austríacos, que terminou coa vitoria francesa en Rocourt (Flandres) (outubro de 1746). En Italia enfrontáronse españois e franceses, por unha banda, e austríacos por outro. A Guerra do rei Xurxo constituíu a fase americana da Guerra de Sucesión Austríaca. e a primeira das guerras carnáticas constituíu a fase India, ambas as dúas entre Francia e Gran Bretaña.

O Tratado de Aquisgrán puxo fin á Guerra de Sucesión Austríaca en 1748 así como á chamada Guerra do rei Xurxo. Establecía que tódalas conquistas realizadas devolvéranse ós seus donos orixinais. María Teresa I conservou os seus territorios, salvo Silesia, que cedeu a Prusia. Filipe V de España conseguiu os ducados de Parma, Piacenza e Guastalla. O tratado devolveu Louisbourg (Canadá) a Francia e entregou Madrás (India) ós británicos.

A decisión de Austria de recuperar Silesia levou á Guerra dos Sete Anos (1756-1763), que deu continuación ó conflito entre Francia e Gran Bretaña polas súas colonias en América e a India.