Golfo de Morbihan
O golfo de Morbihan (en bretón: Mor Bihan Gwened, que significa "pequeno mar") é un pequeno mar interior, situado ao sur do departamento de Morbihan, na Bretaña.
A lenda
editarConta a lenda que unhas fadas foron expulsadas do bosque de Brocéliande. Verteron tantas bágoas que así se creou o golfo de Morbihan. Lanzaron nel as súas coroas de flores e estas convertéronse nas illas do golfo.
Xeografía
editarO golfo ten 20 km de longo e 15 km de ancho. Ábrese ao sur no océano Atlántico por unha estreita pasaxe entre as vilas de Locmariaquer e Port-Navalo, porto da vila de Arzon.
As illas
editarNo seu interior cóntanse 43 illas[1]. A maioría son de superficie moi reducida e non están habitadas, e moitas son propiedades privadas. As illas maiores son Izenah (île aux Moines, illa dos monxes) e An Arzh (ïle d'Arz, illa do oso) e cada unha forma un concello. Outra das illas, Gavrinis, alberga unha galería megalítica de 14 m de lonxitude, e as pedras están recubertas de gravados. Outras illas albergan restos megalíticos, como Er-Lannic cun dobre cromlech formados por 40 menhires, parcialmente merguallados na marea alta.
Actividades
editarTradicionalmente, a actividade económica dos habitantes tanto das illas como das ribeiras do golfo sempre estivo moi estreitamente ligada ao mar: a pesca, a colleita de moluscos, as salinas. Case todas as salinas foron transformadas no século XX en parques ostreícolas, aínda que algunhas están sendo recuperadas para a produción artesanal de sal. Máis recentemente a maior actividade económica do golfo xira en torno ao turismo.
Natureza
editarO golfo de Morbiban constitúe unha gran reserva ornitolóxica, con todo tipo de aves tanto de estancia permanentes como en escala migratoria ou en período de cría. Desde 2008 é Reserva Nacional de Caza e de Fauna Silvestre.[2]
Notas
editar- ↑ A maioría dos recontos só teñen en conta as illas que se ven cando a marea está alta.
- ↑ "RNCFS". Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2012. Consultado o 16 de maio de 2012.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Golfo de Morbihan |
A Galipedia ten un portal sobre: Bretaña |
Ligazóns externas
editar- Vistas aéreas do golfo de Morbihan
- Illa Gavrinis Arquivado 10 de marzo de 2016 en Wayback Machine.