Giotto (nave espacial)

Sonda espacial adicada ó estudo do cometa Halley.
(Redirección desde «Giotto»)

Giotto foi unha sonda espacial da Axencia Espacial Europea lanzada o 2 de xullo de 1985 mediante un foguete Ariane 1 desde o Centro Espacial de Kourou para estudar o cometa Halley.[2][5][6]

Giotto
Representación da sonda Giotto achegándose ó cometa Halley.
TipoExploración cometaria
OrganizaciónAxencia Espacial Europea
Data de lanzamento2 de xullo de 1985, 11:23 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorAriane 1[2][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Kourou[2][6]
Obxectivo da misiónEstudo do cometa Halley.[2][6]
NSSDC ID1985-056A
Masa582,7 kg[2][5][6]
Potencia196 vatios[2]

Características

editar

A principios e mediados da década de 1980, ante o regreso cara 1986 do cometa Halley ás inmediacións do Sol, as axencias espaciais de todo o mundo planearon en maior ou menor medida misións para o estudo do cometa. A nave enviada a estudar o Halley por parte da Axencia Espacial Europea foi denominada Giotto en honor a Giotto di Bondone, que se inspirou no paso do cometa en 1301 para representalo como a estrela de Belén no seu fresco A adoración dos reis magos.

Os obxectivos principais de Giotto eran obter fotografías en cor do núcleo do cometa, determinar a composición elemental e isotópica dos compoñentes volátiles da coma e das partículas de po, determinar os procesos físicos e químicos que teñen lugar na atmosfera cometaria e a ionosfera, medir a produción total de gas e os fluxos de po, a distribución de tamaño e masa e a proporción de po e gas e estudar os fluxos de plasma resultantes da interacción entre o cometa e o vento solar.[2]

A sonda foi lanzada o 2 de xullo de 1985 e atopouse co cometa o 13 de marzo de 1986, a unha distancia de 0,89 unidades astronómicas (UA) do Sol e a 0,98 UA da Terra, a un ángulo de 107 graos con respecto da liña Terra-Sol e co eixo de rotación da nave apuntando na dirección do movemento. A máxima aproximación entre a nave e o cometa foi de 596 km.[2]

Giotto estabilizábase mediante xiro, a 15 r.p.m. e tiña forma de cilindro baixo de 1,85 m de diámetro e 1,1 m de longo. O seu interior compartimentábase en tres plataformas, consistentes nun disco dentro do cilindro da nave con diversos sistemas montados nelas: a superior, de 30 cm de alto, unha plataforma principal, de 40 cm de alto, e a plataforma científica, tamén de 30 cm e altura. Nun dos extremos do cilindro atopábase un trípode que rodeaba á antena de alta ganancia, dando unha altura total de 2,85 m á nave. No outro extremo atopábase o motor, coa tobeira sobresaíndo do cilindro. A nave levaba un escudo contra o po formado por un disco frontal de aluminio de 1 mm de espesor e un disco de kevlar de 12 mm de espesor e cunha separación de 25 cm entre ámbolos dous discos. O escudo podía soportar impactos de partículas de ata 1 gramo de masa.[2]

Tódolos experimentos funcionaron ben durante o encontro, devolvendo datos sobre o núcleo, a cola e a coma do cometa que levaron a novos descubrimentos científicos, entre eles a identificación clara por primeira vez do núcleo dun cometa. Catorce segundos antes da máxima aproximación a nave impacto cunha partícula o suficientemente grande como para desviar o vector do seu momento angular ata 0,9 graos, nutando arredor do novo vector cun período de 16 segundos e cunha amplitude de 0,9 graos, implicando que a antena desviábase periodicamente da dirección ideal para transmitir, polo que durante os seguintes 32 minutos, mentres a nave se estabilizaba, os datos se recibiron de maneira intermitente na Terra. Independentemente do incidente de impacto, o encontro co cometa danou o espello da cámara, algúns dos detectores de po e a maior parte de experimentos con algún tipo de abertura debido á fricción co po do cometa e á alta velocidade relativa do encontro.[2]

 
Órbitas de Giotto, do Halley e do Grigg-Skjellerup.

Misión estendida

editar

A análise da órbita de Giotto mostrou que cun pequeno cambio de órbita a nave sería capaz de sobrevoar o cometa Grigg-Skjellerup, polo que a ESA dirixouna a sobrevoar a Terra o 2 de xullo de 1990 a unha distancia de 16.300 km, converténdose na primeira nave en facer semellante manobra vindo do espazo profundo e adquirindo o pulo necesario para o cambio orbital.[2]

Giotto sobrevoou o cometa Grigg-Skjellerup o 10 de xullo de 1992, a unha aproximación máxima de 200 km do núcleo do cometa e unha velocidade relativa de 14 km/s. O encontro tivo lugar a 1,01 UA do Sol e 1,43 UA da Terra. Os instrumentos foron encendidos o día anterior ó encontro. De todos os experimentos, oito aínda funcionaban, proporcionando novos datos sobre o cometa.[2]

As operacións coa sonda finalizaron oficialmente o 23 de xullo de 1992, tras axustar lixeiramente a súa órbita e poñela en hibernación. Giotto sobrevoou a Terra unha última vez o 1 de xullo de 1999, a unha distancia de 219.000 km.[2]

Instrumentos

editar

A nave levaba dez experimentos a bordo:

  1. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "GIOTTO" (en inglés). Consultado o 18 de marzo de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 NASA (14 de maio de 2012). "Giotto" (en inglés). Consultado o 18 de marzo de 2013. 
  3. "Letter dated 9 August 1985 from the Legal Counsellor of the European Space Agency addressed to the Secretary-General" (PDF). COMMITTEE ON THE PEACEFUL USES OF OUTER SPACE (85-24454): 2. 9 de setembro de 1985. Consultado o 18 de marzo de 2013. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Giotto" (en inglés). Consultado o 18 de marzo de 2013. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Giotto" (en inglés). Consultado o 18 de marzo de 2013. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Mark Wade (2011). "Giotto" (en inglés). Consultado o 18 de marzo de 2013. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar