Denominouse Gamazada á reacción popular xurdida en Navarra cando o ministro de Facenda do goberno de Sagasta, o liberal Germán Gamazo, pretendeu suprimir o réxime fiscal foral de Navarra que establecera mediante a Lei Paccionada de 1841.

Provocou que durante os anos 1893 e 1894 unha alta mobilización por parte do pobo navarro e as súas institucións, con manifestacións e recollida de firmas.

Como consecuencia disto, os navarros, o 4 de xuño de 1893, reuníronse en manifestación polas rúas de Pamplona, contra a medida que quería poñer en marcha Gamazo, manifestándose máis de 15.000 persoas, sen distinción de clases nin partidos políticos. Foi a maior manifestación que se coñecera en Navarra ata a data.

Reuníronse máis de 120.000 firmas na súa contra, cando Navarra contaba cuns 300.000 habitantes. Non se conseguiu a revogación da iniciativa do ministro, pero dado que o ministro dimitiu, por outras razóns, non se chegou a aplicar. A defensa foral fortaleceu a unión coas outras tres provincias de réxime foral (Biscaia, Álava e Guipúscoa), facendo causa común, reactivando o lema "laurak bat" (unión de catro ou catro nunha).

Houbo tamén un episodio de revolta armada, de dous días de duración, o 3 de xuño de 1894, liderado polo sarxento López Zabalegi con cinco compañeiros máis na zona de Obanos e Puente la Reina.

Segundo refire Echave Susaeta en "El Partido Carlista y los Fueros" a rexente María Cristina consultou ó xeneral Martínez Campos pola posibilidade de intervir, e esta foi a resposta do xeneral:

Señora: Se se tratase doutra provincia, poderíamos pensar en impor a lei xeral, empregando a forza se fose preciso; se se tratase de Navarra illadamente, aínda poderíamos ir por ese camiño, pero debemos comprender que Navarra ten ó seu carón ás tres Vascongadas, e que si se apela á forza contra aquela, farán causa común tódolos vascos, e con eles tódolos carlistas de España, que provocarían un levantamento naquelas provincias para darlle carácter xeral, e en tal caso se desencadeará novamente a guerra civil.

Monumento aos Foros de Navarra editar

 
Monumento aos Foros en Pamplona, realizado trala Gamazada.

Para conmemorar este feito moitos pobos e cidades de Navarra puxeron ás rúas e prazas máis importantes o nome de "Foros".

En Pamplona e por subscrición popular ergueuse o Monumento aos Foros, como símbolo da liberdade navarra, situándoo en fronte do Palacio da Deputación Foral de Navarra. Deseñouno o arquitecto Manuel Martínez de Ubago, finalizando en 1903, non sendo nunca inaugurado.

A estatua, de 25 metros de altura, está dividida en tres corpos:

  • Corpo inferior, de base pentagonal, cuxas cinco caras simbolizan os cinco meiriñados de Navarra con varios pequenos escudos de vilas e cidades. Debaixo hai cinco placas de bronce coas seguintes inscricións:
Erixiuse este monumento para simbolizar a unión dos navarros na defensa das súas liberdades, liberdades aínda máis dignas de amar que a propia vida.
A incorporación de Navarra á Coroa de Castela foi por vía da unión principal, retendo cada reino a súa natureza antiga, así en leis como en territorio e goberno.
Xuraban os nosos Reis gardar e facer gardar os Foros sen quebrantamento algún, amellorandoos, e que toda transgresión a este xuramento sería nula, de ningunha eficacia e valor.
En éuscaro:
Nós os vascos de hoxe en homenaxe e recordando ós nosos antepasados, témonos reunido aquí para demostrar que queremos conservar a nosa lei.
En éuscaro e escrita con caracteres de inspiración ibera:
Nós os vascos, non temos máis señor que o noso Deus; ó estraño damos a benvida e hospitalidade, pero xamais soportaremos o seu xugo. Sabédelo vos, fillos nosos.
  • Corpo medio, hai cinco grandes esculturas que simbolizan o traballo, a paz, a xustiza, a autonomía e a historia.
  • Espazos intermedios, están os escudos de Navarra e dos cinco meiriñados.
  • Corpo superior, elévase unha grande columna de mármore vermello con capitel branco e aparece a data de construción en 1903 e a estatua de bronce de cinco metros de altura, dunha matrona coroada que sostén na man dereita unha cadea rota, símbolo de liberdade conquistada, e na man esquerda a Lei Foral.

Bibliografía editar