Gallaecia Celta

marca de cervexa galega

Gallaecia Celta é unha marca de cervexa galega producida na República Checa e distribuída pola empresa Enerdrinks Noroeste SL que ten a súa sede na cidade de Santiago de Compostela. O etiquetado desta cervexa está integramente en galego. Produce seis variedades distintas de cervexa dende os seus inicios e comercialízase exclusivamente en botella en lotes de seis botellas (cada unha dunha clase).

Logotipo.

Produción editar

As diferentes receitas da cervexa Gallaecia Celta foron desenvolvidas en Galicia co asesoramento de mestres cervexeiros de diferentes países de tradición cervexeira. A produción desta cervexa é artesanal, seguindo os procesos de produción de antano e empregando ingredientes naturais

Actualmente a produción desta cervexa lévase a cabo na República Checa ao non posuír a marca galega de fábrica propia capaz e atender á demanda. Está previsto que nun futuro próximo, a marca galega constrúa unha fábrica propia en Galiza, concretamente na localidade pontevedresa de Mos. O obxectivo da empresa era a construción da fábrica no 2011, obxectivo que non se puido cumprir por mor da crise económica.

Tipos de cervexa editar

  • Suave: É unha cervexa de cor dourada intensa e brillante. Ten un contido reducido en gas. Posúe un aroma a lúpulo con toques a especias cun final floral e un lixeiro sabor a lúpulo cunha suave adstrinxencia final. Ten unha gradación alcohólica de 4,8 graos.
  • Mil800: É unha cervexa de cor dourada. O seu aroma é a lúpulo aromático debido aos lévedos e aos maltes empregados e o seu sabor é a suave toque a malte cun final lixeiramente amargo. Ten unha gradación alcohólica de 6 graos. O seu nome lembra ao da cervexa reserva especial de Estrella Galicia 1906.
  • Tostada: Esta cervexa ten unha cor acaramelada, o seu sabor é suave e cun amargor final e recordos a cravo. A súa gradación alcohólica é de 4,7 graos.
  • Negra: Esta cervexa ten unha cor marrón escuro e recorda o grao de café tostado. O seu aroma é suave a malte e tostados que se vai transformando en especias a medida que se baleira o vaso. Ten un sabor doce de malte que dá lugar a un amargor suave procedente do tostado e cunha persistencia media, o tostado queda suavizado por ese dulzor inicial. A súa gradación alcohólica é de 4,4 graos
  • Dourada: É unha cervexa de cor dourada brillante cun aroma a malte e un toque suave de lúpulo que transfire o amargor característico da cervexa, ademais de reminiscencias frutais e vexetais. O seu sabor é suave e cun lixeiro amargor e notas secundarias que recordan ó cereal e á malte. A súa gradación alcohólica é de 5,4 graos.
  • Vermella: Esta cervexa ten unha cor vermella brillante froito dos froitos silvestres. Ten un aroma moi suave, principalmente a malte sobre outros aromas secundarios como arándos e froitos vermellos. O seu sabor é forte e consistente, cun amargor marcado que sorprende por destapar notas doces e afroitadas. Ten unha gradación alcohólica de 5 graos.

Etiquetas editar

As diferentes variedades desta cervexa teñen distintas etiquetas, que están impresas en galego e cunha simboloxía céltica que recorda máis aos debuxos irlandeses que ás representacións célticas galegas.

  • Suave: Etiqueta azul e debuxo de dous cabalos de mar.
  • Mil800: Etiqueta dourada e debuxo de dous lobos.
  • Tostada: Etiqueta amarela e debuxo de dúas cabras.
  • Negra: Etiqueta marrón escura e debuxo de dous xabaríns.
  • Dourada: Etiqueta cor area e debuxo de dous touros.
  • Vermella: Etiqueta vermella e debuxo de dous cabalos.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar