Lingua friulana

(Redirección desde «Friulano»)

O friulano[2] (en friulano: furlan, ou agarimosamente marilenghe) é unha lingua indoeuropea da familia románica que, xunto ao romanche e o ladino, forma a rama dos Alpes centrais chamada retorromana. Entre os séculos X e XIII o alemán foi a lingua oficial da rexión e deixou numerosas influencias no seu vocabulario. O friulano oriental, con todo, tivo contacto co alemán até a primeira guerra mundial. Dende o século XIV úsase en literatura e o estado italiano recoñéceo como lingua independente dende 1999.

Friulano
Furlan
Outros nomes:Marilenghe
Falado en: Italia Italia
Rexións: Friúl-Venecia Xulia
Total de falantes: 794.000
Posición: Non está entre as 100 máis faladas.
Familia: Indoeuropea
 Itálico
  Románico
   Italo-occidental
    Occidental
     Galoibérica
      Retorrománica
       Friulano
Escrita: Alfabeto latino
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Non é oficial
Regulado por: Osservatori Regjonâl de Lenghe e de Culture Furlanis
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: fur
ISO 639-3: fur
Mapa


Mapa das variedades dialectais.
Status

O friulano está clasificado como definitivamente en perigo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

Actualmente a lingua conta con 720.000 falantes (furlans), principalmente na rexión italiana de Friúl-Venecia Xulia, ademais de moitos friulanos que conservan a súa lingua na emigración, algúns deles instalados na rexión do delta do Danubio, en Romanía, onde emigraron no século XIX. Esta variedade é a máis afastada das outras retorrománicas, até o punto de que algúns lingüistas lle negan toda conexión e a relacionan máis cos dialectos do Véneto.

Historia editar

As orixes da lingua friulana son bastante escuras. O grande acontecemento que formou a base da lingua foi a chegada dos romanos, que no 181 a.C. fundaron a primeira colonia no Friuli, Aquilea. Establecéronse sobre un substrato lingüístico precedente, formado na súa maior parte pola lingua celta dos Carni. A súa influencia sobre o latín de Aquileia é controvertida, pois nas epígrafes e inscricións da época só se achan modificacións a elementos fonéticos e morfosintácticos, comúns tamén a outras partes do imperio. A día de hoxe, as pegadas celtas máis evidentes áchanse na toponimia (topónimos acabados en -acco ou en -icco, por exemplo), mentres que no léxico parece que o compoñente cárnico é pouco relevante, tal como o compoñente xermánico, provocado pola entrada en Italia dos longobardos. Estas informacións levaron a algúns estudosos a supor que o friulano sexa consecuencia das migracións de poboacións do imperio, obrigadas a abandonar as rexións orientais como Panonia por mor da presión dos bárbaros. É interesante tamén o feito de que diferentes estudosos, baseándose nas inscricións achadas, argumentan que o límite oriental de penetración da poboación e a lingua dos vénetos foi o río Livenza (na época Liquentia), que aínda en épocas recentes delimitou o límite lingüístico entre o friulano e o veneciano (hoxe en parte desprazada cara ao leste). Isto fai supor que a diferenciación entre as falas destas rexións sexa antiga.

Porén, alcanzouse certo consenso acerca do período de formación do friulano, que remonta ao ano 1000, contemporaneamente a outras linguas romances derivadas do latín vulgar. Os primeiros termos en friulano aparecen en actas administrativas do século XIII, pero só a partir do século XIV os documentos se fan máis numerosos e, ademais dalgún documento comercial, aparecen os primeiros testemuños literarios, como os Frammenti letterari, todos orixinarios de Cividale, que xa se consolidou como centro do Friuli.

Relación co ladino editar

A teoría da "unidade ladina" débese ao máis importante glotólogo italiano do século XIX, Graziadio Isaia Ascoli, nativo de Gorizia. En 1871, presentou a súa teoría de que, en tempos, estas linguas se estendían dende Muggia e quizais desde a parte setentrional de Istria até Suíza. A continuidade interrompeuse durante a historia, e quedaron as tres linguas actuais: o romanche, o ladino e o friulano, que evolucionaron de maneira separada. Esta hipótese foi corrixida e precisada sucesivamente por outros estudosos; en particular, Francescato precisou as diferenzas co friulano e o veneciano; con este último, a separación remontaríase ao século X, ao longo do histórico límite do Livenza. As últimas teorías reorganizan ou en todo caso anticipan a teoría da unidade ladina, que corresponde a unha fase lingüística bastante antiga; a diferente evolución que se acha dentro desta familia tamén se debe á escasa influencia do alemán e as linguas xermánicas sobre o friulano, mentres que esta influencia aínda é forte no ladino e o romanche.

Literatura editar

Os primeiros textos en friulano remóntanse ao século XIII e son na súa maioría actas comerciais ou xurídicas. Nestes casos, o friulano utilizábase xunto co latín, que era aínda a lingua administrativa. Os principais exemplos literarios que sobreviviron son poesías do século XIV, cuxo tema principal era o amor e estaban inspiradas, talvez, polo movemento poético italiano Dolce Stil Nuovo. A obra máis famosa é Piruç myò doç inculurit (que significa "A miña pera doce e colorida"), composta por un autor anónimo de Cividale, probablemente en 1380.

Texto orixinal Versión en friulano moderno
Piruç myò doç inculurit

quant yò chi viot, dut stoi ardit

Piruç mio dolç inculurît

cuant che jo ti viôt, ou stoi dut ardît

Hai poucas diferenzas nas primeiras dúas filas, o que demostra que non houbo unha grande evolución na lingua excepto en varias palabras que xa non se usan (por exemplo, dum(n) o, que significa "neno" e que en tempos pasados se usába moito). Un falante de friulano dos nosos días pode entender estes textos con pouca dificultade. O segundo período importante para a literatura friulana foi o século XVI. O autor principal deste período foi Ermes dei Colorêt, que compuxo ao redor de 200 poemas.

Estado actual editar

 
Neste cartel de entrada aparecen os topónimos en italiano e friulano

Hoxe en día, o friulano é recoñecido oficialmente en Italia ao amparo da lei 482/1999, que protexe ás minorías lingüísticas. Por iso, introduciuse o ensino do idioma en varias escolas primarias. Existe un xornal en liña, e hai tamén certa cantidade de grupos musicais que utilizan o friulano nas súas cancións, así como algunhas compañías teatrais. Recentemente rodáronse dúas películas en friulano (Tierç lion, Lidrîs cuadrade dei trê), que recibiron críticas positivas por parte dos xornais italianos. En cerca do 40 por cento dos municipios da Provincia de Udine, os sinais de tráfico están tanto en friulano como en italiano. Tamén existe unha tradución oficial da Biblia ao friulano. En 2005, unha coñecida marca de cervexa empregou este idioma para un dos seus anuncios publicitarios.

A principal asociación que fomenta o uso e o desenvolvemento do friulano é a Societât filologjiche furlane, fundada en Gorizia en 1919.

Topónimos editar

Todas as cidades e vilas do Friuli teñen dous nomes, un en italiano e outro en friulano. Soamente os italianos son oficiais, e por tanto son os que se empregan na administración, aínda que se espera que as versións friulanas reciban un recoñecemento parcial nun futuro próximo. Por exemplo, a cidade de Udine chámase en friulano Udin, e a cidade de Tolmezzo, Tumieç.

Algunhas frases editar

  • Ola

Mandi

  • Ola, que tal?

Mandi, cemût?

  • Son Xurxo

I soi Zorç

  • Son friulano, veño de Udine

I soi furlan, I ven di Udin

  • Hoxe vai moita calor!

Vuê al è propit cjalt!

  • Teño que irme xa, ata loguiño

I scugni propit lâ cumò, ariviodisi

  • Non podo saír contigo esta noite, teño que estudar

No pues vignî fûr cun te usgnot, I ai di studiâ

  • Non podo saír contigo hoxe, teño que estudar

No pues vignî fûr cun te vuê, I ai di studiâ

Notas editar

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para friulano.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Paola Benincà, Laura Vanelli, Linguistica friulana, Unipress, Padova, 2005.
  • Franc Fari (cur.), Manuâl di lenghistiche furlane, Forum, Udine, 2005.
  • Giuseppe Francescato, Dialettologia friulana, Società Filologica Friulana, Udine,1966.
  • Giovanni Frau, I dialetti del Friuli, Società Filologica Friulana, Udine, 1984.
  • Sabine Heinemann, Studi di linguistica friulana, Società Filologica Friulana, Udine, 2007.
  • Carla Marcato, Friuli-Venezia Giulia, Laterza, Roma - Bari, 2001.
  • Piera Rizzolati, Elementi di linguistica friulana, Società Filologica Friulana, Udine, 1981.
  • Paolo Roseano, La pronuncia del friulano standard: proposte, problemi, prospettive, Ce Fastu?, LXXXVI (2010), n. 1, p. 7-34.
  • Federico Vicario (cur.), Lezioni di lingua e cultura friulana, Società Filologica Friulana, Udine, 2005.
  • Federico Vicario, Lezioni di linguistica friulana, Forum, Udine, 2005.

Ligazóns externas editar