Fotocopiadora

Unha fotocopiadora[1] é unha máquina que fai copias en papel de documentos e outros tipos de imaxes visuais de xeito rápido e barato. As fotocopiadoras máis modernas empregan unha técnica chamada xerografía, un proceso seco que emprega a calor. As copiadoras tamén poden utilizar outras tecnoloxías, como a inxección de tinta, mais a xerografía é a máis estandarizada.[2]

Unha fotocopiadora

A fotocopia é o proceso co que se realiza a copia literal dun documento ou fotografía creada por medios foto-ópticos. A fotocopia por medios fotográficos, como aparello común nas oficinas, existe polo menos dende a segunda guerra mundial. O proceso era lento e as copias resistían mal o paso do tempo e a luz, porque o proceso de revelado e fixación era simultáneo e o resultado non estaba garantido. A fotocopia de planos por heliogravado (planos azuis) continuou moito máis tempo porque o proceso ao seco non precisaba grandes superficies.

Xerox (do grego "xeros" seco) introduciu o proceso de electrofotocopia na década de 1960 e durante os seguintes vinte anos substituíu gradualmente as fotocopias por procedementos fotográficos, así como o uso de papel carbón, mimeógrafos e outras máquinas multicopistas. Está estendido no mundo dos negocios, a educación e os medios gobernamentais. Houbo un longo debate sobre se as fotocopias estaban a quedar obsoletas, xa que aumenta a creación e a distribución de documentos dixitais, dependendo menos da distribución de documentos en papel.[3]

HistoriaEditar

Chester Carlson, inventor da fotocopiadora, era orixinalmente un avogado de patentes, ademais de inventor a tempo parcial. O seu traballo na oficina de patentes de Nova York requiría que fixese un gran número de copias de papeis importantes. Carlson, que tiña artrite, atopaba a tarefa dorosa e tediosa. Isto motivouno a realizar experimentos con fotocondución. Empregou a súa cociña para os experimentos de "electrofotografía" e en 1938 solicitou unha patente para o proceso. Realizou a súa primeira fotocopia cunha placa de zinc cuberta con sulfuro. Nesa época as copias múltiples facíanse mediante pael carbón ou máquinas de duplicación manuais, polo que a xente non viu a necesidade dunha máquina electrónica. Entre 1939 e 1944, Carlson foi rexeitado por máis de vinte empresas, incluídas IBM e General Electric, que non pensaron que existise mercado para o invento.

En 1944, o Battelle Memorial Institute, organización sen ánimo de lucro de Columbus, Ohio, contratou a Carlson para refinar o proceso. Nos seguintes cinco anos, o instituto realizou experimentos para mellorar o proceso da electrofotografía. En 1947, a pequena empresa neoiorquina Haloid Corporation aproximouse a Battelle para obter unha licenza para desenvolver e vender unha máquina baseada nesa tecnoloxía.[4]

Haloid coidou que a palabra "electrofotografía" era demasiado complicada, polo que tras consultar cun profesor de linguas clásicas na Universidade Estatal de Ohio, Haloid e Carlson cambiaron o nome do proceso a "xerografía", derivada da palabra grega que significa "escritura seca". Haloid denominou as novas máquinas "Xerox Machines" e, en 1948, a palabra "Xerox" foi rexistrada. Haloid cambiou despois o nome a Xerox Corporation.

En 1949, Xerox Corporation presentou a primeira fotocopiadora, chamada Model A.[5]

O tóner en cor apareceu na década de 1950, aínda que as fotocopiadores en cor non estiveron dispoñíbeis comercialmente ata que 3M presentou a copiadora Color-in-Color en 1968.

Funcionamento mediante xerografíaEditar

  1. Carga: un tambor cilíndrico cárgase electrostaticamente por un cable de alta tensión chamado cable coroa ou rolo de carga. O tambor ten un revestimento dun material fotocondutor. Un fotocondutor é un semicondutor que se converte en condutor cando se expón á luz.[6]
  2. Exposición: unha luz brillante ilumina o documento orixinal e as áreas en branco do documento orixinal reflicten a luz sobre a superficie do tambor fotocondutor. As zonas do tambor que están expostas á luz e se converten polo tanto en condutores descárganse. A área do tambor non exposta á luz (aquelas áreas que corresponden a porcións negras do documento orixinal) permanecen cargadas negativamente. O que queda é a imaxe latente electrostática.
  3. Revelado: o tóner está cargado positivamente. Cando se aplica ao tambor para revelar a imaxe, adhírese a áreas cargadas negativamente (áreas negras).
  4. Transferencia: a imaxe resultante do tóner na superficie do tambor transfírese do tambor a un anaco de papel cunha carga negativa maior que o tambor.
  5. Fundición: o tóner derrétese e únese ao papel a través dos rolos de calor e presión.

Este exemplo é dun tambor e papel con carga negativa e un tóner con carga positiva como é habitual nas copiadoras dixitais na actualidade. Algunhas fotocopiadoras, principalmente copiadoras analóxicas grandes, empregan papel e tambor con carga positiva e tóner con carga negativa.

NotasEditar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para fotocopiadora.
  2. Diccionario de Arte I (en castelán). Barcelona: Biblioteca de Consulta Larousse. Spes Editorial SL (RBA). 2003. p. p.238. ISBN 84-8332-390-7. 
  3. Duran, Xavier (febreiro de 2011). "La fotocopiadora". Sàpiens (Barcelona) (100): 20. ISSN 1695-2014. 
  4. "The Story of Xerography" (PDF). Xerox Corporation. Consultado o 28 de setembro de 2017. 
  5. "Xerox history: 1940s". Consultado o 28 de setembro de 2017. 
  6. "Fotocondutor". Encarta. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar