Filosofía analítica

corrente filosófica

A filosofía analítica é un amplo movemento ou tradición filosófica enfocada na análise, que dominou a filosofía occidental durante a segunda metade do século XX, en especial no mundo anglófono.[1][2][3] Esta proliferación da análise en filosofía producíuse a comezos de século en Alemaña, Austria, o Reino Unido, os Estados Unidos, Canadá, Australia, Nova Zelandia e os países escandinavos.[1][2][3]

Adoita contrapoñerse á filosofía continental, un termo xenérico cuñado para abranguer unha gran cantidade de metodoloxías diferentes, moi empregadas na Europa continental, entre as que destacan o existencialismo, a fenomenoloxía ou o estruturalismo.[3][4][5][6] Deste xeito, a dicotomía entre filosofía analítica e continental mestura consideracións estritamente metodolóxicas con categorías xeográficas.[3][6]

A filosofía analítica caracterízase pola claridade da escrita e o rigor da argumentación, empregando ferramentas das matemáticas e da lóxica formal, así como das ciencias naturais, aínda que en menor medida.[7][8][9] Foi influenciada polo chamado xiro lingüístico, en especial pola noción de que o pensamento só pode determinarse con precisión apelando á linguaxe, a través do significado, a análise e a lóxica formal. Como tal, a filosofía analítica está na orixe de diversas ramas da filosofía, como a filosofía da linguaxe, a moderna lóxica de predicados, a filosofía das matemáticas e a lóxica matemática, así como a filosofía da ciencia.[3][10][11]

Xa que logo, o concepto de filosofía analítica é difícil de definir con precisión, apelando tanto a unha metodoloxía como a un estilo de pensamento e escrita:[3][9]

"Filosofía analítica" é unha etiqueta demasiado limitada, dado que non se trata só de coller unha palabra ou un concepto e analizalos (...) Esta tradición pon a énfase na claridade, no rigor, na argumentación, na teorización e na verdade. O seu obxectivo principal non é a inspiración, ou a consolación ou a ideoloxía. Tampouco se preocupa moito pola "filosofía de vida", aínda que algunhas veces si o fai. Este tipo de filosofía parécese máis á ciencia que á relixión, máis as matemáticas que á poesía, malia non ser nin ciencia nin matemáticas.
Colin McGinn (2002): The Making of a Philosopher, p. xi

Entre as figuras máis salientables no desenvolvemento da filosofía analítica, destacan Gottlob Frege, Bertrand Russell, G. E. Moore e Ludwig Wittgenstein. Tamén cabe mencionar a Franz Brentano, os positivistas lóxicos (sobre todo, Rudolf Carnap), W. V. O. Quine, Ruth Barcan Marcus, Karl Popper ou os filósofos da linguaxe ordinaria (como Gilbert Ryle ou J. L. Austin). Tras o declive do positivismo lóxico, pensadores coma Saul Kripke ou David Lewis promoveron un rexurdimento da metafísica no contexto analítico. Así mesmo, revitalizaronse as aproximacións á filosofía da relixión, como a de Alvin Plantinga ou o neotomismo de autores coma Elizabeth Anscombe.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Vienne, Jean-Michel (1997). Philosophie analytique et histoire de la philosophie: actes du colloque (Université de Nantes, 1991) (en francés). Vrin. ISBN 978-2-7116-1312-0. 
  2. 2,0 2,1 Luft, Sebastian (2019-10-29). Philosophie lehren: Ein Buch zur philosophischen Hochschuldidaktik (en alemán). Felix Meiner Verlag. ISBN 978-3-7873-3766-8. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Glock, Hans-Johann (2008-04-03). What is Analytic Philosophy? (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-87267-6. 
  4. Grayling, A. C. (1998). Philosophy 2: Further Through the Subject (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-875178-6. 
  5. Cohen, Laurence Jonathan (1986). The Dialogue of Reason: An Analysis of Analytical Philosophy (en inglés). Clarendon Press. ISBN 978-0-19-824905-4. 
  6. 6,0 6,1 Critchley, Simon (2001-02-22). Continental Philosophy: A Very Short Introduction (en inglés). OUP Oxford. ISBN 978-0-19-285359-2. 
  7. Leiter, Brian (2006-11-15). "Analytic and Continental Philosophy". web.archive.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de novembro de 2006. Consultado o 2024-03-16. 
  8. Glock, Hans‐Johann (2004-07). "Was Wittgenstein an Analytic Philosopher?". Metaphilosophy (en inglés) 35 (4): 419–444. ISSN 0026-1068. doi:10.1111/j.1467-9973.2004.00329.x. 
  9. 9,0 9,1 McGinn, Colin (2011-08-09). The Making of a Philosopher: My Journey Through Twentieth-Century Philosophy (en inglés). Harper Collins. ISBN 978-0-06-211986-5. 
  10. Stroll, Avrum (2001-10-06). Twentieth-Century Analytic Philosophy (en inglés). Columbia University Press. ISBN 978-0-231-11221-5. 
  11. Koopman, Colin (2010). "Bernard Williams on Philosophy's Need for History" (PDF). The Review of Metaphysics (en inglés) 64: 3–30.