A Festa da Istoria celébrase a última fin de semana do mes de agosto en Ribadavia (Ourense).[1] En 1997 declarouse festa de interese turístico nacional. Calcúlase que unhas 75.000 persoas acoden anualmente a esta festa.

Xadrez humano.

Orixe editar

Esta festa aparece citada xa en documentos datados no século XVIII, pero en 1868 deixou de celebrarse. En 1989, a Escola taller "San Andrés" xunto con José Ramón Estévez, estudoso da historia de Ribadavia, comezaron coa súa recuperación, traballo que continuaría logo unha coordinadora veciñal cando a escola desapareceu.[2]

Organización da festa editar

Os membros da organización reúnense unha vez cada 15 días durante todo o ano agás os últimos 3 meses, onde se reúnen 1 vez cada semana. Estes tres meses anteriores á festa confecciónanse os estandartes, escudos, complementos etc. así como a roupa de época que van levar. Neste labor participa gran parte do pobo.

Desenvolvemento da festa editar

Un pregoeiro anuncia o comezo da festa a primeira hora do día lendo un pregón (cada ano léeo un veciño ilustre). Despois disto comeza un desfile onde miles de persoas, tanto xente do pobo coma visitantes, percorren a rúa principal de Ribadavia vestidos de época, montados a cabalo etc.

A festa conta cun banco onde cambian moeda de curso legal por marabedís, a moeda oficial da festa, coas que se pode mercar comida, obxectos etc. nos postos que hai polas rúas da vila[3].

Un dos actos da festa é a realización dun xadrez vivente. Enriba dun gran taboleiro de xadrez varios nenos representan as figuras da partida e replican os movementos dos xogadores. Ao longo do día realízanse espectáculos de cetraría, bailes medievais, representacións teatrais, torneo etc. Ao final do día, celébrase o último acto da festa, a cea medieval, onde só pode asistir xente vestida de época.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Festa da Istoria Arquivado 07 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Turgalicia.
  2. "Festa da Istoria na web da Fundación Festa da Istoria". Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2012. Consultado o 05 de outubro de 2012. 
  3. Pita Fernández, Ricardo Luís (1999). Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela. [ISBN 84-605-9958-2]

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar