Faetonte ou Faetón é unha figura da mitoloxía grega. Era fillo de Helios, (un dos nomes de Apolo), e da ninfa Clímene.

Caída de Faetonte, cadro de P.P. Rubens, ca. 1604-05, National Gallery, Washington

Segundo o relato mítico, Faetonte tivo unha forte disputa con Epafo, acabando este por negar que fose fillo do Sol. Faetonte acudiu onda a súa nai, contándolle o acontecido. Clímene aconselloulle que solicitase de Helios, que lle emprestara o seu carro solar, para así poder demostrar a todo o mundo quen era seu pai. Presentouse Faetonte perante seu pai, que lle pediu que lle concedese un favor que demostrase que era seu fillo, e Helios xurou outorgarlle calquera cousa que lle pedira. Faetónte pregoulle poder conducir o seu carro solar. Arrepentiuse o pai ante tal petición, que non esperaba, mais, malfadadamente xurara cumprila.

De xeito que chamadas as Horas e a Aurora, foron enganchados os cabalos celestes ao carro do Sol, e Faetonte subiu como auriga, non sen que antes Helios o advertise para que seguise un camiño intermedio, de xeito que nin ascendese de máis nos ceos, nin se achegase tampouco demasiado á Terra. Mais Faetonte, obnubilado, apenas escoitou o consello.

Iniciou decontado Faetonte o voo, sen dominar os cabalos, que ou ascendían demasiado e ameazaban incendiar a bóveda celeste, e de feito a parte queimada tornouse a Vía Láctea (hai outros mitos que explican a orixe desta), ou descendían de súpeto con perigo de evaporar as augas. Foi deste xeito como explica o mito a cor da pel dos africanos, o carro conducido por Faetonte queimou a súa pel, e do mesmo xeito reduciu a cinzas o seu territorio, Libia, calcinándoo e converténdoo no deserto. Desesperada a Terra pide ao soberano dos deusses que interveña, e Zeus, alarmado, lanza o seu raio que mata a Faetonte, que cae dsede o ceo até dar no río Erídano, mentres os cabalos proseguen a súa carreira desbocados.

A dor da morte de Faetonte, desespera ás súas irmás, as Helíadas, que terminan por ficar convertidas en chopos, mentres o seu desconsolado amigo, Cicno, tórnase nun cisne.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar