Expedición Amundsen
A primeira expedición en chegar ao polo Sur Xeográfico foi encabezada polo explorador noruegués Roald Amundsen. El e catro compañeiros chegaron ao polo o 14 de decembro de 1911, cinco semanas antes que unha expedición británica encabezada por Robert Falcon Scott chamada Expedició Terra Nova. Amundsen e o seu equipo retornaron de forma segura até a base, e máis tarde, coñeceron que Scott e os seus catro compañeiros morreran na viaxe de retorno.
Os plans iniciais de Amundsen centrábanse no Ártico e na conquista do polo Norte por medio dun barco crebaxeos. Con este obxectivo obtivo o uso do barco de exploración polar de Fridtjof Nansen, o Fram, e emprendeu unha extensiva campaña de recollida de fondos para a expedición. As preparacións para esta expedición interrompéronse cando, en 1909, os exploradores americanos Frederick Cook e Robert E. Peary afirmaran por separado que chegaran ao polo Norte. Entón, Amundsen mudou os seus plans e comezou a prepararse para a conquista do polo Sur. Inseguro de até que punto a opinión pública e os seus partidarios lle darían apoio, gardou en segredo o cambio de plans. Até o comezo da expedición, en xuño de 1910, a maioría de membros da tripulación crían que se estaban a embarcar nunha expedición ártica.
Amundsen estabeleceu a súa base Antártica, a Framheim, na baía das Baleas na barreira de xeo de Ross. Despois de meses de preparación, de estabelecer depósitos de aprovisionamento e dunha saída nula que case acabou en traxedia, el e a súa tripulación partiron cara ao polo en outubro de 1911. Durante a viaxe descubriron o glaciar Axel Heiberg, que seguiron durante a ruta cara ao altiplano polar e finalmente cara ao polo Sur. O dominio dos membros da expedición do uso de esquís e a súa habelencia cos cans de zorras aseguraron unha viaxe relativamente pouco problemática. Entre os outros éxitos da expedición cóntanse a primeira exploración da península de Eduardo VII e unha extensa exploración oceanográfica.
Aínda que o éxito da expedición foi moi aclamado, a historia do fracaso heroico de Scott eclipsou a súa vitoria. Do mesmo xeito, algúns sectores criticaron moito a decisión de Amundsen de manter en segredo os seus auténticos plans. Porén, os historiadores modernos recoñeceron sen reservas a habilidade e o valor da expedición de Amundsen. A base científica permanente no polo leva o seu nome, xunto co de Scott.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Expedición Amundsen |