Exército de Salvación

O Exército de Salvación (en inglés: The Salvation Army é unha denominación cristiá protestante e unha das maiores institucións de caridade do mundo. Foi fundado en 1865 por William Booth, ministro metodista, xunto coa súa esposa Catherine Mumford, en Londres no auxe da Revolución Industrial. Actúa en 126 países,[1] mediante igrexas, tendas de beneficencia, albergues, centros comunitarios, hospitais, escolas, residencias de anciáns, escolas infantís, centros de rehabilitación, vehículos e equipos de emerxencia.[2]

Historia editar

 
William Booth

O Exército de Salvación foi fundado na zona leste da cidade de Londres en 1865 polo pastor metodista William Booth e a súa esposa Catherine. Orixinariamente, Booth nomeou a organización "Misión Cristiá do Leste de Londres", mais en 1878 reorganizouna, dándolle un carácter militar e chamándoa "Exército de Salvación".

William pregaba aos pobres, mentres que Catherine contactaba cos ricos para conseguir apoio financeiro para o traballo. Ela tamén actuaba como minstra relixiosa, o que era bastante pouco común naquela época.

 
O pub "The Blind Beggar", no leste de Londres, coñecido punto de oración de William Booth

William Booth pasou a ser coñecido como Xeneral, e a súa dona ficou coñecida como a Nai do Exército de Salvación. Booth describía así o lema da organizacións:

Os tres "S" representan mellor o xeito en que actúa o Exército de Salvación: primeiro a Sopa ("soup"), despois o Xabón ("soap") e finalmente a Salvación ("salvation").

Os primeiros membros do Exército de Salvación, eran persoas alcóholicas e con vicios e prostitutas convertidas ao protestantismo. Moitos deles, na procura dunha vida de acordo cos principios morais do cristianismo protestante, mudaban os seus hábitos de vida.

 
Gustaf Cederström: Die Heilsarmee (1886). Kate Booth, filla de William Booth, pregando nun bar de París

A medida que o Exército de Salvación medraba no fin do século XIX, tamén medraba a oposición ao movemento en Inglaterra. Os que se opuñan reuníanse no Exército Esqueleto ("Skeleton Army"), para perturbar os encontros do Exército de Salvación e as súas actividades sociais. Moitos opositores, que chegaban a agredir fisicamente os membros "salvacionistas", eran donos de tabernas e bares que estaban a perder a súa clientela cando novas persoas deixaban o "vicio" e se unían ao Exército de Salvación.

 
A expansión mundial do Exército de Salvación

A partir do fin do século XIX e o inicio do século XX o traballo do Exército de Salvación expandiuse rapidamente. Países como os Estados Unidos (1880), Australia (1881), Francia (1881), a India (1882), Suráfrica (1883), Arxentina (1890), o Xapón (1895), Chile (1909) e o Brasil (1922), entre moitos outros recibiron o traballo do Exército de Salvación.

Traballo social editar

O traballo social do Exército de Salvación está bastante diversificado, estando dividido en tres grandes áreas:[3]

  • Asistencial: Comprende a organización e mantemento de programas de protección á familia, á maternidade, á infancia, á adolescencia e á vellez, de acubillo de mulleres e embarazadas e de adolescentes en situación de risco ou con necesidades, persoas de idade e necesitadas en xeral, e de clínicas médicas e dentais e servizos á comunidade.
  • Promocional: Comprende a organización e mantemento de programas de promoción humana, como residencias de estudantes, institucións de longa permanencia para a terceira idade e promoción de cursos, seminarios e profesionalización, entre outros.
  • Educativo: Comprende a organización e mantemento de programas de educación infantil, de apoio escolar, escolas e cursos.

Destaca tamén a atención a situación de emerxencia en todo o mundo.

Tendas de beneficencia e doazóns editar

Inspirados no modelo norteamericano de "Thrift Stores", os bazares do Exército de Salvación revenden as roupas e os mobles doados co obxectivo de obter recursos para manter as obras sociais. Todos os recursos xerados empréganse no mantemento das diversas actividades sociais do Exército de Salvación.

O valor revértese nos programas asistenciais mantidos pola institución, como os centros comunitarios, as escolas infantís, os centros integrados, as clínicas médicas e os fogares para persoas maiores.[3]

Igrexas editar

O Exército de Salvación herdou do metodismo a maior parte das súas crenzas e tradición da doutrina, polo que se inclúe na igrexa de orixe Wesleyana. As igrexas do Exército de Salvación chámanse "corpos", e os membros denomínanse "soldados".

Os membros usan uniforme e existe unha xerarquía con características militares, onde os pastores e os bispos son "capitáns", "maiores", "coroneis" e "comisarios".

A himnoloxía é bastante diversificada e rica, tendo o Exército de Salvación un libro de música propio, denominado "Cancioneiro Salvacionista".

Para converterse en membro do Exército de Salvación cómpre facer o curso de soldados nun "Corpo" salvacionista ou declararse membro adherente, sen o compromiso do soldado.

O conxunto de crenzas pode resumirse nas once doutrinas utilizadas pelo Exército de Salvación como base de fe:

  1. Cremos que as Escrituras do Antigo e do Novo Testamento foron dadas por inspiración de Deus, e que só elas constitúen a regra divina da fe e da práctica cristiás.
  2. Cremos na existencia dun único Deus, infinitamente perfecto, Creador, Preservador e Gobernador de todas as cousas, e único obxecto lexítimo do culto relixioso.
  3. Cremos que existen tres persoas na Divindade: o Pai, o Fillo e o Espírito Santo, indivisíbeis na súa esencia e iguais en poder e gloria.
  4. Cremos que na persoa de Xesucristo se achan unidas as naturezas humana e divina, de modo que El é verdadeira e propiamente Deus e verdadeira e propriamente humano.
  5. Cremos que os nosos primeiros pais foron creados nun estado de inocencia, porén, pola súa desobediencia, perderon a súa pureza e felicidade; e que como consecuencia da súa caída, todos os homes se fixeron pecadores, totalmente depravados, e como tales incorren con xustiza na ira de Deus.
  6. Cremos que Xesucristo fixo, polo seu sufrimento e a súa morte, expiación polo mundo enteiro, para que todo aquel que quixer poida salvarse.
  7. Cremos que o arrepentimento para con Deus, a fe no Noso Señor Xesucristo e a rexeneración polo Espírito Santo son necesarios para a salvación.
  8. Cremos que estamos xustificados pola graza, mediante a fe no Noso Señor Xesucristo, e que todo aquel que cre ten o testemuño nel mesmo.
  9. Cremos que a continuación no estado de salvación depende da fe obediente e continua en Cristo.
  10. Cremos que é privilexio de todos os crentes seren santificados en todo, e que o seu espírito, alma e corpo poden conservarse íntegros e irreprensíbeis ata a vinda do Noso Señor Xesucristo.
  11. Cremos na imortalidade da alma, na resurrección do corpo, no xuízo final, na felicidade eterna dos xustos, e no castigo dos maos.

Música editar

O Exército de Salvación é moi coñecido polas súas bandas de estilo marcial, formadas polos membros das igrexas arredor de todo o mundo. A principal función das bandas é auxiliar musicalmente nas reunións do Exército de Salvación e divulgar a obra da institución en lugares abertos.

A banda "salvacionista" máis prestixiosa é a International Staff Band, fundada en 1891,[4] situada ao nivel de grandes bandas de metais como a Black Dyke Band. Outras bandas de metais do Exército de Salvación de gran calidade son New York Staff Band, Canadian Staff Band, Chicago Staff Band,Amsterdam Staff Band, Regent Hall Staff Band ou Melbourne Staff Band.

Algunhas igrexas do Exército de Salvación tamén posúen bandas como acompañamento musical para os cultos.

Notas editar

  1. "The Salvation Army International - Salvation Army Work Begins in Cambodia". www.salvationarmy.org. Consultado o 19 de marzo de 2018. 
  2. "The Salvation Army International - Our Work". www.salvationarmy.org. Consultado o 19 de marzo de 2018. 
  3. 3,0 3,1 "Exército de Salvação - Doações". www.exercitodoacoes.org.br. Consultado o 19 de marzo de 2018. 
  4. "Welcome! - The International Staff Band". www.theisb.com. Consultado o 19 de marzo de 2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar