Estatuto de Autonomía das Canarias

O Estatuto de Autonomía das Canarias é a norma institucional básica da comunidade autónoma das Canarias. É a norma encargada de configurar a súa organización institucional. Establecido mediante lei orgánica 10/1982, entrando en vigor o 16 de agosto de 1982 e sendo reformada por lei orgánica 4/1996, o 30 de decembro de 1996.

Historia editar

O 30 de maio de 1481, tras a Conquista da illa de Gran Canaria por parte da Coroa de Castela, ten lugar a firma do Pacto de Calatayud entre Os reinos das Españas e o Reino das Canarias. Esta Carta concedía ás Canarias unha serie de privilexios económicos e fiscais. Posteriormente crearíanse varios organismos, de distintos niveis, como os Cabidos insulares, a Audiencia das Canarias e o Bispado.

Tras finalizar coa Conquista das Canarias ao completo, esta carta foi concedida a todas as illas, xa que ao principio só estaba a ser aplicada en Gran Canaria.

Durante os séculos XVII e XVIII, o Pacto vai perdendo forza.

No século XIX aparecéronlle normas que outorgaban un réxime diferencial para as Canarias, como o Real Decreto de Portos Francos en 1852 e a Lei de Portos Francos de 1900, provocando a diminución de aranceis e a entrada e saída a baixo prezo de mercadorías.

Intentos autonomistas editar

Durante a Primeira República e co proxecto de Constitución federal de 1873, proxectouse dotar as Canarias co grao de Estado federativo:

Artigo 1º.- Compoñen a Nación Española os Estados de Andalucía Alta, Andalucía Baixa, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Castela a Nova, Castela a Vella, Cataluña, Cuba, Estremadura, Galicia, Murcia, Navarra, Porto Rico, Valencia, Rexións Vascongadas. Os Estados poderán conservar as actuais provincias ou modificalas, segundo as súas necesidades territoriais.
TÍTULO I: Da Nación Española

Pero o pronunciamento do xeneral Martínez Campos, fixo desparecer a República, e por tanto o proxecto federal.

Ata 1931, coa aparición da Segunda República, non se volveu a nomear ningún proxecto de autonomía para as Canarias nin para as demais rexións españolas. A Constitución española de 1931 abriuse o camiño para que as distintas rexións puidesen converterse en autonomía. Para que isto chegase a darse era necesario que as provincias que se querían unir, creasen un estatuto. Nas Canarias, o proceso autonómico aparece en 1936 (o Fronte Popular gaña as eleccións) mediante o republicano Ramón Gil Roldán, presidente saínte da Mancomunidade Provincial Interinsular de Santa Cruz de Tenerife, e o Colexio de Axentes Comerciais das Palmas, que presentan senllos proxectos de Estatutos.

En agosto de 1936, as Mancomunidades Provinciais das Palmas e Santa Cruz de Tenerife son as encargadas de realizar unha nova proposta de Estatuto para Canarias, onde se fai mención á capitalidade compartida.

Con todo, o golpe de estado de xullo de 1936 interrompe este proceso, aparecendo a ditadura do xeneral Franco cun modelo de estado unitario.

Estatuto actual editar

Coas eleccións constituíntes ábrese unha etapa preautonómica, pola que se crea a Junta de Canarias mediante Real decreto 9/1978 como órgano de Goberno das illas. Esta será a encargada de redactar o estatuto das Canarias. A Xunta funcionou en Pleno Permanente e en Consello Permanente e tiña como funcións, entre outras cuestións, xestionar e administrar as funcións e servizos que transfira a administración do Estado (Real Decreto 476/1978 do 17 de marzo).

A redacción do estatuto comeza e é aprobada o 10 de agosto de 1982 mediante a Lei Orgánica 10/1982. O mesmo día é aprobada a LOTRACA (Lei Orgánica de Transferencias Complementarias as Canarias) coa que as competencias da Comunidade aumentaron.

O estatuto reformouse en 1996 introducíndose o termo de nacionalidade, o concepto de arquipélago na determinación do territorio, a mellor consideración das illas e os seus cabidos e asumíronse as materias transferidas mediante a LOTRACA.

Unha segunda reforma foi aprobada polo Parlamento das Canarias en 2006 e remitida ao Congreso dos Deputados, pero, tras ser bloqueada, a proposta foi finalmente retirada.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar