Estación de Seguimento de Satélites de Espazo Profundo de Cebreros

Coordenadas: 40°27′10″N 4°22′03″O / 40.4528, -4.3676

Imaxe da antena parabólica
Estación de Seguimento de Cebreros

A Estación de Seguimento de Satélites de Espazo Profundo de Cebreros (abreviada como DSA 2, "Deep Space Antenna 2") atópase situada na localidade de Cebreros (Ávila, España), a uns noventa quilómetros ao noroeste de Madrid.

Inaugurouse oficialmente o 28 de setembro de 2005[1], e é a segunda estación de seguimento e a segunda de espazo profundo da Axencia Espacial Europea (ESA), que complemento no seu momento á DSA 1 situada en Nova Norcia (Australia), inaugurada en 2002. A antena permitiu o uso da técnica Delta-DOR (delta - Differential One-way Range) para o seguimento satelital. Existe unha terceira antena (DSA 3) instalada en Malargüe (Arxentina), que entrou en funcionamento en 2013.

Até 2002, a ESA carecía de medios propios para comunicarse con naves destinadas a outros planetas, ou situadas en órbitas moi afastadas, e dependía da rede de escoita da NASA para recibir os datos solicitados por estes.

CaracterísticasEditar

O prato móbil da antena ten 35 metros de diámetro. A estrutura completa mide 40 metros de altura e pesa 620 toneladas. Os cimentos profundizan ata 20 metros. Gran parte da maquinaria responsable de mover a antena está baixo terra.

Ten máis capacidade de adquisición de datos que a antena de Nova Norcia, xa que recibe e transmite información na banda Ka (31,8 - 32,3 GHz) ademais de ter recepción na banda X. O seu axuste de dirección ten un erro de só seis miligrados (o que supón dez veces máis precisión que as antenas de seguimento habituais de 15 metros de diámetro). Conta con 250 sensores de temperatura repartidos por toda a estrutura, de forma que esta pode autoaxustarse automaticamente no caso de ocorran dilatacións e contraccións do material debido aos cambios meteorolóxicos. Con respecto á antena de Nova Norcia, é tamén máis rápida para colocarse en azimuth e elevación, e é capaz de soportar un vento máis intenso.

Habitualmente, a antena é operada remotamente desde o Centro Europeo de Operacións Espaciais (ESOC) localizado en Darmstadt (Alemaña).

EmprazamentoEditar

A estación atópase rodeada de piñeiros e xaras. Á parte da súa situación privilexiada, a elección recaeu en Cebreros debido a que posúe as coordenadas xeográficas necesarias (preto de 120 graos ao oeste da estación de Nova Norcia) e á falta de interferencias radioeléctricas producidas pola telefonía móbil.

Nun principio barallouse a opción de Villafranca do Castillo (Madrid), onde a ESA xa dispón dun Centro de Astronomía Espacial (ESAC), pero foi descartada debido ao seu acelerado desenvolvemento urbanístico, que sería, sen dúbida, unha fonte segura de interferencias. Outro argumento a favor de Cebreros foi contar coas instalacións que a NASA utilizou nos anos 1960 e 1970 para o seguimento das naves do programa Apollo. A NASA abandonou o uso desta estación en 1983 por motivos orzamentarios e cedeu as instalacións ao goberno español.

ConstruciónEditar

A procura do emprazamento para a estación de Cebreros comezou en abril de 2002, aínda que a construción non se iniciou até xaneiro de 2003. Esta durou un pouco máis de dous anos (finalizou en agosto de 2005, e desde entón comezoui a funcionar en probas).

A construción foi responsabilidade dun consorcio liderado polas compañías SEDE Systems (Canadá) e por Vertex Antennentechnik (Alemaña). As empresas españolas ESTEYCO e NECSO encargáronse da infraestrutura da torre da antena, en tanto que LV Salamanca responsabilizouse das infraestruturas e da remodelación do edificio.

O custo da estación de Cebreros foi duns 30 millóns de euros, dos que 22 foron para a antena.

O primeiro director foi o español Valeriano Claros.

MisiónsEditar

Cubriu misións interplanetarias, como a sonda espacial Rosetta, enviada ao espazo en 2004 para aterrar por primeira vez nun cometa, o Churyumov-Gerasimenko, tras unha viaxe estelar de dez anos, e as operacións rutineiras da misión Venus Express, e utilízase na actualidade como apoio para a Mars Express.

Asemade, participa en misións, como BepiColombo, a Mercurio, así como do seguimento dos telescopios espaciais Herschel, Planck, LISA Pathfinder e Gaia.

NotasEditar

  1. esa. "About delta DOR". European Space Agency (en inglés). Consultado o 2019-02-08. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns e externasEditar