Tito Ramallo

futbolista español

Rogelio "Tito" Ramallo Peña, nado na Coruña o 29 de abril de 1969,[1] é un exfutbolista, preparador físico e adestrador de fútbol galego. A súa traxectoria está estreitamente vencellada ao Deportivo da Coruña, e especialmente ao seu filial, o Fabril, no que exerceu varios funcións ao longo de catro décadas diferentes. É o adestrador que máis partidos dirixiu na historia do Fabril, cun total de 445.

Tito Ramallo
Información persoal
Nome Rogelio Ramallo Peña
Nacemento 29 de abril de 1969
Lugar de nacemento A Coruña
Altura 1,76 m.
Posición Defensa
Carreira xuvenil
1980–1987 Victoria
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1984–1987 Victoria
1987–1992 Fabril
1992–1993 Bergantiños
1993–1994 Sada
Adestrador
1999–2001 Deportivo da Coruña (xuvenís)
2001–2012 Fabril
2015–2016 Banants
2017–2018 Cerceda
2018 Fabril
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Como xogador editar

Comezou a xogar ao fútbol nas rúas coruñesas e aos 11 anos ingresou no Victoria, club do que fora un dos seus fundadores en 1943 o seu avó Tito Ramallo Riveiro.[2] Pasou un ano xogando no Club Deportivo As Moas, e tras regresar á canteira do Victoria, debutou co primeiro equipo aos 15 anos.[3]

En 1987 incorporouse ao Fabril e no filial coruñés xogou cinco tempadas como líbero, capitaneando o equipo que conseguiu o ascenso a Segunda División B en 1991. Tras unha campaña na división de bronce e de disputar dous partidos amigables co primeiro equipo do Deportivo, deixou o club en 1992, fichando polo Bergantiños.[4] Militou durante un ano no equipo adestrado por Ramón Piña, ao tempo que remataba a carreira de Educación Física.[5] Xogou unha última tempada no Sada, antes de colgar as botas con só 25 anos, lastrado por varias lesións e despois de se ter iniciado xa como adestrador no fútbol base, dirixindo equipos de nenos tanto no Victoria como no Deportivo.[3]

Como adestrador editar

No ano 1993 recibiu unha chamada de José Ángel Franganillo, preparador físico do Deportivo da Coruña, ofrecéndolle ser o seu axudante.[3] Despois de varios anos no corpo técnico do Fabril, en 1999 púxose á fronte do Deportivo Xuvenil, equipo da División de Honra, ao que adestrou durante dúas tempadas.

En 2001 converteuse no novo adestrador do Fabril, ao que dirixiu durante as seguintes 11 tempadas. Co filial deportivista foi tres veces campión de Terceira División, logrou dous ascensos a Segunda B e xogou nunha ocasión a fase de ascenso á Segunda División. Ao remate da tempada 2011/12 anunciouse que non seguiría como adestrador do equipo, despedíndose como o adestrador con máis partidos na historia do filial (436).[6][7] O seu substituto foi José Luis Devesa.

En 2015 fichou polo FC Banants, de Iereván, capital de Armenia. Con este equipo deu a sorpresa e gañou a Copa de Armenia, o que ademais lle deu ao equipo a clasificación para a fase previa da Copa da UEFA.[8]

O 11 de xullo de 2017 anunciouse a súa fichaxe como adestrador do Cerceda, acabado de ascender a Segunda División B.[9] Dirixiu o equipo ata xaneiro de 2018, cando foi destituído por mor dos pobres resultados obtidos, non conseguindo ningunha vitoria nas anteriores 18 xornadas.[10]

O 15 de xuño de 2018 o Deportivo da Coruña anunciou a súa contratación para o Deportivo Fabril, substituíndo a Gustavo Munúa.[7] No seu regreso ao filial contou con Manuel Pablo como segundo adestrador.[11] O 22 de outubro de 2018 foi cesado, logo dunha vitoria, un empate e sete derrotas.[12] Foi substituído polo castellonenco Sergio Pellicer.[13]

Palmarés editar

Adestrador editar

Fabril

Banants

Notas editar

  1. Ficha en BDfutbol
  2. "Raúl cumplirá mañana el sueño de su abuelo". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de abril de 2010. Consultado o 25 de febreiro de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "UNA HISTORIA DE FÚTBOL". titoramallo.com (en castelán). Consultado o 25 de febreiro de 2023. 
  4. "Tito, nuevo fichaje carballés, espera que el Bergantiños «me sirva de trampolín»". La Voz de Galicia (en castelán) (Carballo ed.). 19 de xullo de 1992. p. 58. 
  5. "Tito llegó a un acuerdo con la directiva del equipo carballés". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xullo de 1992. p. 44. 
  6. "Adiós a Tito Ramallo" (en castelán). 16 de maio de 2012. Consultado o 25 de febreiro de 2023. 
  7. 7,0 7,1 "Tito Ramallo, novo adestrador do Fabril". Deportivo da Coruña. 15 de xuño de 2018. Consultado o 25 de febreiro de 2023. 
  8. "Tito Ramallo y su cuerpo técnico español, campeones de copa en Armenia" (en castelán). 6 de maio de 2016. Consultado o 1 de xuño de 2021. 
  9. "El Cerceda estrena categoría y entrenador: Tito Ramallo". Marca. 11 de xullo de 2017.  (en castelán)
  10. "Tito Ramallo deja de ser entrenador del Cerceda". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xaneiro de 2018. Consultado o 25 de febreiro de 2023. 
  11. "Tito Ramallo regresa al Fabril". La Voz de Galicia. 15 de xuño de 2018. 
  12. "Tito Ramallo deixa de ser adestrador do Fabril". Deportivo da Coruña. 22 de outubro de 2018. 
  13. "Sergio Pellicer, novo adestrador do Fabril". Deportivo da Coruña. 23 de outubro de 2018. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar