As numulitas[1] son foraminíferos fósiles pertencentes ao xénero Nummulites, do que fan parte máis de 200 especies. O nome deriva do latín nummulus (moediña), pola forma da súa cuncha, que asemella unha moeda.

Calcaria numulítica da Gran Pirámide de Giza nun gravado do século XIX

As numulitas eran animais unicelulares (protozoos) que vivían nos mares do Paleoceno e o Eoceno hai entre 40 e 65 millóns de anos. Estes organismos tiñan unha cuncha calcaria envolta en forma de espiral plana, subdividida en varias cámaras por septos transversais. As numulitas eran verdadeiros xigantes unicelulares, chegando, nos exemplares máis grandes a superar os 10–12 cm de diámetro no Eoceno medio. A evolución destes organismos foi moi rápida, polo que son moi apreciadas en Xeoloxía como fósiles guía.

As súas cunchas fosilizadas encóntranse con bastante frecuencia nas rochas calcarias do Eoceno presentes na rexión mediterránea, tanto na beira europea como na de África. En Exipto as calcarias numulíticas do Eoceno foron empregadas na Antigüidade como material para construír as pirámides. De feito, unha especie destes organismos, a Nummulites gizehensis, toma o nome da localidade de Giza, en Exipto.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para numulita.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar