A illa de Mbanié (en castelán Mbañe) é un pequeno illote fronteirizo entre Gabón e a Guinea Ecuatorial, dunhas trinta hectáreas de extensión, e que supuxo un importante conflito territorial entre os dous países.

Illa de Mbanié
Situación
Paísen disputa
MarOcéano Atlántico (Baía de Corisco)
Coordenadas0°48′37″N 9°22′44″L / 0.810163, 9.378901Coordenadas: 0°48′37″N 9°22′44″L / 0.810163, 9.378901
Xeografía
Superficie0,3 km²
Demografía
Poboacióndeshabitada

Xeografía editar

As deshabitadas illas de Conga, Mbanié e Cocotiers son unhas fitas de terra situadas na desembocadura do río Mbini, antes chamado Muni, na baía de Corisco. Na baía existen varias illas, das cales as pertencentes a Guinea Ecuatorial (Corisco, Elobey Grande, Elobey Chico, Leva e Hoco) son as maiores en extensión. Ademais, algunhas destas foron habitadas e incluso desempeñaron un importante papel durante a colonización. Conga, Mbanié e Cocotiers están situadas ao sueste. As súas coordenadas son 0º35' N e 9º30' E. As súas praias son lugar para a cría da tartaruga Lepidochelys olivacea ou tartaruga oliva.

Conflito de pertenza editar

En realidade estas tres illiñas non foran claramente repartidas tampouco entre as potencias coloniais (Francia e España), e en moitas ocasións non figuraban nos mapas daquel tempo pola súa insignificancia. Pero a importancia destas illas deshabitadas mudou cando unhas prospeccións feitas polo goberno gabonés apuntaron a posibilidade de que existise petróleo nelas.

Con todo, o conflito diplomático xa comezara en 1972, cando o goberno ecuatoguineano argumentada que o Tratado de París asinado en 1900 entre Francia e España –as antigas potencias coloniais– situaban as illas en augas españolas e, por tanto, ecuatoguineanas. Cando España descolonizou Guinea Ecuatorial deixou sen resolver o conflito. Na opinión do goberno gabonés en 1974 o presidente do seu país, Omar Bongo e o daquela xefe de estado ecuatoguineano, Francisco Macías Nguema, asinaran un acordo que solucionaba "definitivamente" a cuestión ao traspasarlle a soberanía aos gaboneses.

O conflito reavivou cando en febreiro de 2003 Gabón ocupou militarmente Mbanié nunha operación capitaneada polo fillo do presidente, Alí Bongo. O goberno de Malabo negou a validez xurídica do documento asinado por Macías e considerou a operación unha invasión. En 2004 os dous países chegaron a un principio de acordo para explotar de forma conxunta os xacementos das tres illas e para despregar tropas conxuntamente. Pero non houbo máis avances dende aquela nunhas conversas do máximo nivel abeiradas por Kofi Annan en Xenebra. O 25 de setembro dese ano, un xornal local gabonés, L'Écho du Nord, acusaba o ministro do interior do seu país, André Mba Obame de traizoar os intereses da nación ao propor a venda de Mbanié ao goberno ecuatoguineano. O diario foi suspendido na súa publicación polo goberno gabonés.

Explotación petrolífera editar

A petrolífera Shell ten asinado un contrato co goberno gabonés para a explotación dos xacementos, mentres que a española Repsol e a estadounidense Mobil teñen o do goberno ecuatoguineano. Guinea Ecuatorial e Gabón son a terceira e a cuarta potencia africana, respectivamente, en pozos de petróleo.