A Gibson Flying V é unha guitarra eléctrica fabricada por Gibson e lanzada no ano 1958. No momento da súa aparición, a Flying V ofrecía un deseño de corpo radical e "futurista", ao igual que a súa irmá, a Gibson Explorer, que foi lanzada no mesmo ano.

Historia editar

Gibson fabricou os primeiros prototipos da guitarra no ano 1957. As unidades de produción foron construídas en madeira de korina (o nome comercial da madeira da Terminalia superba), unha madeira semellante pero do cor máis clara que a caoba. Esta Flying V, xunto coa Futura (Explorer) e, inicialmente, a Moderne, formarían parte dunha liña de guitarras futuristas deseñadas polo entón presidente da compañía, Ted McCarty. Estes deseños estaban destinados a darlle un aspecto máis futurista á imaxe de Gibson, pero non se venderon nada ben. Despois do lanzamento inicial en 1958, a fabricación interrompeuse en 1959. Algúns instrumentos foron fabricados de pezas sobrantes e enviados en 1963.

O guitarrista de blues-rock Lonnie Mack e o guitarrista de blues Albert King comezaron a usar a guitarra case inmediatamente. Máis tarde, a mediados dos anos 60, guitarristas como Dave Davies e Jimi Hendrix, buscando unha guitarra cunha aparencia distintiva e cun son potente, tamén comezaron a usar a Flying V. O renovado interese creou unha demanda para que Gibson volvese lanzar o modelo.

Gibson volveu vender a guitarra en caoba no ano 1967, actualizando o deseño cun golpeador máis grande e estilizado, e desfacéndose da ponte orixinal, en favor dun máis asociado cos modelos de Gibson. Este modelo de 1967 é agora o estándar para a Flying V. Ao igual que noutros modelos de Gibson, o caravilleiro da Flying V está angulado a 17 graos para incrementar a presión das cordas e así ter un son máis sostido.

A Flying V de korina de 1958-59 é un dos modelos de guitarra de produción máis valorados do mercado, sendo o número 5 do top 25 publicado no ano 2011 pola publicación Vintage Guitar, cun valor entre 200.000 e 250.000 dólares.

Tanto Gibson como Epiphone fabrican actualmente unha Flying V como a de 1958, deseñada para parecerse aos modelos orixinais de korina.