Dólar de prata do bicentenario da Casa Branca

moeda conmemorativa estadounidense de 1992
Dólar de prata do
bicentenario da Casa Branca
A/: Fachada norte da Casa Branca. Data; marca de gravador (EZS) e marca de ceca..

Lendas: THE WHITE HOUSE / 1792 1992 / IN GOD WE TRUST / LIBERTY

R/: O arquitecto James Hoban fronte á entrada principal da Casa Branca.

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / JAMES HOBAN / ONE DOLLAR

  • Valor: 1 dólar.
  • Gravador: Edgar Z.Steever (anv.) e Chester Y. Martin (rev.).
  • Datas de emisión: 1992
  • Ceca: US Mint: Cecas de Denver (D) e de West Point (W).
  • Tiraxe: 499.654 exemplares.
  • Aliaxe: 90 % prata e 10 % cobre.
  • Diámetro: 38,1 mm.
  • Peso: 26,73 g.
  • Espesor: 2,8 mm.
  • Canto: estriado.

O dólar de prata do bicentenario da Casa Branca é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1992 e cuñada polas Cecas de Denver e de West Point.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 102-281, do 13 de maio de 1992,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda en conmemoración do bicentenario da colocación da primeira pedra da Casa Branca, o 13 de outubro de 1792.[2]

Deseño editar

 
Logotipo oficial da Casa Branca, coa fachada norte do edificio, que se reproduce no anverso da moeda conmemorativa.

No anverso da moeda, deseñado polo gravador Edgar Z.Steever, reprodúcese unha vista frontal da fachada norte da Casa Branca. A lenda alusiva ao motivo conmemorado é THE WHITE HOUSE, e a dobre data 1792 - 2992, a ambos os lados da bandeira, refire a un tempo ao bicentenario conmemorado e ao ano de emisión da moeda.[2][3]

Pola súa banda, o reverso, obra de Chester Y. Martin, reproduce un retrato de medio corpo de James Hoban (1755-1831), o arquitecto irlandés que deseñou a Casa Branca.[2][3]

Produción e comercialización editar

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa de Moeda de Denver, onde se cuñaron as pezas estándar, e na Casa da Moeda de West Point, que cuñou as moedas con acabamento especial (proof)[3] e estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 17 de xullo de 1992.[2]

A súa produción foi de 123.803 moedas na súa condición estándar e 375.851 en versión con acabamento proof, o que fai un total de 499.654 exemplares, é dicir, practicamente o máximo da tiraxe autorizada.[3][4]

A moeda comercializouse aos prezos de 28 dólares en condición estándar e 32 en versión proof, e o beneficio conseguido coa súa venda destinouse á Colección de Belas Artes e Moblaxe Histórica da Casa Branca, para o mantemento das salas públicas históricas deste edificio.[2][3]

Recoñecementos editar

O dólar de prata do bicentenario da Casa Branca foi recoñecido co Premio Moeda do Ano 1994 á moeda máis popular das emitidas no mundo en 1992.[5]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar