Historia do Ilves: Diferenzas entre revisións

Contido eliminado Contido engadido
Piquito (conversa | contribucións)
Traio a sección de historia do artigo xeral do equipo para traballala aquí e resumir posteriormente para o artigo principal.
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 14 de outubro de 2021 ás 21:34

Fundación e primeiras tempadas

 
O Tampereen lyseo, onde naceu Ilves en 1931.

O Ilves foi fundado no instituto Tampereen Lyseo o 10 de abril 1931 por Niilo Tammisalo, que era profesor no centro, para que o alumnado puidera practicar deportes de pelota.[1] Tammisalo acabaría converténdose no primeiro presidente do club.[1][2]

Ilves xogou o seu primeiro partido no xeo do Näsijärvi o 24 de xaneiro de 1932, caendo por 2 goles a 1 fronte ao Tampereen Palloilijat (TaPa) marcando para Ilves Reino Lahtinen. Pouco despois o equipo debutou en competición oficial, de novo fronte a TaPa no mesmo escenario, o 6 de febreiro dese mesmo ano na primeira rolda do campionato finlandés, nun partido que finalizou co mesmo resultado que o disputado uns días antes.[3][4][5] Na súa segunda tempada os de Tampere enfrontáronse en Helsinqui ao Helsingfors Skridskoklubb (HSK) o 12 de febreiro de 1933, caendo por cinco goles a dous nun partido eloxiado pola prensa local como o "o mellor partido de hóckey xogado nunca en Finlandia". O 6 de marzo dese mesmo ano Ilves enfrontouse a un combinado da capital finlandesa, gañando 4-3 para sorpresa da maioría, con este partido o equipo foi seleccionado para enfrontarse ao equipo sueco do Hammarby IF, contra o que perdeu pola mínima (1-0).[6] En decembro de 1933 Ilves finalizou a súa pista de xogo á beira do Pyhäjärvi.[7]

En 1934 Ilves acadou o terceiro posto do campionato finlandés, gañando a medalla de bronce. Esa tempada, a suxestión de Ilves, o campionato finlandés disputouse en formato de liga e non de copa, co cal unha derrota inicial non puña fin á participación dun equipo na competición. O equipo de Tampere comezou a súa andaina en Helsinqui fronte o Helsingin Palloseura (HPS), fronte ao que caeu por tres goles a un. O seguinte partido, celebrado en Tampere, empatou (1-1) co Helsingfors Skridskoklubb (HSK), mentres que o derradeiro partido supuxo a primeira vitoria da historia de Ilves logo de derrotar a Helsingin Jalkapalloklubi (HJK). O xogador de Ilves Jaakko Tiitola converteuse no máximo puntuador e compartiu o título de máximo goleador xunto con Holger Sarmola. En inverno dese ano Niilo Tammisalo puxo punto e final á súa carreira como xogador e converteuse en adestrador do equipo a tempo completo, así como en presidente da entidade.[8] Ao final da tempada, o tamaño insuficiente da pista e os problemas causados pola patinaxe no xeo do lago levaron ao equipo a abandonar o novo campo logo de tan só unha tempada e a decidir construír unha nova pista de xeo.[7]

O ano seguinte o equipo de Tampere mellorou a súa clasificación final logo de conseguir a medalla de prata tras finalizar en segunda posición por detrás de HJK. O equipo do lince gañou a metade dos catro partidos disputados, vencendo todos os encontros que disputou como local e perdendo nas súas dúas visitas á capital. Esa tempada debutou o primeiro reforzo estranxeiro do equipo, o turco Feyzi Ahsen-Böre.[9] Ademais o equipo mudou a súa pista ao extremo sur de Koulukatu e Mariankatu, nuns terreos do Club de Tenis de Tampere, xunto á Escola de Economía.[7]

Primeiros títulos

 
Equipo de Ilves campión de Finlandia en 1938.

En 1936, tan só dous anos despois da súa primeira medalla proclamouse campión por primeira vez na súa historia, revalidando o título os dous anos seguintes.

Temposo de guerra

En 1942, logo de permanecer invicto durante catro anos, o Ilves perdeu un partido en Hämeenlinna, onde o Tarmo puxo fin a unha xeira de 34 vitorias consecutivas. En 1945 o Ilves alzouse novamente como campión finlandés, revalidándoo novamente os dous anos seguintes, e conseguindo novamente entre 1950 e 1952 outros tres títulos consecutivos sen perder ningún partido.

En 1965 construíuse en Tampere o primeiro estadio cuberto de hóckey sobre xeo, o Hakametsän jäähalli, converténdose o moderno estadio na casa do Ilves.

En 1970 finaliza na segunda posición por terceiro ano consecutivo. O equipo consegue estar entre as tres primeiras posicións durante nove anos seguidos, conseguindo dúas medallas de ouro, catro de prata e tres de bronce entre 1963 e 1970. O 15º título do equipo chegou en 1972, coa superestrela canadense Len Lunde (primeiro xogador estranxeiro do Ilves e que tamén adestraría ao equipo).

Entre 1976 e 1982 o equipo sofre unha crise de resultados, non conseguindo ningunha medalla nestes anos, mais en 1985 chegaría o 16º título nacional tras derrotar ao TPS nunha emocionante final ao mellor de cinco partidos na que os de Turku gañaron os dous primeiros partidos e o Ilves conseguiu remontar a final na mellor remontada vista nunca no hóckey finlandés. En 1990 rematou na segunda posición, gañando na final o TPS por catro partidos a dous. En 1998, tras non conseguir ningunha medalla nas sete tempadas anteriores, o Ilves chegou unha vez máis á final baixo a dirección do adestrador ruso Vladimir Jursinov, onde o HIFK de Helsinqui dominou a serie e gañou o título tras vencer en tres partidos (3-0). A última medalla gañada ata o momento polo equipo chegou en 2001, cando conseguiu unha sorprendente terceira posición, mais tan só dous anos despois o equipo viviría a súa tempada máis triste logo de finalizar na derradeira posición na liga, conseguindo porén ao ano seguinte unha meritoria sexta praza baixo a dirección do adestrador checo Vaclav Sykora. En 2005, logo dunha mala tempada de outono, a tripla do canadense Steve Kariya, o checo ex de Atlanta Thrashers Patrik Stefan, e Hannes Hyvönen axudou ao Ilves a conseguir unha meritoria sétima posición, mellorando ao ano seguinte cunha sexta praza.

No 2008 retirouse un dos mellores xogadores do Ilves, Raimo Helminen, rematando a tempada nos cuartos de final fronte ao Oulun Kärpät, que finalmente se faría co título de liga. Con todo, no 2010 o equipo finaliza a liga regular na última posición, gañando a permanencia nos playoffs. Ao ano seguinte, no 2011, o equipo integrado principalmente por xogadores xoves conseguiu unha meritoria oitava posición.

O 26 de xaneiro de 2021 o Museo do Hóckey sobre xeo Finlandés inaugurou unha exposición adicada ao club con motivo do seu 90º aniversario.[10]

  1. 1,0 1,1 "Seuran esittely" (en finés). Ilves ry. Consultado o 14 de xullo de 2021. 
  2. "ILVES RY:N PERUSTAMISKOKOUS 10.4.1931" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 14 de xullo de 2021. 
  3. "KOTIKENTÄT" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  4. "Reino Lahtinen" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  5. "Kausi 1931-32" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  6. "Kausi 1932-33" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Wacklin 2006, p. 23.
  8. "KAUSI 1933-34" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  9. "KAUSI 1934-35" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 19 de setembro de 2021. 
  10. "Ilves 90 -näyttely Jääkiekkomuseossa" (en finés). VisitTampere.fi. Consultado o 12 de setembro de 2021.